Un grupo de Centros culturais do Concello de Redondela veñen de rexistrar unha moción na que solicitan o apoio dos distintos grupos políticos municipais para avanzar cara a unha solución xusta e proporcionada á aplicación da taxa de residuos que lles está a ser esixida.
As entidades asinantes lembran que os centros culturais son asociacións que desempeñan unha función social, cultural e comunitaria esencial, especialmente nas parroquias e nas zonas máis afastadas dos núcleos urbanos. Estes espazos constitúen puntos de encontro veciñal, promoven a participación cidadá, acollen actividades culturais, educativas e deportivas e, en moitos casos, serven tamén de apoio á propia actividade municipal.
Nos últimos meses, varios centros culturais están a ser clasificados a efectos tributarios como establecementos de hostalaría, o que supón unha subida desproporcionada da taxa de residuos, sen ter en conta nin a natureza real da súa actividade nin a menor frecuencia do servizo de recollida nas parroquias. Esta situación está a xerar unha carga económica difícil de asumir para entidades que funcionan grazas ao traballo voluntario das súas directivas e ao compromiso da veciñanza.
Desde os centros culturais faise un chamamento ao diálogo, á responsabilidade institucional e á procura de solucións compartidas que permitan compatibilizar o cumprimento da normativa coa protección do tecido asociativo e cultural do municipio.
As asociacións promotoras confían en que os grupos políticos municipais poidan asumir esta iniciativa de maneira conxunta, como mostra de apoio ás parroquias e ao movemento asociativo que, desde hai décadas, contribúe de forma decisiva á cohesión social, á dinamización cultural e á vida comunitaria de Redondela.

Primer comentario