Todos os seres humanos necesitamos esgrimir unha xustificación moral para os nosos propios actos, por moi censurables que estes sexan. É preciso posuír unha honestidade intelectual a proba de bomba, e unha solidez moral realmente admirable para que unha persoa poida recoñecer con tranquilidade as súas sombras máis escuras, e chegar a criticarse a si mesmo por algún acto inadecuado que tivera cometido nalgún momento da súa vida.

A autoxustificación moral é un mecanismo universal de defensa psicolóxica, e dáse porque o ser humano vive en comunidades que son imprescindibles para sobrevivir. Non é posible vivir sen o auxilio e a colaboración doutros seres humanos, xa que logo é preciso amosar ante os demais unha boa imaxe de nós mesmos. Por outra parte nos protexe desa sensación tan incómoda, que todas as persoas experimentamos algunha vez, cando algún comportamento inadecuado nos fixo sentir malvados. E por último serve para validarnos a nós mesmos. Explicar os nosos actos dotándoos dunha armadura de rigor ético, axuda a reforzar os códigos comúns de comportamento moral dos que necesitamos formar parte para non sentirnos excluídos da vida social.

Pero a análise do comportamento humano é unha cuestión que precisa o descenso ata as máis insondables profundidades da alma para poder achegarnos a comprender as súas motivacións, e como calquera realidade complexa está ateigada de arestas e matices que poden causar que un mesmo feito, autoxustificar moralmente un comportamento persoal censurable, poida merecer valoracións diferentes.

Por exemplo: esaxerar algunha virtude propia diante de terceiros porque precisamos a súa validación para sentirnos ben , pois vale, non e que sexa para sentirnos moi orgullosos de nós mesmos, pero podemos consideralo case como un comportamento máis ou menos habitual nas interaccións persoais. Pero outra cousa é cando vemos casos de persoas que están máis lavadas que o caldo dos venres, xente que ten moita cara e que carece de escrúpulos para reivindicar hoxe unha posición e mañá a posición contraria sen pórse colorados, e sen ter en conta nada do que defendían con anterioridade.

É a deshonestidade intelectual que ás veces alcanza graos tan extremos que superan os límites do universo observable. Así acontece por exemplo nun pobo fermoso do sur deste país, no que nunca houbo rondallas pero que serviu para rodar parte dos exteriores dunha película sobre estas agrupacións musicais, como se si as tivera habido algunha vez.

No goberno municipal desta localidade hai un concelleiro que se define a si mesmo como comunista e republicano, e que nunha ocasión hai máis de 20 anos, foi parte activa dunha moción de censura contra un goberno progresista que lle deu a alcaldía do seu pobo ao PP. A deusa fortuna deulle ao concelleiro comunista outra oportunidade, e na actualidade tivo a inmensa sorte de que os caprichos da aritmética lle colocaran en posición de desempatar os 8 concelleiros e concelleiras do PP fronte aos 8 da suma do BNG 5, e PSOE 3, que foi o resultado das eleccións municipais do 2023.

E claro, o comunista deulle de novo á alcaldía ao PP. Un PP, que non é un PP calquera. Nesta vila está dirixido por un excura que non se corta en tirarse fotos cariñosas co líder da extrema dereita española que chama a afundir barcos que rescatan náufragos, e que sementa o odio na sociedade ata polarizala por completo.

Na última visita polos camiños dese precioso pobo mariñeiro atopei de casualidade un periódico local no que entrevistaban ao concelleiro comunista, que goberna baixo o mandato do alcalde excura. Nunha das respostas o comunista, que no pasado foi parte imprescindible para que triunfara unha moción de censura que lle deu a a alcaldía do seu pobo ao PP, e que no presente volveulle dar o goberno ao PP, reivindica a súa sinceridade e coherencia persoal. Asombroso.

Esta é a triste realidade do concello da Guarda no que grazas a un comunista ou excomunista,vaia vostede a saber, moi sincero e coherente, o PP con 284 votos menos que a suma dos votos do BNG e do PSOE, goberna.

Nuns meses teremos novas eleccións municipais. Haberá unha nova oportunidade para volver a conformar un novo goberno de curas e comunistas, ou para devolverlle a dignidade ao Concello de A Guarda e mandar a Carrero e Fariñas a predicar ás súas casas.