Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén

Luciano Otero Pazos de Borbén

Se nalgún dos concellos da nosa área de influencia era evidente a necesidade do cambio político este era Pazos de Borbén. Despois de máis de 20 anos de goberno do PP o desleixo , a ineptitude, e o nepotismo sumiran a Pazos nun estado de esclerose do que vai ser moi difícil que saia. Non dubidamos da vontade nin da competencia do novo goberno nin de novo alcalde, pero si da vontade de colaboración da administración provincial e autonómica que se por algo se ten caracterizado, nos períodos do goberno do PP, é por favorecer aos gobernos do seu partido e por discriminar aos concellos que gobernan outros.

Hai algo que si hai que recoñecer que o PP fai ben, de feito faino mellor que ninguén: nunca se esquece dos seus: Agustín Reguera, ex alcalde de Soutomaior, colocado na Xunta, Javier Bas, ex alcalde de Redondela, colocado na Deputación e Andrés Iglesias ex alcalde de Pazos de Borbén, colocado tamén na Deputación. Medio ano despois do histórico cambio político en Pazos nós conversamos co seu alcalde.

Non vou escatimar esforzos en servir ao meu pobo e poder consolidar o cambio político en Pazos”

Luciano, levas xa medio ano como alcalde, tempo suficiente para poderes emitir unha primeira valoración?

Hai dous sentimentos que poden describir perfectamente o meu estado, ao respecto da túa pregunta: a enorme ilusión e o inmenso sentimento de responsabilidade. Custou moitísimo chegar ata aquí e desde logo que este goberno e este alcalde non van escatimar esforzos , nin vontade, nin ilusión en servir ao noso pobo para que poidamos consolidar o cambio político que Pazos tanto necesitaba. .

É a primeira vez na historia da democracia que hai un alcalde diferente ao PP neste concello?

Correcto. No Pleno de investidura notábase unha alegría colectiva e temos unha responsabilidade con todas estas persoas que tanto loitaron polo cambio.

A situación aritmética non é fácil, tedes catro de 11 representantes e dependedes do concelleiro do Bloque e do PSOE. Como son estas relacións?

Creo que todos nos temos que adaptar a esta situación, mellorar día a día e aprender mutuamente a relacionarnos e convivir. Estamos seguros de que tanto o PSOE como o BNG queren o ben colectivo para Pazos e non van perder a oportunidade de consolidar o cambio político. Creo que nos 4 anos do mandato teremos boas relacións porque se non fose así, hipótese que non concibo, isto pasaríanos factura nas urnas.

En que situación atopastes as finanzas do Concello?

Nunha situación de caos e descontrol. Atopámonos un remanente de 600.000€ e incriblemente, unha chea de facturas no caixón sen pagar.

De cando son estas facturas?

Atopámonos unha de 13.000€ de hai un ano que estaba sen pagar e algunha máis antiga tamén.

Este remanente non se pode gastar sen aprobación do pleno pero, o PP, que vén de ter anos de maioría absoluta, non utilizou esta maioría para aprobar pagar a estes provedores despois de tantos meses.

Púidoo utilizar para mellorar a depuradora para non contaminar o río e non estar continuamente recibindo multas por iso. Acabamos de facer unha proposta para este fin.

Tendo diñeiro, supoño que o único motivo polo que non o fixeron foi o desleixo e a falta de traballo, liderado e preocupación polos problemas do concello.

Cal é a vosa vontade ao respecto?

Un traballador ten que cobrar polo seu traballo, e se traballa para unha administración ten que cobrar axiña. É inadmisible que provedores do concello estean meses sen cobrar polos servizos que prestaron. Nós pretendemos dar un xiro de 180 graos a este inaceptable desleixo. Queremos sufragar estes pagos o antes posible e temos pensado pagar aos provedores a 15 días, para isto hai que Investir nas cousas importantes.

Entón aprobouse en pleno a utilización do remanente?

Si. Saíu aprobado en segunda volta con voto a favor do BNG e abstención do PSOE.

