Iria Malvido presenta a súa dimisión como concelleira “por responsabilidade e polo profundo afecto que teño por Cangas e polo meu partido”

Logo concello de Cangas

O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, agradece á tenente de alcalde canguesa “a súa dedicación, o gran traballo feito no Concello e a madurez política que demostra despois dun erro na súa vida privada”

Cangas, 28 de agosto de 2024.

A tenente de alcalde de Cangas de Morrazo e voceira do grupo municipal socialista, Iria Malvido, presentará mañá a súa dimisión como concelleira asumindo así, en primeira persoa, as consecuencias dun “grave erro na súa vida privada” tras ter dado positivo nun control de alcoholemia durante a pasada madrugada nas celebracións das festas do Cristo.

Malvido, que xa esta mañá solicitara a baixa temporal na militancia e publicara un comunicado pedindo desculpas á cidadanía e asumindo toda a responsabilidade “sen escusas de ningún tipo”, informou esta tarde ao secretario xeral provincial socialista, David Regades, da súa decisión persoal de dimitir “polo profundo afecto que teño por Cangas e polo meu partido”. A renuncia será formalizada a primeira hora da mañá sen agardar, por tanto, á decisión da Comisión de Ética Federal.

David Regades agradeceu á concelleira canguesa o xesto e a súa “madurez política e persoal tras unha equivocación” e valorou expresamente “a dedicación e o gran traballo desempeñado durante este case ano e medio”. Regades subliña que o Partido Socialista non só esixe exemplaridade a tódolos cargos públicos, “senón que a practica en primeira persoa por doloroso que sexa”.

Iria Malvido, pola súa banda, comunicou o seu desexo de facer un recoñecemento a toda a veciñanza de Cangas que “nestas horas duras me expresou o seu apoio”, así como moi especialmente ao PSdeG-PSOE, “que é e será sempre o meu partido e ao que lle debo a honra de ter sido concelleira para traballar polo meu pobo”. “Agardo que a miña dimisión sexa un grao de area para defender esa Política con maiúscula que sempre reivindiquei e reivindicarei; cometín un erro grave e asumo as consecuencias persoais e tamén as políticas”.

Primer comentario

Deixa a túa opinión