As Tareixas presentan “ Santo Mandil”

As Tareixas

En decembro do 2023 nacía nas terras de Ventosela o grupo musical “As Tareixas”.O conxunto está formado por dous irmáns, Omara de 9 anos e Román de 11, e Jose, o seu pai, un músico profesional. Todo comezou cando a avoa Martina, a sogra de Jose, foi operada da cadeira. A avoa seica ten vocación de xornalista pois describiulle á súa familia como se desenvolveu a súa operación paso por paso sen esquecer ningún. A toda a familia pareceulles moi divertido e ocorrente o xeito no que a avoa contou o episodio médico e decidiron levalo ao terreo musical.

Naceu así o grupo ao que chamaron “ As Tareixas”, que é o alcume polo que é coñecida en Ventosela a familia de Olga, nai de Omara e Román e compañeira de Jose.

O camiño polo universo musical das Tareixas comezou con bo pé pois o seu primeiro tema gañou o segundo premio no concurso da Deputación da Coruña “Quero Cantar”.

E pasou o que pasa sempre na vida; cando algo sae ben, sobre todo se é unha actividade que nos gusta e facemos con amor, énchese o corazón de ledicia e a alma asolágase de folgos para seguir polo mesmo camiño. A primeira etapa da viaxe rematou coa composición dun disco, o primeiro disco das Tareixas, cuxo título ten que ver cunha icona de todas as avoas do mundo: O mandil. O traballo chámase “Santo Mandil”, consta de 10 temas entre os que destacan o que lle dá título ou a ópera prima das Tareixas “ A cadeira da avoa”.A temática das cancións está relacionada co propio universo da infancia, e tinxida de matices populares galegos alén dun toque social que as fai moi agradables de escoitar. Na actualidade os artistas de Ventosela están desenvolvendo a xira de presentación do seu disco. Estes son os escenarios nos que podemos gozar da súa música:

-O pasado 23 de agosto estiveron na PUNKATIVADA de Soutomaior.

-O 19 de setembro estarán no auditorio de Moaña.

-O 19 de Outubro na Festa de Outono da Arca da Noe en Vilar de Santos.

Se alguén tivera interese en facerse co disco pode facelo enviando un correo a: astareixas@gmail.com ou mercalo na libraría Rosalía e compañía de Redondela.