O rei coroou a cada un dos seus súbditos, que cegos de orgullo prometeron ao seu monarca colonizar o planeta empregando a táctica Blitzkrieg, que utilizara o exercito alemán, para coller aos seus habitantes sen medios para reaccionar. Foron gañando terreo ata se estender por tódolos recunchos. Non tardaron en decretar o silencio en aldeas e pobos. Nas cidades enguliron o bulicio, e coa imposición do toque de queda, convertéronas en tanatorios. Confinados en pisos, cales mortos en nichos, os habitantes mantiñan a duras penas as constantes vitais. A pesares de todo, os enterrados en vida, retorcíanse nos seus sepulcros, resistindo, e convencidos de que non era máis cun pesadelo. O epitafio das portas, que facían función de lápidas, era común en todos elas: Sacádeme de aquí! Nos edificios, convertidos en panteóns, os seus moradores aguantaban as acometidas das cifras, que non alentaban esperanza. A cidade era xa un cemiterio no que a posibilidade de resurrección non se contemplaba a curto prazo.
Os coroados conseguiron, en tempo récord, construír a unha rede de colaboracionistas para facilitar a súa vitoria. Escolleron a aqueles que tiñan unha estrutura similar e de orixe porcina. Inoculáronlles un veleno, que unha vez dentro do seu organismo, e aproveitando a ralea do seu ADN, non tivo dificultades en mutar e incrementar a súa perigosidade.
Tras esta manobra, os cooperadores foron enviados a socavar a moral dos que, en primeira liña, buscaban a matriz de onde procedía o invasor. Como non o conseguiron, foron a polos que estaban poñendo o seu empeño en facer que todo funcionara con normalidade.
Devagar, comezaron a facerse cada vez máis nocivos e a esparexer pezoña alá onde vían que as forzas fraqueaban. O nivel de virulencia chegou a tal extremo que non tardaron en independizarse para ir por libre.
Tampouco disimulaban ca súa intención era facerse co mando e tiñan claro que a maior devastación, máis doado lle resultaría conseguir o seu obxectivo, e dicir, a obtención de beneficios na reconstrución da ruína.
No deseño do seu plan, todo estaba calculado. Os que inicialmente decidiran colaborar co inimigo, terían o seu premio e asumirían a dirección de aqueles sectores económicos de relevancia dende os que dirixir á poboación traballadora, que consumida, non tería outra alternativa ca resignación. En situacións difíciles, que se produciran con anterioridade, xa se conseguira saír adiante a súa costa. E nesta ocasión, non lles tremería a man, para aplicar os seus principios.
Aproxímanse tempos duros, e sería un desastre que as gaivotas disfrazadas de charráns e as súas apéndices vermiculares, autoproclamados salvadores da patria, collesen o timón.
Cada vez que escoito os seus ladridos recordo aquela foto, que gañara o premio Pulitzer, na que un voitre miraba a poucos metros a unha criatura desnutrida. Así é como, eles, nos están observando.