Tui da a benvida ao outono cunha programación de teatro e música de calidade e referente

Tui da a benvida ao outono cunha programación de teatro e música de calidade e referente

Seis espectáculos conforman a nova temporada no teatro tudense

Tui. Mércores, 25 de setembro de 2024.

O próximo venres 4 de outubro comeza unha nova temporada de programación no Teatro Municipal de Tui na que dende o Concello de Tui se continúa a apostar por unha oferta cultural de calidade, variada e para todos os públicos. Nesta ocasión o teatro e a música centran a oferta de seis espectáculos, dos que tres van dirixidos a público familiar, e tres a público adulto.

A presentación da programación tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, Sonsoles, Vicente xunto ao Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro e Esther F. Carrodeguas de ButacaZero.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que a presentación da programación do teatro “sempre é un momento moi especial xa que esta axenda vén marcada dende hai tempo por esa especial relevancia pola calidade artística sendo un referente non só en Tui, senón na provincia e en Galicia”. Esta programación destacaba que “achega a Tui a moitas persoas tanto de Galicia coma de Portugal atraídas por esta oferta cultural que sempre foi un referente”. Enrique Cabaleiro reafirmou “a aposta importante que se realiza porque Tui siga a ser un referente na cultura en xeral e no teatro en particular”.

Mentres a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosou a súa satisfacción por presentar unha nova temporada de actividades no Teatro tudense na que buscaron presentar unha oferta variada para todos os públicos. Deu conta dos seis espectáculos que forman esta programación.

A programación abrirase o venres, 4 de outubro, coa compañía vasca Teatro Paraíso, que achega a Tui un espectáculo de clown “Entrecajas” para público familiar no que a imaxinación e amizade son os protagonistas. A compañía celebra con esta montaxe os seus 45 anos en escena. Foron galardoados co Premio FETÉN 2024 ao Mellor Espectáculo de Clown.

Tamén para público familiar é “A trompa non só é cousa de elefantes” de Catro Cores. Trátase dunha obra musical e teatral na que catro instrumentistas acompañarán ao público no descubrimento dun instrumento musical. Será o venres 18 de outubro

A Tui regresa, o venres 8 de novembro, a compañía Elefante Elegante co seu novo espectáculo “Kyoki” no que aborda a memoria e a soidade cunha linguaxe cómica e poética para chegar aos máis pequenos.

ButacaZero estará en Tui o venres, 11 de novembro, con “Iribarne” unha obra, coma explicaba esta maña Esther F. Carrodeguas na que “dende sátira, a dramaturxia contemporánea e o xogo teatral pretenden facer unha viaxes pola historia de España”. É unha peza crítica e irónica sobre a política e o poder.

Nesta programación de outono haberá oportunidade de gozar, o venres 31 de outubro, coa última montaxe do Centro Dramático Galego “Terceiro acto” que propón unha reflexión sobre a vellez e o legado, combinando humor e drama

Por último pechará esta programación Paula Pier coa súa primeira obra “Eu, fraude”. Será o venres 15 de novembro cun espectáculo de poesía, música e danza que celebra o amor propio e a forza vital. O elenco está formado por Paula Pier, María Velasco e as tudenses Chus López e Sandra Pérez.

Os espectáculos para público familiar comezarán ás 19 h e para público adulto ás 21 h. A entradas están xa á venda no apartado de Axenda na web tui.gal até unha hora do comezo de cada espectáculos. Os prezos oscilan entre os 3 e os 10 € en función da obra.

Con esta variada programación o Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa cultura, consolidando o Teatro Municipal de Tui como un espazo que ofrece espectáculos de gran calidade e que cada ano atrae a un público fiel e diverso.