“ YO CREO EN EL SISTEMA”

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O 31 de maio do ano 2011, o actual xefe do estado español visitaba a cidade de Pamplona. Na rúa, unha moza chamada Laura achegóuselle e mantivo unha breve conversa con el sobre a posibilidade de establecer mecanismos de participación democrática que permitiran decidir o modelo de estado. Felipe de Borbón participou na conversa , rematándoa cun despectivo “ ya has tenido tu minuto de gloria”. Porén, o que máis me chamou a atención daquel episodio foi unha das apreciacións que manifestou, o actual rei, naquela pequena charla :” yo creo en el sistema” dixo o que hoxe é xefe do estado español. De feito, veume moitas veces á memoria nestes anos, inzados de traxedias que botaban fóra do sistema a inxentes cantidades de persoas condenadas á pobreza á fame, cando non a seren obxecto de violencia en guerras que outros deciden que se deben librar.

O pasado 22 de abril o xornal arxentino CLARÍN, publicaba as conclusións dun informe asinado por David Beasly, director do programa de alimentos da ONU .No devandito informe, os seus autores expoñen que no momento actual 821.000.000 de persoas pasan fame todos os días. Asemade, estiman que estamos a piques de entrar nunha fase de pandemia alimentar na que arredor de 300.000 persoas van morrer de fame, cada día, durante os próximos tres meses. Non é difícil facer a conta, máis que probablemente, nos próximo trimestre 27.000.000 de persoas morrerán de fame. Por último, o informe Beasley amosa que como resultado da actual crise sanitaria outros 130.000.000 de persoas, cara aos últimos meses do ano, poderían verse empurradas á inanición, co que non é en absoluto descartable que a finais deste 2.020, ou a principios do ano 2.021, 1.000 millóns de persoas pasen fame no planeta terra. É posible crer nun sistema que en 90 días, vai condenar á morte por inanición, a unha cantidade de persoas que equivale a case un de cada dous habitantes de toda a península ibérica?. É posible crer nun sistema no que centos de millóns de persoas pasan fame a diario?. Non, claro que non é posible. Só desde unha posición de privilexio e a modo de auto xustificación moral, pois se nós formamos parte da minoría privilexiada non é nada fácil saírmos da nosa zona de confort para recoñecer que a pobreza de moitos é a causa da inmensa riqueza duns poucos, ou desde a perspectiva de quen se sente máis cómodo no papel de súbdito ca no de cidadán , poden entenderse as apreciacións referentes ás supostas bondades sistémicas do liberalismo económico. A crise sanitaria que aínda non rematou, permitiu que o sistema quedase espido, diante dos que teñan ollos para ver claro, pois sempre haberá quen prefira seguir analizando a política desde unha perspectiva moral e responsabilizando dos problemas á maldade de persoas concretas. Os recortes sanitarios que practica a dereita sempre que ten a oportunidade gobernar situaron á sanidade do primeiro mundo ao borde do colapso. A entrega das residencias de anciáns ao lucro do negocio privado posibilitou a morte de milleiros deles, e, como sempre pasa nas circunstancias de crise, é o público quen ten que rescatar da morte a quen se afoga, ata o punto que un liberal como Luis de Guindos, ministro de economía de M.Rajoy, chegou a defender a necesidade dunha renda vital mínima.

Ao meu modo de ver os que non cremos no sistema e non queremos mirar para outro lado podemos facer tres cousas: 1) combater con pedagoxía democrática, rigor intelectual e solidez moral a propaganda dos que o defenden.2) Organizarmos en partidos, sindicatos, ou asociacións que postulen e practiquen un modo de entender as relacións humanas, e co entorno, baseadas na xustiza social, no pacifismo, na igualdade, na fraternidade, na cooperación, no feminismo, no ecoloxismo e na liberdade de todos os pobos do mundo para decidírmonos o noso camiño.3) Votar.

Moi pronto, no país galego, haberá eleccións, de nós depende que os que recortan e privatizan os servizos públicos esenciais sigan 4 anos máis gobernando na Xunta, ou non.