Que argumentou o PP para votar en contra? porque para xustificar o non pagar os servizos que lle prestaron ao concello, e que na súa grande maioría foron encargados polo goberno do PP, hai que ser pouco menos que un mago da dialéctica

Asombrosamente votaron en contra de pagar gastos que asumiran eles ou para gastos correntes de luz, etc.

Para que foi esta factura de 13.000€ que estaba sen abonar?

Para un asfaltado.

Quen defendeu a postura do PP?

Eloísa. E facendo uso dunhas mentiras descaradas como a de que o alcalde se gastou 20.000€ en remodelar o despacho e, o único que se fixo foi cambiar os mobles de sitio. Pedinlle por redes sociais que me presentase esa factura de 20000€ e, a día de hoxe, aínda non o fixo.

O único que se levou a Pleno sobre as instalacións municipais é para mellorar a rede eléctrica en todo o Concello porque está mal. Hai enchufes no meu despacho que están colgados cos cables polo chan, cando cheguei o computador non tiña nin corrente.

Alén da cuestión económica que nos podes dicir do inicio da acción de goberno?

Xusto collemos as rendas do Concello antes do verán e había dúas cuestións importantes como a apertura de piscinas ou o campamento de verán, que foi no que nos centramos ao comezo pois non había ningún trámite feito. Agora estamos a organizar un campamento de nadal para poder conciliar que é a primeira vez que se fai no noso concello, e temos ilusión e expectativas razoables en que saia moi ben e poder ofrecer ese importante servizo de conciliación familiar á sociedade do noso pobo..

Un asunto relevante, no que insistías cando estabas na oposición, é o estado da estrada de Nespereira, como está?

Pois como a Deputación tamén cambiou de Goberno, esperamos un tempo prudente para que puidesen asentarse. Xa en agosto solicitámoslle unha reunión por este tema, posto que un tramo tiña que licitarse xa, e comezar a traballar no seguinte. E aínda non temos resposta. Agardo recibir unha contestación rápida e satisfactoria da administración provincial. Mellorar esa estrada é unha necesidade de extrema urxencia para Pazos de Borbén e non descansarei de esixilo ata que se faga.

Agora un asesor da Deputación, Javier Bas, tédelo moi preto en Redondela.

E a Andrés Iglesias, o anterior alcalde, que agora está na Deputación de administrativo, nun posto de confianza. Nun pleno, un veciño díxolle que se nos podía informar do asunto, parece que non lle sentou moi ben.

A Javier Bas pregunteille cando presentou o novo “Plan de Concellos” do novo Goberno da Deputación, a el e ao presidente, expúxenlles o problema e comuniqueilles que xa había unha partida de diñeiro e un proxecto feito do anterior goberno e non obtiven resposta algunha.

Tivestes algún contacto coa Xunta de Galicia?

Co xerente do Sergas polo problema co Centro de Saúde, que non está ben e hai moita sobrecarga de traballo, hai que aliviar esta situación para unha soa profesional. Quedaron en estudar estas medidas, pero tampouco temos resposta aínda. Estamos pendentes dunha reunión a tres partes entre Concello, Xunta e profesionais do centro. O noso obxectivo é que haxa outro ou outra médica máis.

Cantos profesionais da medicina hai agora no Centro de Saúde?

Hai unha soa doutora que ten que atender a unha cartilla de máis de 1.600 pacientes e unha ocupación de urxencias de 3.000 persoas. Esta doutora ten moi boa vontade, pero é inviable atender a tanta xente e cunha poboación moi envellecida que esixe moitas visitas a domicilio.

Outro asunto preocupante coa anterior administración era o tema das verteduras de auga. Puidestes poñervos a traballar para arranxalo?

Sobre o remanente do que falabamos antes, xa levamos un investimento para a mellora de Moscoso e Amoedo. Estamos a acelerar todo o posible unha modificación puntual do Plan parcial que nos vai a permitir instalar unha nova depuradora. Temos unha empresa que se comprometeu de maneira inmediata a instalar unha depuradora provisional nas instalacións para solucionar estes problemas de verteduras.

E a colaboración da anterior administración existe?

Non, é inexistente.