A Praza da Mina róuballe protagonismo ao Seixo na programación de verán en Tomiño

A Praza da Mina róuballe protagonismo ao Seixo na programación de verán en Tomiño

Tras a súa reforma integral, a Praza da Mina acolleu catro espectáculos dirixidos ás e aos máis pequenos do concello

Tomiño, 1 de setembro de 2022.

A Praza da Mina, en pleno núcleo urbano do Seixo, transformouse dende a súa reforma integral nun dos principais eixos da actividade cotiá na vila. Por primeira vez, este céntrico espazo converteuse no escenario de parte da programación de verán de Tomiño, especialmente daquela dirixida a público infantil e familiar.

Un emprazamento único no que os tomiñeses e tomiñesas puideron desfrutar da ‘Máquina do tempo’ de Teatro Ghazafelhos , do ‘Consertasso na horta’ de Brais Gutiérrez, ‘A corda’ de Avela Circo e de ‘A voar’, de Cé Orquestra Pantasma, catro espectáculos que tiveron unha grande acollida por parte do público.

As obras de mellora remataron no mes de xuño e supuxeron unha renovación total do anterior parque, convertendo toda a superficie nun elemento de xogo en si mesmo, accesible e inclusivo, que está a devolverlle á Praza da Mina a súa condición de espazo de reunión, convivencia e lecer no que os pequenos e pequenas son os protagonistas.

A alcaldesa Sandra González asegura que “a actuación, que pretendía crear un espazo máis seguro para que nenos e nenas puideran xogar sen perigo, conseguiu devolverlle a súa esencia a un dos puntos máis concorridos do núcleo do Seixo, que ademais está situado nas proximidades dun xardín de infancia e dunha escola infantil, polo que é perfecto para que as cativos e cativas coincidan e compartan o seu tempo de lecer”. A rexedora tomiñesa informa tamén de que tralo éxito da programación de verán, a Praza da Mina repetirá como escenario de novos eventos e espectáculos infantís.

Os nenos e nenas de maior idade, terán tamén o seu propio espazo. Os traballos de rehabilitación do Campo da Feira están a piques de comezar e dotarán ao parque dunha pista de skate máis ampla que a actual e novos elementos de xogo.