A expansión de aseos e vestiarios mixtos nos centros educativos e espazos públicos preséntase como unha medida de inclusión e modernización. Porén, trátase dunha transformación moi profunda: a substitución do sexo como principio de organización dos espazos de intimidade por un criterio baseado na identidade de xénero.
Este cambio está impulsado polo activismo trans e queer e avalado polas administracións a través de protocolos de identidade de xénero, que cuestionan o sexo como categoría fixa de organización social e propoñen substituílo pola identidade de xénero como referencia principal. Un dos efectos desta substitución é a mudanza do criterio de acceso aos espazos segregados.
Cando se permite que as persoas que se declaran “trans” accedan aos aseos e vestiarios separados por sexo, o sexo deixa de ser o criterio de separación e pasa a depender dunha autoatribución que non pode verificarse. Pola súa parte, as persoas que se declaran “non binarias” entenden a segregación por sexo como unha forma de discriminación que non contempla a súa identidade, e esixen que os espazos sexan “inclusivos” e “para toda a diversidade”.
A defensa dos aseos mixtos, baseada nestas ideas, converte estas demandas individuais nun principio xeral de ordenación para toda a poboación, ignorando que estes lugares se dividen por criterios obxectivos e materiais e non por percepcións subxectivas individuais.
Os aseos e vestiarios non son espazos neutros. Son lugares de exposición corporal onde a privacidade e a seguridade constitúen a súa función esencial. Historicamente, a separación por sexo emerxeu coa incorporación das mulleres ao espazo laboral e público para garantir intimidade e reducir situacións de acoso. Hoxe, a violencia sexual contra as mulleres continúa sendo un problema social de primeira magnitude, polo que a necesidade de espazos que garantan intimidade e seguridade segue plenamente xustificada. É un criterio institucional necesario, non unha convención prescindible.
O conflito está en que os espazos que antes estaban organizados para uso exclusivo das mulleres pasan agora a compartirse con varóns, sen máis delimitación que a autoidentificación. No caso das adolescentes, a cuestión adquire unha dimensión adicional: cambios corporais, menstruación e necesidade de privacidade. Ignorar estas condicións é desatender necesidades básicas de protección.
Nun espazo de alta vulnerabilidade, isto desprotexe as mulleres e as nenas e mesmo pode expulsalas dos seus propios espazos públicos por puro malestar ou inseguridade.
Mentres as universidades e outros centros educativos fan bandeira dos discursos contra a violencia e multiplican dispositivos como os puntos violeta, ao tempo desmantelan as poucas garantías reais de intimidade e seguridade que teñen as mulleres.
Non se trata de excluír a ninguén, senón de decidir que modelo institucional se aplica. A creación de aseos individuais ou espazos alternativos permite atender situacións diversas sen eliminar os espazos segregados por sexo existentes. Trátase de buscar medidas complementarias, non substitutivas.
Ningunha política de igualdade pode sosterse sobre a disolución das garantías materiais que protexen as mulleres. Substituír o sexo pola autodeclaración non é un avance social: é retirarlles ás mulleres unha garantía básica de protección.





