A Comunidade de Montes da Devesa enche de castiñeiros e oliveiras os bosques de Arcade

Comunidade de Montes da Devesa

Recentemente a CM da Devesa en Arcade, en colaboración cos alumnos e alumnas do IES de Soutomaior e do Colexio Padín Truiteiro, plantaron arredor de 100 castiñeiros e de 100 oliveiras nos montes da súa comunidade. Esta acción xa a veñen desenvolvendo desde hai varios anos, arredor de 10 cos nenos e nenas do colexio e 3, a vida que ten, co alumnado do IES, pois na intención dos comuneiros e comuneiras está construír un monte cuxa boa saúde e biodiversidade permita que as xeracións futuras poidan gozar do que é patrimonio común de todo o pobo galego: pasado, presente e futuro. Nós falamos con Alejandro Bua, tesoureiro da CM, e bo amigo desta casa.

Alejandro Bua Tesoureiro da Comunidade de Montes da Devesa en Arcade

Queremos que as xeracións que veñan despois poidan gozar dos nosos montes igual ca nós”

Ti xa non es un novato nisto das CM verdade Alejandro?

Pois non, xa levo máis de 15 anos neste mundo que me segue apaixonando.

Cales son as principais actividades que desenvolvedes?

Fundamentalmente dúas: 1) Procurarmos a realización e conservación adecuada dunha franxa de seguridade suficiente coas casas dos veciños.2) Queremos deixar ás xeracións que veñan detrás un monte vivo e cunha importante biodiversidade

Plantades especies autóctonas ?

Si. Colaboramos tanto co IES de Soutomaior como co colexio Padín Truiteiro e plantamos especies autóctonas. Este ano puxemos case un cento de castiñeiros de castañas do país e case 100 oliveiras.

Comunidade de Montes da Devesa

Como se tomaron as nenas e os nenos a actividade?

Levamos preto de 10 anos plantando cos nenos e é unha actividade que a toman cun cariño especial. Emociónalles pensar que esa árbore que eles plantan vai estar aí para que a vexan os seus fillos e os seus netos. De feito eu que levo moitos anos no monte teño coincidido moitas veces con nenos e nenas que veñen coas súas familias a ver as árbores que plantaron en anos anteriores.

Seguro que coñeces o tópico referente a que unha persoa ten que ter fillos, que ti xa tes, plantar algunha árbore, que ti diso vas sobrado , e escribir un libro. Para cando o libro Alejandro?

Ha ha ha ha ha ha. Non creas que non se me pasa pola cabeza de cando en vez. Pero o día que o escriba vai ser un libro sobre o monte galego. Un tema co que estou emocionalmente implicadísimo

E para ti cal é o principal problema que padecen os bosques galegos?

O desleixo e o minifundismo .Así por exemplo unha poboación tan pequena como Arcade ten 3 CM, e para min iso non é normal.

Cal é a túa opinión sobre o cultivo do eucalipto?

Eucaliptos si, pero non así. As plantacións de eucaliptos deben de ser ordenadas e reguladas.

Que relación ten o concello de Soutomaior coa CM da Devesa?

Moi boa. Sempre nos apoiaron.