O pasado martes 19 Aurora Prieto, concelleira de cultura do goberno de Cangas, acompañada por outros membros da corporación, por membros da confraría do Cristo do Consolo e por Victor Montes, o artista que deseñou o cartel oficial do evento, presentou unha nova edición das festas máis importantes da vila de Cangas.
No fermoso concello do Morrazo hai dúas festas de gran relevancia, ambas cunha enorme dimensión: As festas do Cristo, no centro do pobo, e a Romaxe da parroquia de Darbo. Tanto é así que desta volta o Concello de Cangas tomou a decisión de reducir os días do Cristo, co gallo de non coincidir coa festa de Darbo.
O Cristo comezará co acendido do alumeado o día 29 de agosto ás 21:30 no recinto habitual de Ojea. O mariñeiro e fotógrafo Jose Luis Lorenzo será o pregoeiro do Cristo 2025. O día 31 é propio día do Cristo do Consolo, e ás 11:30 teremos a misa correspondente. A procesión na honra do Cristo celebrarase ás 20:00 do mesmo domingo 31 e terá como colofón un espectáculo pirotécnico que, como é costume no Cristo, seguro fará as delicias de todos os espectadores e espectadoras .En calquera caso debemos de estar atentos, pois por mor da estarrecedora realidade dos lumes que está a sufrir o país galego non podemos desbotar que este espectáculo acabe por ser suspendido.
O Cristo 2025 ten un marcado acento galego con especial relevancia polo talento local. Así por exemplo o festival “ Festi Xove” que se celebrará o 3 de setembro contará con grupos locais como: “ Otero” ou “ Planeta” .
Os concertos que tamén se celebrarán nas naves de Ojea terán a actuación estelar de “ A banda da loba” o sábado 30 ás 22:30 horas, e do grupo Mondra o luns 1 de setembro á mesma hora.
E por suposto como en toda festa da dimensión que ten a festa do Cristo de Cangas non poderían faltar as orquestras e verbenas, que no caso que nos ocupa actuarán nas rúas Eduardo Vicenti e Castelao. Poderemos gozar da música e dos ritmos das orquestras: Gran Parada, Principal e Ritmo Joven.
No verán galego son infinitas as festas, espectáculos e lugares dos que podermos gozar, e ás veces non resulta doado escoller entre a enorme gama de opcións existentes. Pero se queremos gozar do encanto dunha localidade máxica, mesturado cunhas festas de enorme calidade, aconsellamos a todos os nosos lectores e lectoras darse un paseo pola vila de Cangas na semana do Cristo. Iso si: os que decidan ir que vaian con tempo de abondo, pois no caso contrario o de aparcar vai ser case misión imposible.
