Paloma Castro

Este 25 de xullo de 2026 resulta difícil de disociar dun acontecemento histórico fundamental: os 90 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. Un paso esencial para a nosa historia e para a nosa identidade, que non foi unha vitoria simplemente simbólica, senón a materialización da dignidade colectiva dun pobo.


Hai 90 anos, o 28 de xuño de 1936, as forzas políticas impulsoras do Estatuto difundían unha mensaxe tan clara como esperanzadora: “Coa autonomía, Galicia nada pode perder, sempre leva a de gañar”. Alexandre Bóveda reclamaba en Lugo que “non haxa un galego que deixe de votar, porque sería a negación da súa terra”. E Galicia respondeu. Os datos oficiais indicaron que, o 74% do censo electoral votou a prol, e o 99 % dos votos emitidos.
O alcalde de Santiago, Ánxel Casal, comunicou á Presidencia da República o resultado e activou o mecanismo para entregar oficialmente o Estatuto galego ás Cortes. O trámite culminaría o 17 de xullo en Madrid. Un día despois, o golpe de Estado franquista desencadeaba a barbarie. Moitos dos protagonistas daquela ilusionante campaña autonomista foron perseguidos, encarcerados ou asasinados.


Mais se algo define ao pobo galego é precisamente a súa capacidade para erguerse de novo fronte a calquera desafío, cunha habilidade innata para facer prevalecer os seus principios e a súa identidade ante os maiores retos sociais, económicos ou laborais. Así o fixeron tamén durante décadas no exilio.


Porque a reivindicación da conciencia galega como pobo singular está alicerzada nunha enriquecedora e autoconsciente realidade cultural. Ese entendemento do que significa ser galego, esa fortaleza colectiva e esa comuñón arredor dunha mesma identidade permitiron que a esencia do noso pobo se sostivese, se alimentase e se desenvolvese ao longo do tempo. Unha identidade con particularidades propias e indelegables, na que a lingua galega continúa a ser o vehículo fundamental para a construción da concordia que durante tanto tempo definiu Galicia.


Decenas de miles de galegos e galegas tiveron que abandonar a súa terra, primeiro fuxindo do réxime franquista e despois buscando oportunidades de subsistencia. A emigración constitúe un fenómeno de indiscutible transcendencia que explica boa parte da historia contemporánea de Galicia. Miles de memorias individuais conforman o relato dun proceso de longa duración cuxas consecuencias aínda son visibles hoxe.
Os galegos emigrados sufriron tamén o mesmo látego dos tópicos étnicos e de clase, reducionistas e ferintes, cos que tantas veces se sinala a quen chega a outra terra buscando un futuro mellor. E, con todo, foron eles quen mantiveron viva Galicia lonxe das súas fronteiras, transmitindo ás novas xeracións a lingua, a cultura e o sentimento de pertenza.


Por iso, a ofrenda de respecto e homenaxe aos nosos devanceiros non debería consistir unicamente en lembrar o pasado, senón en reflexionar sobre o presente e proxectarnos cara ao futuro.


Nestes días estase a falar moito da chamada Lei de Netos, disposición integrada na Lei 20/2022 de Memoria Democrática, que recoñece o dereito á nacionalidade española aos fillos e netos das persoas exiliadas pola ditadura. Desde unha perspectiva de dereitos humanos, esta norma pretende reparar a débeda histórica e as vulneracións sufridas polas vítimas do franquismo.