Con esta liña de subvencións o Goberno municipal fomenta e apoia ás entidades que desenvolven programas de promoción do benestar social
O prazo para presentar a solicitude remata o vindeiro 15 de setembro
Un ano máis o Concello de Ponteareas pon en marcha unha liña de subvencións dirixidas a entidades sociais que desenvolven actividades no municipio durante este ano 2022. Trátanse de axudas coas que se busca “fomentar e apoiar as iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que levan a cabo programas que promoven o benestar social da veciñanza a través de diferentes accións, continuando na liña marcada polo actual Goberno municipal desde 2015 de colaboración coas entidades sociais”, como explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.
Estas subvencións permitirán realizar accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá ou de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, entre outras. As axudas será para actividades realizadas ao longo do ano 2022, a contar dende o 1 de xaneiro.
O Concello investirá un total de 10.000 euros nestas axudas, cun máximo de 3.000€ por entidade. Carrera salienta que estas subvencións “outórganse con fondos propios municipais e se conceden de forma transparente e en concurrencia libre”.
As entidades sociais interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro. As bases, xunto co formularios en formato editábel, están a disposición na sede electrónica e na páxina web do Concello.