Envexa

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Nun debate, tenso, a cara de can, nunha televisión, tocouse o tema da enorme desigualdade de ingresos habitual hoxe en todos os países avanzados, antes era unha característica dos subdesenvolvidos, con especial mención para o Reino de España, onde parece medrar sen ningún freo. Os participantes contrarios á desigualdade apenas aportaban nada máis que cifras. Abrigaban a pretensión de que fose dabondo para que todos desaprobasen o feito. Os que non a cuestionaban, porque non vén na desigualdade nada obxectable, senón a constatación de que a minoría que cada vez ingresa máis, é a que máis aporta aos fondos públicos, despois de ter sido a que emprega a máis traballadores, polo seu lado, respondían cun sucinto: e que? Ou, cal é o problema? Para a continuación se contestar a si mesmos. O problema é a envexa que senten os que presentan os datos de desigualdade como unha ofensa. Enténdase unha ofensa moral. Inda que esta palabra, diría, non se pronunciou en ningún momento.

Polo tanto, admitamos, o problema da desigualdade non é un problema económico, senón un problema psicolóxico ou do carácter da xente, da maioría que cada vez ingresa menos. Daquela, considerala un problema é adoptar o punto de vista dos que posúen mal carácter ou unha mala educación. Non do punto de vista da ciencia, da economía, necesariamente sometida á lei da competencia e, xa que logo, a premiar aos máis competitivos. Que iso comporte deteriorar cada vez máis as relacións sociais conforme á lóxica do negocio, eliminando todo espazo onde gozar do non negocio, é dicir, do simple ocio, é un problema de educación. De igual modo que debe ser un problema de mala comprensión cargar na conta da crecente desigualdade económica o deterioro imparable do xuízo moral.

Adam Smith, o primeiro gran teórico do capitalismo, inda entendía a economía coma unha extensión da moral. Igual que o seu mestre, Hume, crían que todo ser humano era competente en temas morais. Porque entendían a capacidade moral humana como a operación de se poñer en lugar dos outros e pensar en como reaccionariamos se ocupásemos ese lugar. Iso é o que chamaban “simpatía”.

Os primatólogos actuais teñen descuberto que a simpatía non é exclusiva dos humanos. Outros animais son quen de se poñer no lugar do outro. Un chimpancé con fame reparte a comida con quen observa no mesmo estado. Máis impresionante é, sabendo a ineptitude destes animais para nadar, descubrir que, de facermos caso a Goodall, un macho adulto perdeu a vida para rescatar a un bebé que caira a auga.

Moitos humanos están a caer nas augas do Mediterráneo e moitos dos seus conxéneres se botan ao mar para os rescatar. Compórtanse como primates dominados polas súas emocións morais. Como as masas que senten envexa polo éxito económico das minorías, non actúan racionalmente. Non ven que o mellor para eles é confiar nos gardas, do zoolóxico, e nos gardas da selva financeira pois estes son persoas que non actúan emocionalmente, senón mediante cálculos científicos.