O pasado 5 de decembro a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo (FAVEC) convocaba unha concentración no Marco en defensa dun transporte público digno. Alí estiveron os traballadores e traballadoras de Vitrasa. Esta é a empresa concesionaria do transporte público na cidade de Vigo, que é propiedade de avanza , un grupo estatal que á súa vez é propiedade dunha multinacional mexicana, o grupo ADO. O persoal de Vitrasa leva en conflito laboral desde agosto do ano 2021 cando convocaron os dous primeiros días de folga despois da negativa da empresa a negociar un novo convenio, caducado a finais do 2020.Nestes máis de dous anos o conflito pasou por distintas fases que foron desde folgas indefinidas ata paros parciais. No momento de redactar esta reportaxe , 5 de decembro, estamos en folga indefinida desde o 25 de novembro.
A concentración na que estivo A Nova Peneira foi no Marco aproveitando a presenza do alcalde de Vigo nun acto institucional. Ao rematar o evento o alcalde foi apupado polos concentrados, e protexido por un importantísimo operativo policial Abel Caballero amosou unha actitude chulesca, provocadora e pueril facendo xestos máis propios dun adolescente de poucas luces ca dun político minimamente serio que se encontra ante homes e mulleres que só están a defender os seus dereitos. Nós falamos con Imanol o presidente do comité de empresa.
“ O alcalde mira a outro lado no grave conflito do servizo do transporte público, e elude as súas responsabilidades coa sociedade viguesa”
Imanol Arnoso, CIG, presidente do Comité de Empresa.
Á esquerda Imanol Arnoso
De onde es ti e como chegaches a Vitrasa?
Eu son donostiarra. Levo case 17 anos en Vigo, antes do meu traballo actual eu conducía un tráiler co que xa tiña experiencia na condución e puiden aproveitar a oportunidade de traballar aquí cando esta ocasión se cruzou no meu camiño.
Canto tempo levas en Vitrasa?
Entrei no 2008
Como se iniciou a túa relación co sindicalismo?
Xa a tiña en Euskadi. Procedo dunha familia de tradición sindical. Cando cheguei a Galicia non coñecía a realidade sindical do país e despois de analizar as distintas opcións existentes decidín afiliarme á CIG , xa no 2008 o ano que entrei en Vitrasa, porque entendía que era o sindicato que máis se adecuaba á miña forma de entender o sindicalismo.
Cando te presentaches por vez primeira ás eleccións sindicais?
No 2014.Ese ano xa fun elixido delegado e son presidente do comité desde o ano 2017.
Que distribución aritmética ten o comité de empresa?
5 CIG, 4 CCOO, 2 UGT e 2 USO.
Que situación encontras cando entras en Vitrasa?
Unhas condicións laborais asombrosas, así por exemplo tiñamos o prezo da hora extra por debaixo da hora ordinaria. Tiñamos os descansos sen regular. Non podías planificar a vida porque non sabías cando descansabas ata pouco tempo antes do descanso.
Que ambiente laboral había naquel momento?
Bastante mellor que o que hai coa dirección actual, que se non lembro mal entrou no ano 19. O director actual, Carlos González Lozano, é asturiano e xa tiña experiencia de xestión de transporte público en Asturias.
Por que empeorou a situación coa actual dirección?
Esta dirección entrou na empresa co coitelo entre os dentes. Tratan de aforrar gastos de calquera maneira incluso eliminando ou reducindo descansos nos percorridos que agora son “ micro descansos”.
Os tempos que marca a empresa para facer os percorridos son realistas?
Depende das circunstancias. Pero aínda que sexan perfectas é complicadísimo cumprir cos tempos. Os tempos que nos marca a empresa son de moi difícil execución.
Ben, entón estamos en que ao voso xuízo esta dirección entra co “ coitelo entre os dentes” e arguméntalo en base a dous aspectos: a eliminación e diminución de descansos e a existencia duns tempos marcados para os percorridos que entendes como non realistas. E en relación á política salarial que nos tes que dicir?
No 2016 asinamos o último convenio, que ten efectos retroactivos desde o 2015 e rematou no 2020.A CIG non o asina pero si o resto de sindicatos. A finais do 2020 comezamos as negociacións , eu xa son presidente do comité naquel momento, para o novo convenio pero desde o primeiro momento a disposición negociadora da empresa foi nula.
Así de claro o dis: “nula vontade negociadora”?
Si, así de claro. Din que non tiñan capacidade económica para un novo convenio malia que nas contas que nos presentan no 2020, que son as do 2019, había un remanente na caixa de Vitrasa de máis de 50 millóns de €.Cantidade que logo se foi reducindo porque é certo que a pandemia provocou un descenso importante do volume de viaxeiros.
