kRonista

kRonista
Fe de Erratas. No periódico impreso do mes de marzo publicamos un texto erróneo atribuído a este autor. Este é o que debeu ser publicado. Desculpas
Autor: Eduardo R. Cunha "Tatán"

Fon Conde comeza por F de fotógrafo, continua con O de observador e artísticamente convértese en Fondecon. Nomear a Fondecon, ou Fon Conde kRonista, é expresar unha marca sen rexistro artístico, orixinal, inspiradora e creadora de imaxes cotiás, de imaxes certas que definen actitudes humanas na rúa, nas paredes, no universo dos ríos, dos mares ou xardíns. El convérteas en arte. Se adentras o teu ollo no zoom da súa cámara pérdeste nun labirinto de imaxes, como se levantas a tapa do sumidoiro e déixaste introducir para ver os interiores, os camiños diversos onde os detrítos, as silveiras ou os xoguetes dos máis pequenos conviven para ser atopados algún día pola curiosidade do kRonista. Fon sabe onde están, onde mirar, por onde entran, por onde saen e como fotografálos coa luz poética necesaria para que o público saiba apreciar en toda a dimensión a súa arte e o seu contido. Pode ser lixo, pode ser un abandono, pode ser un olvido, unha mirada, un camiñar…todo está en perfecto desorden para que Fon Conde Kronista de Redondela o convirta nunha imaxe valiosa e así comprender de súpeto onde nos movemos, quen somos. Desde que o coñezo, Fon é un compendio de inquedanzas artísticas sen límite, cunha estética ben definida nos últimos anos e que aporta ao noso entorno máis próximo a denuncia en forma de arte coa mirada limpa e de balde. Esta exposición fotográfica dos seu asuntos kRónicos máis recentes son só un recuncho do que virá, unha esquina á que dar a volta e na que posiblemente imos atopar no outro lado da parede a Alfonso Conde agachado fotografando algunha pedra rota de dimensións ínfinitas para a súa próxima kRonica.