Inscricións en marcha para a VI Carreira Popular de Mondariz

Inscricións en marcha para a VI Carreira Popular de Mondariz

A proba deportiva, organizada polo Concello de Mondariz coa colaboración da Asociación Deportiva Mondariz o 24 de setembro, presenta varias categorías de participación para menores e maiores de 18 anos

Este ano, o Concello de Mondariz volve contar coa Asociación Deportiva Mondariz para organizar a sexta edición da Carreira Popular de Mondariz, un evento que non se celebraba desde 2019 por mor da pandemia de Covid-19. O proceso de inscrición xa está en marcha no sitio web de CCNorte (https://ccnorte.com/evento/detalle/id/2403/vi-carreira-popular-de-mondariz) e permanecerá activo até o 22 de setembro. A participación ten un custe de 5 euros para os/as participantes maiores de 18 anos, e é gratuíta para os/as menores, aínda que a inscrición é requerida en todos os casos.

A Carreira Popular de Mondariz está programada para o 24 de setembro. Como noutras edicións, está concebida como unha proba de sete quilómetros para as categorías absolutas e presenta diferentes percorridos para as categorías de menores. A carreira de menores está dividida en sete categorías: chupetes (nados entre os anos 2019-2022), pitufos (nados entre os anos 2017-2018), prebenxamíns (nados entre os anos 2015-2016), benxamíns (nados entre os anos 2013-2014), alevíns (nados entre os anos 2011-2012), infantís (nados entre os anos 2009-2010) e cadetes (nados entre os anos 2007-2008). A carreira de adultos tamén está dividida en categorías: seniors (nados entre os anos 1987-2006), veteranos A (nados entre os anos 1977-1986) e veteranos B (nados antes de 1976).

V Marcha BTT “Montes de Mondariz”

Semanas despois da VI Carreira Popular de Mondariz, o 12 de outubro, está programada a V Marcha BTT “Montes de Mondariz”, outra tradicional actividade organizada pola Asociación Deportiva Mondariz coa colaboración do Concello de Mondariz. O proceso de inscrición para este percorrido en bicicleta de montaña para maiores de 18 anos tamén está en marcha no mesmo sitio web de CCNorte até o 10 de outubro. Trátase dunha ruta de 40 quilómetros, cun percorrido opcional de 50 quilómetros, de dificultade media/alta.