Entón se a empresa manifesta nula vontade negociadora que é o que quere facer?
Agardar a que o Concello achegue máis cartos á empresa. Sobre este asunto quero apuntar que entre o 20 e o 21 Vitrasa recibe máis de 5 millóns de € do estado para compensar as perdas provocadas pola pandemia. A propiedade de Vitrasa leva tempo facendo recortes cando o racional sería facer unha oferta moito máis vistosa da que hai, e que propiciara o aumento de viaxeiros.
Estamos en decembro do 20.Que decisión toma o comité?
Pois fomos pacientes e razoables, non paramos de negociar nos meses seguintes e non comezamos a exercer lexítimas medidas de presión para defender os nosos dereitos ata agosto do 21.Nese momento fixemos a primeira folga de dous días. En outubro dese ano comezamos con paros parciais. Estivemos exercendo esa medida de presión ata o mes de decembro que comezamos unha folga indefinida.
Máis de dous anos de conflito¡¡
Pois si, esa folga creo que durou 18 días e o seguinte paso que tomamos foi pedir unha mediación , algo que unha parte do comité non vía.
Chega a mediación?
Si, nos primeiros meses do 22.E aos poucos momentos a empresa nos comunica que non vai negociar nada e que quere formular un descolgue salarial.
É dicir baixar os salarios?
Si, baixar os salarios un 30% ao longo do 2022 e non contentos con iso tamén queren incrementar as horas de traballo. Algo que foi totalmente inaceptable para o comité. Solicítase unha arbitraxe e a inspección de traballo determina que esa formulación da empresa era imposible.
Polo tanto seguimos coas mobilizacións?
Si, mesturando folgas con paros parciais. A empresa solicita un requilibrio ao Concello un requilibrio económico primeiro de 19 millóns de € e logo de 31.
Agora mesmo, 5 de decembro, estamos nunha situación de folga indefinida de 24 horas, verdade?
Si, desde o 25 de novembro.
Os servizos mínimos son xustos ou desmedidos?
Inicialmente foron desmedidos. De feito gañamos no xulgado pois determinaran uns servizos mínimos de arredor do 60% o que claramente vulnera o dereito á folga.
A posición da empresa segue a ser a mesma?
Si, non facer nada ata recibir os cartos do Concello.
Cales son as principais reivindicacións vosas?
-Actualización salarial.
-Regularización de descansos xustos e necesarios.
-Adecuación á realidade dos tempos dos percorridos.
-Solucionar o problema da eventualidade.
-Elaborar un calendario de vacacións que ocupe menos meses do ano. Agora mesmo temos unha rotación de vacacións que vai desde marzo ata novembro.
-Adecuar a xornada do persoal de condución á mesma que fan os compañeiros e compañeiras de administración e de taller. Os condutores traballamos case media hora máis o día que o resto do persoal. Se botas a conta son moitas horas de traballo máis ao ano
Vitrasa é a concesionaria dun servizo municipal, polo tato o concello non pode permanecer alleo a esta problemática. Como valora o presidente do comité de empresa a actitude do Concello?
A concesión actual de Vitrasa remata en xuño do 2025, e os últimos 5 anos foron de regalo pois cando caducou a última no ano 20, en plena pandemia, o alcalde aduce o motivo da pandemia para regalarlle 5 anos máis a Vitrasa.
Este é un servizo público e o alcalde ten que velar para que se preste nas mellores condicións posibles. El ten que esixirlle á empresa que se sente a negociar con nós e que chegue a acordos. Non pode dicir, como dixo, que el non se mete nas negociacións entre unha empresa e os seus traballadores porque entón está a eludir as súas responsabilidades nun tema básico para a cidadanía de Vigo como o transporte.
Falastes co alcalde?
Non.
Intentástelo?
Tres veces, e as tres veces fomos atendidos por outras persoas. El non se dignou a recibirnos. A última xuntanza tivémola co concelleiro Pardo, foi en marzo abril deste anos, e o que se nos comentou alí foi que era inminente a solución do problema pois o concello achegaría cartos á empresa. 8 meses despois seguimos co problema sen amañar.
Sentídesvos apoiados pola sociedade viguesa?
Si, sentimos un apoio social maioritario e estamos, desde logo, moi agradecidos.
Rematamos: Que actitude ten a empresa con vós?
Está efectuando unha bestial represión sindical contra o comité de empresa, especialmente contra a CIG. De feito agora mesmo 12 traballadores e traballadoras, de Vitrasa temos unha sanción de 60 días de emprego e soldo. Deses 12 traballadores , 9 somos membros do comité, e 6 afiliados á CIG.