Zamáns en Festas

Festas Zamáns

Os próximos 30, 31 de agosto ,1 e 2 de setembro a parroquia viguesa de Zamáns vivirá as súas festas grandes. A conservación dos elementos que permitan manter vivos os sinais de identidade das nosas parroquias é un traballo moi meritorio que merece ser apoiado na medida das posibilidades de cadaquén. E a Parroquia é a organización natural do pobo galego. Por moito que alcaldes e alcaldesas pailáns e pailanas traten de homoxeneizar o que é heteroxéneo con escuras parvadas, como a morea de luces de Nadal do alcalde de Vigo ou as rotondas cacofónicas da alcaldesa de Mos, unha persoa de Zamáns pode ser administrativamente de Vigo, pero nas súas emocións máis íntimas é de Zamáns.

E é igualmente así en todas e cada unha das parroquias do país galego. A parroquia é o lugar no que comezamos a descubrir o mundo e a construír a nosa identidade persoal e colectiva. Alí vivimos por vez primeira a dozura das longas noites de verán compartidas, a emoción dos primeiros afectos e a dor e a amargura das primeiras perdas.

Zamáns é unha parroquia que ten un encanto especial, se cadra pode ser unha perfecta metonimia da situación na que se encontra Galicia: En tensión entre un vello mundo que esmorece e un novo universo que non se acaba por clarexar. Zamáns debe de poder conservar a súa identidade para que as xeracións futuras manteñan viva a memoria, o traballo e a dignidade dos que estiveron antes, e neste sentido celebramos con eles as súas festas e convidamos aos nosos lectores e lectoras a gozar coa súa veciñanza dos días grandes desta fermosa parroquia.