Marcos Santos
Educar é o mesmo
que pór un motor a unha barca…
Hai que medir, pensar, equilibrar…
e poñer todo en marcha.
Pero para eso,
un ten que levar na alma
un pouco de mariño…
un pouco de pirata…
un pouco de poeta…
e un quilo e medio de paciencia concentrada.
Pero é consolador soñar,
mentres un traballa,
que ese barco, ese neno,
irá moi lonxe pola agua.
Soñar que ese navío
levará a nosa carga de palabras
cara portos distantes, cara illas lonxanas.
Soñar que, cando un día
estea a durmir a nosa propia barca,
en barcos novos seguirá
a nosa bandeira enarborada.
Este fermoso poema de Gabriel Celaya foi o primeiro que invadiu o meu corazón despois de conversar con Generoso. No poema, Celaya describe de maneira brillante e esteticamente preciosa o que é un mestre de vocación, despois de pasar toda a súa vida ensinando. É así é Generoso. El é un mestre cunha longa traxectoria profesional, pois máis de 40 anos no mundo da docencia así o amosan .Estivo no San Rafael de Vigo, en Cesantes, en Redondela e no IES Illa de San Simón, instituto que el estreou, e no que confesa que foi realmente feliz traballando. Agora dedícase a gozar da súa xubilación con múltiples actividades entre as que destacan dúas das súas grandes paixóns: O deporte e as maquetas. No que atinxe ao deporte: entre outras cousas organiza unha liga de Tenis en Redondela , e no que se refire ás maquetas estes días puidemos apreciar no multiusos unha impresionante exposición de 70 maquetas que reflicten boa parte do casco urbano do noso querido pobo. Nós conversamos con el para coñecer mellor o seu traballo que parte das rexións máis profundas do seu corazón, alí onde habita o mesmo lugar que está no máis íntimo da miña alma: Redondela.
Botas de menos o mundo do ensino?.
Si, si que o boto, non tanto como pensaba porque cando un se xubila sempre entra certa vertixe xa que vas deixar de facer algo que levabas moitísimos anos facendo. Entón algo de medo sempre dá, pero xa che digo que un pouco de nostalxia sempre queda pero eu estou ben.
Creo que o teu fillo ten moito que ver co asunto que motiva a nosa conversa: as maquetas?
Ben , eu teño un fillo arquitecto e boteille unha man a facer unha maqueta que tiña que entregar cando estudaba a carreira. E gustoume moito, si. Podemos dicir que a raíz daquel episodio comecei neste mundo.
Cantas fotos tes que examinar e analizar de cada construción da que fas unha maqueta?
Entre 100 e 200, máis cerca das 200.
Caramba, na exposición tes 70 maquetas .Iso quere dicir que a cantidade de fotografías, e por conseguinte o traballo que cada unha ten detrás é inmenso?
Si, fotos son moitas abofé que si, e traballo detrás tamén o ten. No caso contrario non sería posible.
O resultado é espectacular, quen me ía dicir a min que no interior do multiusos poderiamos dar unha volta por Redondela?
Moitas grazas Marcos, a miña ilusión foi facelo de maneira que fose tal cal é o pobo e que a xente que acudise á exposición puidese ver as casas tanto por diante como por atrás. Están colocadas de maneira que aparece , na parte que dá ao río, a entrada desde Pontevedra a farmacia de Santa Mariña e polo outro lado a praza do mercado. A parte na que está a farmacia chega ata a praza da Constitución.
Pola parte do Concello chegamos ata a antiga gasolineira . E na outra entrada de Redondela temos o convento de Vilavella e as rúas Pai Crespo e Jose Regojo.
Deuche algún problema serio esta marabillosa reprodución de Redondela?
Si, se cadra as diferentes alturas. Para solucionalo houbo que por unha especie de tacos. Esa zona deume moito traballo.
Que materiais usas?
Case todo é madeira. Hai tamén algo de plástico paras as fiestras e as portas, arame…..
Canto tempo che leva unha maqueta?
Depende do tamaño pero arredor dun mes cada unha.
Cantos anos che levou completar este paseo por Redondela?
Arredor de 17 anos
Que é o máis complicado?
Os balcóns.
Vas continuar?
Hoxe diríate que non. Pero cando remate a exposición e as maquetas volvan á miña casa, xa lles teño un sitio reservado, e coñecéndome , como me coñezo, creo que cando acabe uns choios que estou a facer na casa si que vou continuar.
Eu case me atrevería asegurar que si vas continuar, que ti non es dos que se queda parado a mirar as obras?
Ha, ha , ha .Non, a verdade é que eu non son así. Sempre teño que estar a facer cousas.
Alén das maquetas hai algo que recordes con especial cariño?
Algunhas cousas que lles teño feito aos meus netos, si.
Para rematar vasme permitir dicirche que me encantaría ver no futuro dúas construcións especialmente queridas : O pavillón e a cheminea de Regojo
Moitas grazas Marcos, aínda non cheguei a ningún deses dous sitios, pero co tempo todo se andará
Ha ha ha ha….Estou seguro que será así