O coronavirus no mundo III: Dinamarca

Anxo Lamela A Nova Peneira

Continuamos esta xeira de entrevistas sobre a situación da emerxencia sanitaria no mundo, e hoxe falamos con Anxo. El é un mozo de Vigo, que vive e traballa en Dinamarca ininterrompidamente desde o ano 2003. Anxo é xornalista , e é o correspondente da axencia EFE en Dinamarca, cobre tamén Islandia Suecia e Noruega. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

ANXO LAMELA CORRESPONDENTE DA AXENCIA EFE EN DINAMARCA

O ÉXITO DE DINAMARCA, NA LOITA CONTRA O CORONAVIRUS, ESTIVO, AO MEU XUÍZO ,EN TER SIDO MOI RÁPIDOS EN PECHAR AS FRONTEIRAS E EN ESTABLECER MEDIDAS DE DISTANCIAMENTO SOCIAL”

Canto tempo levas vivindo en Dinamarca?

En setembro fará 17 anos.

E cantos anos tes?

Teño 44, vinme vivir aquí con 27 anos, pero eu xa estivera aquí cinco anos antes. Como sabes eu son xornalista, e estivera entre os anos 98 e 99 traballando como bolseiro.

Pois si que escolliches un país peculiar

É que eu estudara dinamarqués na universidade e grazas a saber o idioma puiden vir aquí. 

Entón cando chegaches a Dinamarca por primeira vez xa sabías o idioma?

Ben, estudárao dous anos, pero realmente como se aprende e practicándoo, porque cando cheguei, o que se di moito, non entendía.

Cando remataches as prácticas volviches a Galicia?

Si, estiven 6 meses de bolseiro nun xornal moi importante, o Politiken, logo 6 meses máis traballando lavando pratos para completar o ano e volvín a Galicia.

E aquí puideches traballar do teu?

Si, estiven un tempo de prácticas no Faro, e logo ofrecéronme un contrato de tres anos na delegación de Lalín.

Como foi a túa volta a Dinamarca?

Pois cando estiven en Lalín seguía en contacto coa miña profesora de dinamarqués, e ela foi a que me dixo que o correspondente da axencia EFE marchaba, e estaban a buscar a alguén. Deume o contacto da delegada de Berlín e xa tirei para adiante.

Estamos falando do 2003. Levas 17 anos ininterrompidos no país , contemplas algún día volver a vivir en Galicia?

Si, cando me xubile claro, si que quero volver a Galicia.

Na actualidade es o correspondente da axencia EFE, cobres só Dinamarca?

Vivo en Dinamarca, pero cubro tamén Suecia, Noruega e Islandia.

E desprázaste a eses países?

Antes da crise aínda o facía algo, agora só en ocasións moi especiais.

Antes de entrar no tema do coronavirus, unha curiosidade persoal; eu sempre pensei que ao longo da historia da humanidade o exemplo de realidade política concreta que máis se achegaba a unha visión ideal de sociedade xusta é o das socialdemocracias dos países nórdicos. Só é unha impresión, pois nunca tiven a oportunidade de constatalo empiricamente. Ti que vives alí, que pensas?

Eu concordaría coa túa opinión pero precisando que tiñamos que falar do que había aquí, porque desde hai 30 anos foise deteriorando a situación de maneira significativa, especialmente en Suecia. Fíxate por exemplo en Dinamarca a prestación por desemprego chegou a ser de sete anos, logo baixou a catro, e agora está en dous igual ca en España. En calquera caso se o comparamos con España, aínda os países nórdicos seguen a estar mellor ca nós, pero insisto en que perderon moitísimo.

Cal é a situación sanitaria que estades a vivir no momento presente?

En Dinamarca non houbo confinamento como en España. E no resto de países nórdicos creo que só en Finlandia, país que eu non cubro, chegaron a pechar a rexión de Helsinki, que penso que xa está aberta.

Entón podedes facer vida con absoluta normalidade?

Non, o que si hai son medidas de distanciamento social. E en Dinamarca pecharon as escolas, prohibiron as concentracións de máis de 10 persoas e pecharon as fronteiras antes que en España, e con moi poucos mortos.

O número de casos diagnosticados e de persoas falecidas coñécelo?

Agora mesmo (16 de abril) os datos do día anterior son que temos 6876 casos coñecidos e 305 persoas falecidas.

A actividade comercial está parada?

Si, está todo pechado agás os servizos esenciais claro, gustaríame aclarar que en Dinamarca as tendas de bicicletas están consideradas servizo esencial e abren.

Caramba, é tan elevado o seu uso nos desprazamentos?

Elevadísimo, aquí todo o mundo ten unha bicicleta. De feito aquí o metro e o transporte público en xeral vai case valeiro, case todas as persoas desprázanse en bicicleta.

E nunca vos chegaron a prohibir saírdes á rúa?

Nunca, malia que é obrigatorio manter medidas de distanciamento social.

A industria está parada?

Non, non chegou a parar pero aconsellaron o tele traballo.

En España hai certa polémica sobre o número de test realizados, hai quen defende que probablemente o número de infectados sexa moi inferior aos diagnosticados porque seica se fixeron moi poucos test. En Dinamarca?

Non sabería dicirche con precisión, non creo que Dinamarca sexa dos países que máis fixo. Ese si é o caso de Islandia, alí fixeron moitísimos. Eu coido que o éxito de Dinamarca non está no número de probas realizadas senón que foron moi rápidos no peche de fronteiras e na aplicación de medidas de distanciamento social.

Creo que as escolas xa comezan a abrir, non?

Si, fomos o primeiro país, pero fano gradualmente, non abren todas á vez e están abrindo progresivamente por abanos de idade, con medidas de hixiene moi estritas, por exemplo eu teño un fillo de cinco anos que aínda non pode ir.

O teu fillo chámase como a cidade na que naciches ti verdade?

Si, pero con dous gues .El chámase Viggo, que é un nome con orixes danesas, e á vez recorda foneticamente á cidade onde eu nacín. Desa maneira pois recolle as súas orixes galegas por min, e dinamarquesas pola súa nai.

A situación en Noruega é semellante á de Dinamarca?

Si, é moi parecida.

Semella que nos países nórdicos estades nunha fase xa de desescalada, de camiño cara a normalidade, non?

Si, pero á normalidade relativa e moi a modo. Por exemplo hoxe vin unha declaración dun responsable da sanidade norueguesa, que dicía que este ano, en Noruega, non vai haber ningún tipo de evento que implique concentracións masivas de persoas.

Miña nai, e xa contemplaba todo o ano?

Si, si, por iso cando vexo que en España hai festivais de verán que aínda non se suspenderon pois me resulta asombroso. En Dinamarca, por exemplo, hai en xullo un importantísimo festival de Rock, que xa está cancelado. En Dinamarca, ata o 31 de agosto está suspendido calquera evento que implique a concentración de xente.

En Dinamarca quen goberna?

A socialdemocracia, en minoría, e pactando con varios partidos de centro esquerda.

Cal é a actitude da oposición?

Nada que ver coa belixerancia da oposición española. E en Noruega e Suecia exactamente o mesmo. En xeral, os escandinavos non teñen esa cultura do enfrontamento. O normal aquí son os gobernos en minoría pactando á dereita e á esquerda.