A Televisión de Galicia: do orgullo nacional ao meme institucional. Crónica dun afundimento pola súa prostitución mediática ao poder político actual

Carme santos
Carmen Santos

O que lle pasa á Televisión de Galicia non é un accidente nin unha mala racha: é a consecuencia dun proceso de degradación moral e profesional que dura xa máis dunha década. A TVG, que naceu como símbolo de identidade e orgullo galego, é hoxe un espello rachado no que xa ninguén se recoñece. O que era servizo público converteuse nun instrumento ao servizo do poder.

1. Da televisión do país á televisión do poder

Nos anos noventa e comezos dos dous mil, a Televisión de Galicia era moito máis ca unha canle: era un punto de encontro. Programas de humor, series míticas, telexornais con prestixio… a TVG era parte da nosa vida cotiá. Representaba o país, a lingua, a cultura e a pluralidade que somos.

Hoxe, aquela canle pública é pouco máis ca un recordo. A caída das audiencias é só o síntoma visible dun mal moito máis profundo. En 2005 tiña arredor dun 17 % de cota de pantalla; en 2015, caeu por baixo do 10 %; e en 2024 afundiuse ata o 8,6 %, a cifra máis baixa da súa historia. Os informativos, que deberían ser o motor de credibilidade da casa, perderon máis dun 30 % de espectadores nun ano.

Non é só unha cuestión de competencia ou de hábitos de consumo: é unha cuestión de decencia profesional e independencia informativa. A TVG non se afunde por culpa das redes sociais; afúndese porque decidiu deixar de facer xornalismo e poñerse ao servizo do poder político que a controla.

2. A manipulación mediática como método de goberno

A CRTVG, que debería funcionar como un servizo público, converteuse nun instrumento propagandístico da Xunta e do Partido Popular. Non se trata de opinións: abonda con mirar os informativos para ver como se maquillan os datos negativos do Goberno galego, como se silencian as mobilizacións sociais e como se amplifican as mensaxes partidarias de quen manda.

Os profesionais que intentaron resistir, alzar a voz ou manter a ética xornalística foron apartados, silenciados ou relegados. O movemento Defende a Galega leva anos denunciando esta situación e reclamando algo tan básico como o cumprimento da Lei de Medios Públicos e a independencia real da dirección.

O resultado é un afundimento moral e profesional. Unha canle pública que xa non cumpre a súa función: informar, educar, entreter e representar á sociedade galega. Hoxe, a TVG é unha televisión de partido, e iso é unha traizón á cidadanía que a financia.

3. A prostitución informativa e o falso feminismo

Hai algo máis grave ca a manipulación política: a manipulación moral. Nos últimos tempos, algúns dirixentes do PP galego descubriron un novo instrumento de ataque: o falso feminismo utilizado como arma política.

Non falamos de defender as mulleres, senón de usar o feminismo como escudo e ferramenta de destrución contra quen se quere eliminar do debate público. É o que fixo recentemente Paula Prado, número dúas do presidente Alfonso Rueda, voceira do Partido Popular no Parlamento Galego e figura coñecida polas súas vellas vinculacións con causas de corrupción que afectaron ao seu partido. Causas das que non foi absolta, senón simplemente arquivadas, que non é o mesmo.

Esta mesma Paula Prado empregou a Televisión de Galicia —a súa canle amiga, a que lle serve de altofalante— para lanzar unha campaña mediática de desprestixio, sementando falsidades e tentando vincular o nacionalismo galego coa violencia, coa “kale borroka” e con ETA. Un discurso vello, gastado e perigoso, que volve cada vez que o PP se ve sen argumentos e precisa fabricar inimigos.

E, como fixeron comigo no seu momento, escolleron un nome ao azar para converter nunha diana: Rogelio Santos.

4. O caso Rogelio Santos: a mentira como método

Rogelio Santos é coñecido en toda Galicia. Non por polémicas nin por escándalos, senón por ser un divulgador e activista comprometido coa defensa do mar, do medio ambiente e de todo o entorno natural galego. Un home profundamente honesto, respectuoso e afectuoso con todo o mundo, coñecido precisamente por ser demasiado politicamente correcto, ata o punto de ser obxecto de bromas entre amizades e compañeiros por esa educación extrema.

Nesta ocasión, unha frase popular desafortunada, sacada de contexto, foi suficiente para que o aparato mediático do PP —a través de Paula Prado— intentase convertelo en símbolo do machismo e da violencia. O que realmente quixo dicir Rogelio Santos era que Paula Prado calase e deixase de dicir barbaridades, porque estaba acusando e etiquetando unha reunión entre o BNG e Bildu —dúas forzas democráticas e pacifistas— de querer traer bombas e “kale borroka” a Galicia. Non foi unha resposta ofensiva nin violenta, senón unha forma popular e rural de dicir “cala e deixa de dicir burradas”, habitual na linguaxe cotiá galega, que nada ten que ver co machismo nin coa violencia, aínda que, evidentemente, ninguén pode negar que foi unha expresión vulgar e mesmo desafortunada, porque podería dicir o mesmo —que calase e deixase de dicir barbaridades— sen recorrer a esa retranca coloquial que logo se sacou de contexto para facerlle dano e atribuír algo que el nunca dixo.

