

Luns 14 de outubro, as pingas da choiva baten na fiestra do dormitorio, un día máis toca erguerse para ir traballar. Voume dar unha ducha, prepárome e vou directo á cociña, ao tempo que o arume do café empapa cada recuncho prendo o televisor e o día tórnase negro. Hai sentenza para fusilarlle o proxecto de vida aos presos políticos. Posiblemente por estar relacionado coa miña profesión, os primeiros que veñen á miña cabeza son Lluc e Joana, os fillos de Oriol Junqueras. Non podo evítalo, recoñézoo, comezo a chorar malia intentar reprimirme a min mesmo. Apuro o café e subo ao coche, prendo a radio, e rapidamente a apago, son incapaz, por saúde mental, de continuar escoitando tantas mentiras, tropelías e cuñadismos varios. Ese é un dos grandes problemas. Os medios de comunicación que, como diría Xose Manuel Beiras, reparten estupefaciente. É un dos grandes problemas do estado español. A proba disto vouna ter en breve. Unha vez aparco o coche vou tomar café debaixo do meu centro de traballo, sempre o fago antes de comezar a xornada. Unha pequena cafetería con apenas capacidade para 20 persoas. Hai unhas 15. E todas falan do mesmo. Da sentenza. “Menuda vergoña de sentenza, estes aos dous días van estar fóra” di un. “Tiñan que meterlle a perpetua” di outro”. “ A Junqueras vanno facer un home” di un matrimonio. Que espanto. Canto fascismo hai, penso eu. Claro, corenta anos de Franco dan para moito, e non digamos outros corenta do chamado réxime do 78, é dicir do franquismo-borbónico. Porque si, hai un fascismo sociolóxico importante. Morreu Franco pero os franquistas continuaron vivindo, e os seus fillos, e os seus netos. E iso provocou un déficit de cultura democrática e republicana importante por non ter desratizado o sistema educativo entre outras cousas. Xa non falemos do sistema xudicial. O estado español non é demócrata. E o poder sábeo. Por iso o infame Pedro Sánchez contrata o vídeo publicitario que antes non mirara pero que si miro á hora do xantar. Fanno en autodefensa, saben que son a vergoña de Europa, a vergoña do mundo.
Continúo a pensar nos fillos de Oriol Junqueras, pésame pensar na falta do seu pai, por momentos invádeme un profundo pesar, noutros parece que a ráiba se apodera de min. Non me gusta a actitude da esquerda española. Observo moitos complexos, e lémbrome de Bóveda e de como cando Calvo Sotelo lle rouba a súa acta de deputado por Ourense, Azaña para calquera intento de facer xustiza democrática. Non se pode equiparar a represor e reprimido. Non pode haber dúbidas, toca posicionarse.
E de súpeto voume informando pola redes sociais dun tsunami democrático marabilloso. Está a ter lugar en Catalunya, como non. Un exercicio de rebeldía republicana que emociona. Aquí apoiaremos. Como non podía ser doutra xeito. Polo republicanismo, pola liberdade, por solidariedade internacionalista. Porque o réxime do 78 non é democrático, porque Oriol Junqueras ten dereito a levar aos seus fillos a escola, a facer con eles os seus deberes, a celebrar os seus aniversarios, á lerlles un conto cada noite. O seu pecado e o dos seus compañeiros foi ser demócratas nun Estado que non é tal. Porque o franquismo sociolóxico, xudicial e político non entende o que é a soberanía e o exercicio da mesma. O poder de decidilo todo. A soberanía popular. Non haberá quen pare a descomposición do réxime dun estado español que é unha niño de ratas e réptiles que se alimentan dos soños de mulleres e homes na procura dun futuro mellor.
Chega á noite, toca ir durmir, apagamos a lampada, continuamos a pensar en Lluc e Joana. Moitos pensamos neles. E nos contos que como dixo Gabriel Rufián, non lle podía relatar o seu pai. Mentres seu pai non chegue a casa, outras e outros poderán contarlle outro conto, outra historia. A dun home que perdeu a súa liberdade para liberar a o pobo catalán. Un heroe, un demócrata.