Despois de revisar o plan da Xunta de Galicia, para a reactivación do sector cultural, e cavilar sobre as medidas presentadas referentes as “artes plásticas”, concretamente, as orientadas a fomentar a actividade levada a cabo por artistas, queremos manifestar publicamente a nosa desconformidade.
A grandes rasgos podemos subliñar que estas medidas protexen fundamentalmente á industria cultural e á turística deixando de lado a materia prima do ámbito artístico, as e os artistas. Se ben compartimos a necesidade de apoiar as empresas do sector cultural, non entendemos que, unha vez máis, sexa a figura do artista, a máis vulnerable.
Pensamos que este plan e pouco preciso e non mostra no seu contido o detalle no que se desenvolverán ditas medidas. Por outra banda, os enunciados expostos no plan, parécennos, nalgúns casos, sen sentido. Nestas circunstancias non se adaptan á realidade dos e das artistas visuais en Galicia.
Dito o cal, gustaríanos subliñar nos seguintes epígrafes, certas apreciacións xerais sobre as devanditas medidas:
– O requisito de rango de idade para poder competir ou optar a unha axuda para producción de proxectos ou compra de obra é, nestes momentos, un despropósito e roza a falta de respecto cara o traballo das e dos artistas visuais residentes en Galicia. As e os artistas, de todas as idades, estanse vendo afectados polas circunstancias derivadas do COVID-19. Ademáis, pedimos encarecidamente que os procesos de compra ou desfrute dunha axuda por parte dun artista sexa froito dun proceso público de concorrencia competitiva e con garantías. Debemos subliñar neste punto a necesidade de que as compras de obra ou encargos a artistas realícense directamente cos autores, sen empresas intermediarias.
– A Realización do Encontro de Artistas Novos, EAN, non pode considerarse coma unha medida de reactivación porque xa existía previamente ao estado de alarma. Realizar un encontro de artistas na actual situación, ademáis de parecernos inviable tendo en conta as condicións sanitarias, non incide directamente na reactivación do traballo das e dos artistas. Hai que ter en conta que este tipo de encontros non supón ningún tipo de rédito económico para as e os creadores, máis aló do mero feito promocional. Todos os beneficios económicos deste tipo de actividades redundan no propio ente organizativo e nos servizos subcontratados.
– Alégranos saber que se tomarán medidas para apoiar á Asociación Contemporánea de Galerías de Arte de Galicia. Porén, non aparece ningún tipo de apoio para cooperativas formadas por artistas, artistas autónomos ou asociacións de artistas. Este tipo de discriminacións afonda, aínda máis, na situación de vulnerabilidade e de exclusión social das e dos artistas.
No plan de reactivación tampouco existen medidas especificas para as e os artistas, como sí aparecen para empresas e xestores culturais, orientadas a súa formación, profesionalización e mellora da súa competitividade. As e os artistas existen e teñen as mesmas necesidades profesionais que o resto dos axentes de calquera eido. Así pois, tamén merecen programas de formación, profesionalización e asesoramento.
As medidas dirixidas ás “artes plásticas” parécennos insuficientes e ineficaces para a mellora da vida profesional dos artistas no eido cultural galego. Pensamos que esta situación de crise é un bo momento, incluso unha oportunidade, para facer as cousas doutro xeito e, se cabe, empezar a sentar as bases dun ámbito artístico e sector cultural máis estable, productible e sostible a longo prazo. Unha oportunidade para reverter a discriminación histórica que, a práctica profesional levada a cabo por artistas en Galicia, sofre no seu propio eido profesional, o cultural.
Inda estamos a tempo e seguiremos a disposición das administracións para axudar a mellorar a actividade profesional dos e das artistas en Galicia.