O coronavirus no mundo II: Arxentina

Juan Óscar Otero A Nova Peneira

Juan é un veciño de Buenos Aires, bo amigo desta casa, cuxas orixes están en Mos, de feito tanto o seu pai como a súa nai naceran na parroquia de Petelos. El ten unha enorme vinculación emocional coas súas orixes galegas e unha militancia social e cultural moi intensa no que respecta a influencia do substrato galego na Arxentina. Juan é un gran conversador e malia que só nos coñecemos virtualmente, conversar con el sempre é un pracer superlativo para min. Quedei emprazado con el en darnos unha aperta física en Buenos Aires algún día, e agardo poder cumprir pronto o meu compromiso. Falamos con el para coñecer como está a situación sanitaria no seu país.

JUAN OSCAR OTERO LAGO

O APOIO SOCIAL ÁS MEDIDAS QUE TOMOU O GOBERNO ARXENTINO É MOI MAIORITARIO”

Ti es natural de Buenos Aires verdade?

Si, eu nacín aquí , aínda que tanto o meu pai como a miña nai eran de Mos, ambos da parroquia de Petelos.

Malia que ti es bonaerense de nacemento, polo que temos conversado Noutras ocasións dáme a sensación de que tamén es galego, en concreto mosense de corazón e sentimento?

Si desde logo que si. Eu teño 57 anos, e teño tantos anos de vida como de socio da comunidade de Mosenses en Arxentina. Son activo participante da directiva da asociación de residentes de Mos en Buenos Aires. Teño tres fillos e os tres estudiaron no colexio galego de Buenos Aires. Eu teño o sentimento de non ter saído nunca de Galicia, e teño relacións moi fluídas con moitas persoas que coma ti, Tino, vivides en Galicia.

A que te dedicas ti profesionalmente?

Son empresario de profesión, e profesor de historia de formación. Sempre me dediquei a estudar as circunstancias do exilio español en Arxentina.

Juan ti tes 7 anos máis ca min, unha curiosidade antes de entrar no tema do coronavirus.; a ti a guerra das Malvinas debeuche coller en idade militar non?

Pois si a verdade que si, eu tiña 20 anos naquel entón, por fortuna a min non me tocou combater. Esa foi unha situación moi dura para o noso país. Eu estiven, estou e estarei radicalmente en contra da ditadura e das guerras, pero iso non quita que eu teña moi claro que As Malvinas son Arxentinas.

As eleccións en Arxentina foron pouco antes de que estoupara esta situación sanitaria, recórdame cando por favor?

Foron a finais do ano pasado, non lembro se a finais de novembro ou se a principios de decembro.

E a situación da Arxentina de Mauricio Macri era tan mala como parecía?

Si, estabamos moi mal, tanto no aspecto económico co no social. Pasou o que pasa sempre cos gobernos liberais, uns poucos están moi ben, e a maioría están mal.

E supoño que en poucos meses desde que o peronismo volveu ao goberno aínda non se pode notar ningún tipo de melloría?

Pois eu creo que algo de mellora si que se nota xa, é máis ante a situación de pandemia sanitaria que estamos a vivir, eu pregúntome que sería de nós se tiveramos que afrontala cun goberno liberal¡¡¡.Eu creo que estariamos nunha situación semellante á que padece Brasil. Como sabes, entre Macri e Bolsonaro había moita afinidade.

Como está a situación a día de hoxe(3 de abril) en relación á pandemia sanitaria?

Hai 2.208 casos confirmados e 96 falecidos. Coñecemos que deses 2.208 casos, 821 son importados, e 766 son de contactos estreitos con eses importados.

Son casos importados de Europa?

De Europa e dos EEUU. Ante esa situación o goberno arxentino tomou moi rápido a decisión de pechar as fronteiras para minimizar o risco.

Cando se tomou a decisión de pechar as fronteiras?

O 20 de marzo. E foi unha medida creo moi adecuada para evitar desprazamentos a segundas vivendas. O que se está a facer é tentar repatriar a todos os arxentinos que están fóra do país.

E unha vez que chegan eses repatriados? 

Teñen que pasar 15 días de corentena obrigada nun hotel e logo poden volver ás súas casas?

Estades , na actualidade en situación de confinamento?

Si, estamos confinados, pero é como ten que ser. Entendo que o illamento social é a única medida de diminuír a cadea de contaxios. De feito cada vez que temos que desprazarnos temos que solicitar un permiso á autoridade municipal.

Como solicitas ese permiso?

Por internet, e non creas que non son estritos. De feito o sábado pasado eu tiña que ir á casa dos meus sogros, pedín permiso e non mo aceptaron, finalmente foi un dos meus fillos.

E como está respondendo a sociedade arxentina?

De maneira enormemente positiva. O nivel de responsabilidade cívica é elevadísima ata tal punto Tino, que che podo dicir que me están facendo sentir orgulloso de ser porteño e arxentino. En liñas xerais o apoio ás medidas do goberno é moi elevado .Isto é un problema social moi grave , e a única maneira de que nos salvemos todos é que se salve a sociedade.

Algunha medida que destacarías para axudar a quen peor o estea pasando?

Nos colexios están abrindo lugares que reparten comida a quen poida ter necesidades alimenticias. E o exército está implicándose moi activamente na axuda dos sectores máis desfavorecidos.

A actividade económica está toda parada?

O que está aberto é o seguinte: Os bancos, pero hai que pedir autorización, de feito eu acabo de pedila e déronma para o 23 de abril, antes non podo, os supermercados, as ferraxerías, os talleres mecánicos e tendas de pneumáticos.

Cal é a posición da oposición arxentina con relación à política que está a desenvolver o goberno?

Asombrosamente, apoian e colaboran con lealdade. A súa actitude é de colaboración ,incluso das administracións rexionais que están en mans de Macri. En absoluto se percibe o grao de virulencia que transmite a oposición española. O problema é dunha dimensión tan inmensa que pon en risco o noso futuro como sociedade civilizada por iso non concibo outra forma de actuación cá da unidade política para superala o antes posible.