EU SON pide explicacións sobre a personación do concello no xulgado contra o anterior goberno e varias empresas

eu son porriño

Esixe o acceso inmediato ao informe do secretario no que se basea

O Porriño, 31 de agosto de 2022

Ante a nova publicada no Faro de Vigo do 24 de agosto da “apertura de vía penal” contra empresas que facturaron máis de un millón de euros por traballos sen xustificar en presunta connivencia con membros do anterior goberno, Patricia Sío e J. Manuel Villa concelleiros de EU Son esixen acceso inmediato ao informe do secretario municipal e explicacións do goberno actual.

Unha semana despois o silencio é vergoñento. O goberno lanza a mensaxe ao medios e ás RR. SS. como un simple anuncio, sen render contas ao resto da Corporación, os outros grupos calan. Os nosos concelleiros sempre foron claros e non van ser cómplices da normalización da corrupción. Consecuencias xudiciais á marxe, a obriga deste grupo é manterse firme na denuncia política de calquera irregularidade, goberne quen goberne e nos supoña as presións, a todos os niveis, que nos supoña.

As supostas afirmacións subscritas en dito documento por Eduardo Portela, funcionario habilitado nacional e fedatario do concello, son gravísimas. Isto non pode pasar sen máis e, como mínimo, debería convocarse a toda a Corporación para unha explicación polo miúdo.

Sentenzas xudiciais, varias en recursos interpostos por empresas, e parece que agora este informe do secretario dannos a razón. Fomos o único grupo que pediu responsabilidades políticas polo absoluto descontrol do anterior goberno. Isto comezou coa demisión da alcaldesa e non pode rematar ata que non se chegue ás últimas consecuencias. Cos cartos dos veciños e as veciñas non vale o de borrón e conta nova.