A historia da cidade de Vigo e da súa comarca non se podería entender sen os Estaleiros. Varias xeracións de vigueses e de veciños das vilas da contorna construíron a súa vida nos chanzos das factorías de construcción naval da nosa ría. Alí viviron sufriron e en ocasións morreron para poder dar de comer con dignidade ás súas familias.Vigo chegou a posuír os dous estaleiros privados máis grandes de todo o estado. O segundo Vulcano semella que está a centímetros da súa morte definitiva, ante a vergonzosa inacción política das distintas administración, e o primeiro Barreras, vive nunha situación de enorme perigo con dous barcos noruegueses empantanados e cun barco , propiedade da empresa Rirz Carlton, a nova dona de Barreras, que non se dá acabado pois as empresas auxliares que prestan servizo no estaleiro deixan de traballar ante a enorme débeda que Barreras ten con eles. Para coñecer un pouco máis o estado das cousas falamos con Alberte, Secretario comarcal da CIG, e con Emilio operario con máis de 40 anos de experiencia na construcción naval.
ALBERTE GONÇALVES SC DA CIG VIGO
“ESTAMOS ENORMEMENTE PREOCUPADOS NON SÓ POLO FUTURO DE BARRERAS , SENÓN TAMÉN POLO DE TODO O SECTOR NAVAL NA NOSA RÍA”
Cal é a situación actual de Barreras?
Para nós é unha situación crítica, case de parálise pois malia que hai unha nova dirección, non vemos que estea a facer o necesario para situar ao estaleiro nuns parámetros adecuados que aseguren a súa continuidade futura.
Por que?
O naval é un mundo moi concreto que require métodos de traballo propios do sector, e que non se pode dirixir a modo de executivos dun holding financiero
Estades preocupados pola situación dos traballadores?
Enormemente preocupados, non só polos traballadores do estaleiro senón pola situación de todas as persoas da industria auxiliar. O estaleiro débelles moitos cartos ás empresas auxiliares, estas marchan para casa sen cobrar e o barco da nova propietaria non se pode rematar. Unha situación complicadísima que pon en risco centos de postos de traballo e a viabilidade do propio estaleiro
A administración?
Debe, non só manifestar, senón tamén executar,unha política inequívoca de apoio ao sector naval na ría de Vigo, e non o está facendo
Ves perigo real de desaparición do Estaleiro e en consecuencia de todas as auxiliares afectadas?
Por desgraza si.
E para a CIG cal sería a forma máis adecuada de xestionar para evitar ou polo menos minimizar ese perigo?
A posición da CIG é moi clara ao respecto: a Xunta de Galicia debe de exercer as súas competencias con responsabilidade, deixar de mirar para outro lado , abandoar dunha vez o reino da fantasía ,e executar unha política realista investindo os recursos que sexan necesarios para asegurar a viabilidade futura dun sector estratéxico para a ría de Vigo
EMILIO MANEIRO OPERARIO DA CONSTRUCCIÓN NAVAL
“A DÍA DE HOXE AS EXPECTATIVAS PARA BARRERAS SON NEFASTAS”
Ti creo que certa veteranía como traballador do naval tes, non?
Home , pois creo que si. Teño 62 anos e comecei aos 15.Case 47 anos na construcción naval xa son uns aniños
Sempre na ría de Vigo?
Non, tamén na de Ferrol. Eu son dalí e vin a Vigo na década dos 80 despois da salvaxe reconversión do sector naval que se fixo naqueles anos
A túa profesión cal é?
Son caldeireiro e interpretador de planos
Con tantos anos de experiencia supoño que terás traballado en bastantes empresas ?
Si, a verdade é que si.
Estiveches en todos os estaleiros da Ría de Vigo?
En todos menos en Armón
O teu sector ten unha dinámica de funcionamento por picos que poden moverse en variables moi extremas. Imaxino que en todos estes anos terás vivido tanto épocas de enorme volume de traballo como épocas de moi pouquiño?
Si é así, recordo por exemplo épocas nas que incluso traballadores da automoción facían cursos de reciclaxe para entrar no noso sector, porque había escasez de operarios, ata o desastre do tax lease que nos condeou a varios anos no desemprego
Agora mesmo onde traballas?
Para unha empresa asturiana que estaba traballando en Barreras, no barco que teñen
E cal é a situación?
Todo ven de atrás e todo resulta dunha organización pésima e xestión lamentable. Xa o suposto miragre PEMEX non foi máis ca unha fraude, logo o asunto dos dous barcos noruegueses empantanados cos que ninguén sabe que facer se non fose dramático sería surrealista. E o de Ritz Carlton pois a ver como remata pero moi boa pinta non ten
Por que ?
Home, en principio no barco que teñen xa levamos un sobre custo de arredor de 100 millóns de €. Asemade hai unha enorme cantidade enorme de modificacións dentro do barco.E por desgraza o estaleiro non está a pagar as empresas auxiliares
Estades na casa?
Si, desde a segunda quincena de outubro.A miña empresa chegou a ter a 90 persoas no estaleiro, logo 40 e agora mesmo só quedan 8. A situación é dramática, outra empresa auxiliar dun día para outro tivo que mandar para casa a 104 traballadores.
Os traballadores afectados estades na situación de paro convecional ou de ERTE?
O noso é un paro convencional. E o problema insisto non é coa nosa empresa que non nos debe nada senón entre o estaleiro e as empresas auxilares que están realmente colgadas
E para ti como se soluciona a situación?
Pois pagando ás empresas auxiliares, só pode ser desa maneira.Á nosa empresa agora mesmo débenlle arredor de 370.000€, e non só á nosa , Barreras débelle a todas as auxiliares o que orixina un problema enorme
O que non entendo é que cun novo propietario, con nova dirección xa non se soluciona o problema da da débeda de inmediato para poder proseguir o traballo con normalidade
Eu tampouco o entendo. Agora están vendendo que si teñen o financiamento pero a solución real, os cartos, non se acaba de ver. De feito eu teño medo de que o barco de Carlton acabe en Cádiz
A compra de Barreras por Carlton é con vontade real de pór a empresa a funcionar ou relamente só para solucionar o problema concreto do barco que ten esa empresa?
Eu quero pensar que as intencións son boas
Cantos traballadores de auxilaires poden estar vivindo a túa situación?
Entre 350 e 400 persoas
As expectativas?
A día de hoxe son nefastas