Pedro Martínez, Francisco Aznar, Romualdo Barroso, José Castillo e Bienvenido Pereda foron asasinados pola policía española nunha asemblea de traballadores, o tres de marzo de 1.976, na cidade vasca de Gasteiz. Pedro tiña 37 anos, Francisco 17, Romualdo 19, José 32 e Bienvenido 30.Naquel momento o máximo responsable político da policía era Manuel Fraga Iribarne. El ocupaba o cargo de ministro da gobernación que sería equivalente ao actual ministerio do interior, e cando sucedeu o episodio descrito estaba fisicamente en Alemaña. Alén das cinco persoas asasinadas máis de 100 resultaron feridas de diversa consideración entre as que 26 sufriron balazos. Unha comisión do parlamento vasco considerou responsables políticos deste suceso aos titulares dos ministerios actuantes; o mencionado Manuel Fraga, Alfonso Osorio ministro da presidencia, e Rodolfo Martín Villa ministro de relacións sindicais. De volta da súa viaxe a Alemaña , Fraga fixo unha visita a algún dos feridos e foi fortemente apupado polos seus familiares, incluso algún lle preguntou se estaba alí para rematalos. Para a historia quedan as arrepiantes transcricións das conversas entre algúns dos funcionarios policiais que participaron nese , como tantos outros, exemplo concreto da natureza criminal do franquismo: ”después de tirar más de mil tiros te puedes imaginar como está la calle” “ hemos contribuído a la paliza más grande de la historia” “ aquí ha habido una masacre”….No ano 2.011 unha proposición non de lei que trataba de que se lle recoñecera aos cinco traballadores asasinados a condición de vítimas do terrorismo foi rexeitada cos votos de UPyD, PP e, para vergonza dos milleiros de homes e mulleres dignos que militan no partido socialista, do PSOE tamén. Un suceso deste calado nun estado construído sobre bases xurídicas que se asenten sobre postulados éticos non pode esvaecerse nas brétemas da historia sen que os seus responsables intelectuais , políticos e físicos sexan xulgados e as vítimas recoñecidas como tales por todos os poderes públicos. No caso contrario, no suposto de que se mirase para outro lado, o estado que así o fixese tería un problema estrutural realmente serio. En España, as consecuencias para quen ordenou, quen amparou e quen executou o asasinato destas cinco persoas foron ningunha. Tivo que ser unha xuíza arxentina ,Maria Servini, quen trate de dilucidar as presuntas responsabilidades penais de quen tivo, directa ou indirectamente, participación política nese asasinato múltiple. Manuel Fraga morreu no ano 2.012.Alfonso Osorio faleceu en 2.018.Catro anos antes, a devandita xuíza cursou unha orde internacional de detención contra a súa persoa, e o resultado foi ningún, porque a colaboración do goberno español foi inexistente. Martín Villa aínda vive, e nos pasados días foi interrogado vía telemática por María Servini sobre estes feitos. E agora a xuíza, en función do resultado dese interrogatorio e das probas que ela considere, terá que decidir o camiño procesual a seguir. Poucos días antes do interrogatorio fixéronse públicas varias mostras de apoio á figura do interrogado .En concreto foron as dos ex presidentes Aznar, Rajoy, González e Zapatero e os ex SX de CCOO Antonio Gutiérrez e Jose María Fidalgo e de UGT Cándido Méndez. O de González ,Aznar e Rajoy nin me sorprende nin me decepciona os tres son socioloxicamente franquistas e episodios como as guerras de Irak ,Libia os bombardeos na antiga Iugoslavia os GAL ou o M.Rajoy amosan a falta de escrúpulos de todos e como os intereses xeopolíticos poden estar, desde a súa perspectiva, por riba da vida das persoas. O dos 3 supostos sindicalistas que exerceron a secretaría xeral das dúas centrais sindicais máis grandes do estado é gravísimo, pois supón o seu aval explícito a que non se investigue o asasinato de traballadores que participaban nunha asemblea na procura de mellores condicións laborais. Non abonda con que as actuais direccións de CCOO e UGT se desmarquen das posicións dos seus antigos líderes, como creo que xa fixeron. Deberían ser expulsados de contado da súa militancia sindical. Sempre que en UGT e en CCOO quede algo de significado e non sexan só significantes baleiros, pois a dirección dun sindicato que permita que un afiliado avale coa súa sinatura, que non se investigue o asasinato de traballadores ,é unha dirección indigna. E por último quero rematar coa decepción máis profunda, a de Zapatero. Aínda que non é a primeira, a súa posición política sobre o Sahara, ou o seu aval á “socialista” Susana Díaz son feitos que fan difícil manter empatía afectiva coa súa persoa, sigo a consideralo o único inquilino da Moncloa( a volubilidade do actual fai que non me atreva a opinar aínda) que ,con certa dignidade, tratou de procurar, desde unha posición próxima á socialdemocracia algúns avances sociais que melloren as condicións de vida . O apoio explícito a soterrar non limbo da historia un asasinato masivo, amosa unha vez máis as profundas deficiencias do período histórico denominado transición e de novo exemplifica como non parece un pacto no que vencedores e vencidos decidan esquecer, darse fraternalmente a man e comezar de 0. Non, máis ben semella un trágala, un pacto coa pistola na cabeza, un si, democracia si pero só ata aquí: a arquitectura do estado non se toca e impunidade para todos aqueles que participaron das estruturas represivas do poder. As familias dos cinco asasinados foron preguntados sobre se queren mirar para outro lado?