A frase, que non se entendeu fóra dese contexto, foi terxiversada e utilizada con mala fe para construír un relato completamente falso. O que pretendían era, unha vez máis, vincular o nacionalismo galego coa violencia, con ETA e coa “kale borroka”. Pero o resultado foi o contrario do esperado: a cidadanía non mercou o relato manipulado. A xente sabe quen é Rogelio Santos, e sabe quen é Paula Prado.

Mentres nestes dous últimos meses a audiencia da TVG cae en picado e se afunde en mínimos históricos, Rogelio Santos acadou nun só día un alcance de máis dun millón de persoas, concentradas maioritariamente en Galicia, e cada xornada sumaba medio millón máis. O pobo respondeu coa súa propia voz, nas redes sociais, desmontando a mentira e devolvéndolle a dignidade roubada. O efecto foi o contrario ao que pretendían: o intento de cancelación acabou sendo un exemplo de resistencia e verdade.

É importante lembrar quen fala: Paula Prado, número dúas de Alfonso Rueda e voceira do Partido Popular no Parlamento Galego, con antecedentes en causas de corrupción arquivadas pero nunca exculpadas, é hoxe un dos rostros máis agresivos da propaganda política en Galicia. E cando o PP sente que o poder se lle escapa ou que pode perder o control institucional, intensifica este tipo de campañas nocivas, baseadas no bulo, na distorsión e na mentira como método de supervivencia política.

E o máis grave é que o fai utilizando os medios públicos, convertendo a canle de todos nunha ferramenta privada de manipulación.

5. Cando o poder usa o feminismo como garrote

O que fixeron con Rogelio Santos é o mesmo que tentaron facer comigo no pasado: fabricar unha caricatura. Cando fun deputada, tamén sufrín a manipulación mediática: frases sacadas de contexto, titulares falsos, ataques orquestrados para ridiculizarme e facer dano político a Marea e a Podemos. Aprendín entón que, neste país, quen fala claro e non se cala é perigoso.

Agora repíteno con Rogelio. E non é casual. O que non puideron derrotar nas urnas, pretenden destruílo nos medios. E cando a mentira se disfraza de feminismo, o dano é dobre: á persoa e á causa que din defender. Porque o feminismo non é unha arma política: é unha loita pola igualdade, non un parapeto para xustificar a mentira.

O feminismo verdadeiro busca liberdade, respeito e xustiza. O falso feminismo que practica certa dereita usa a bandeira violeta para tapar o seu propio machismo e perpetuar o seu poder. É unha ofensa para todas as que loitamos de verdade pola igualdade.

6. O prezo da mentira

A Televisión de Galicia xa foi condenada varias veces por manipulación, pero parece non importarlles. Seguen reincidindo, coa mesma impunidade e a mesma soberbia. Mentres tanto, as súas audiencias desplómanse. Xa ninguén lles cre. O pobo galego, que non é parvo, deu media volta e marchou.

Hoxe, a TVG non é un servizo público: é un escaparate do poder. E cando un medio público deixa de servir ao pobo e pasa a servir ao partido que goberna, deixa de ter razón de ser. O problema non é técnico: é moral.

O país precisa unha televisión pública galega digna, plural e libre, que sirva para o que foi creada: para contar o que somos, para coidar a nosa lingua, para dar voz a quen non a ten e para mirar a Galicia con ollos limpos.

Pero mentres a CRTVG siga secuestrada pola indecencia e polo control político, mentres continúe prostituíndo a verdade e manipulando a realidade, seguirá afundíndose, tanto nas cifras de audiencia como no respeito da cidadanía.

7. Conclusión: devolverlle a dignidade ao que é noso

A Televisión de Galicia non pertence ao PP, nin á Xunta, nin a ningún goberno. Pertence ao pobo galego. E o pobo galego merece información veraz, debates abertos, cultura viva e voces diversas. Merece orgullo, non vergoña.

Por iso, cando vexamos a canle pública convertida nun meme, non riamos: lamentemos o que nos roubaron. Roubaron a independencia, a dignidade e o sentido mesmo da palabra “público”.

Pero tamén aprendemos algo novo: xa non vivimos nun tempo no que o poder ten o monopolio da palabra. Agora, a través das redes sociais, podemos responder, aclarar, desmentir e desmontar o que antes quedaba impune. Antes non tiñamos espazo para contrarreplicar; hoxe, podemos cancelar a quen intenta cancelarnos.

Porque unha canle pública que utiliza o bulo e a mentira como método de defender o poder que a sostén fai un dano inmenso á democracia, ás institucións e á sociedade galega. E mentres iso non cambie, Galicia seguirá pagando un prezo demasiado alto pola indecencia dos que confunden gobernar con manipular.