Andrés Giráldez Río; Monicrequeiro

ANDRÉS GIRÁLDEZ MONICREQUEIRO DE REDONDELA

Na nosa viaxe polo universo cultural da Vila de Redondela non podíamos deixar de falar con Andrés. El defínese como “ monicrequeiro” pero é un artista multidisciplinar entre cuxas facetas temos que salientar que é membro de “Tanxarina”, e un importante actor que dá vida ao famoso “peixe” de Serramoura. Velai vai o que deu de si a nosa charla

O SECTOR CULTURAL TEN MOITÍSIMO QUE DICIR, E NON PODE NIN DEBE SER AGOCHADO”

Como é que un administrativo acaba no mundo dos monicreques?

Este mundo a min sempre me gustou, de feito eu a Tatán coñézoo de toda a vida. El e Miguel foron os que pensaron en min para Tanxarina. Eu, naquel momento estaba estudando enoloxía e cando me chamaron non o pensei.

De que ano estamos falando?

Creo que de 1.995. Daquela eu xa tiña unha relación importante con este mundo, e xa sabía que gañar a vida só cos monicreques é moi complicado. Pero aquÍ temos a TANXARINA

Ben, supoño que tamén influíu que boa parte da túa familia se dedica ao mundo da arte?

Si, desde logo que si.

En que faceta estás máis cómodo, como actor ou como monicrequeiro?

En realidade está todo moi unido. De feito a forma de traballar de Tanxarina é indisoluble da faceta actoral. Somos actores monicrequeiros

Fixéche un curso cun Mestre chino?

Si, con Yang Feng. Un curso de manipulación de monicreques de luva. A verdade é que eles son especialistas en técnicas concretas e desde moi novos pratcican moitísimas horas e rematan por acadar un nivel moi elevado.

Algo vós debeu de quedar, pois vós interatuades cos monicreques?

Si, ese é un sinal de identidade de Tanxarina

Nunha ocasión tiven a oportunidade de ver un espectáculo voso en España, e, eu que estaba afeito a escoitarvos en galego pois sentinme un pouco estrano ao ver o voso espectáculo en castelán. E vós?

Os nosos espectáculos sempre nacen en galego. Iso é así e sempre vai seguir sendo así.Cando saímos de Galicia o que facemos é darlle unha volta ao espectáculo para interpretalo noutro idioma, pois unha traducción literal non se pode facer, xa que, de ser, así parte do sentido se perdería.

Un dos primeiros traballos para a TVG foi un monicreque. Estaba no Xabarín Club?

Si, foi “Froilán o Celta”.Construímolo aquí no taller.Estaba tamén o meu irmán Pastor.Foi un encargo que nos fixeron da TVG e o deseño foi de Víctor Coyote.A experiencia de construcción e manipulación nun programa piloto que se fixo foi moi agradable, aínda que despois non fose a máis, pasámolo moi ben.

Entón seguro que ti xa asinaches a petición dunha canle xabarín?

Ha ha ha ha, desde logo que si.

Os deseños dos carteis de Tanxarina son do teu irmán Pastor, non?

Si, son todos del.

Creo que podemos dicir que es un artista poliédrico, tes feita unha película e dúas curtas?

Home, non sei se poliédrico. Eu paseino ben traballando en , “Heroína” que é a película e nas dúas curtas que son “Confusión” e “Fuera de la ley”.E tamén teño feito cousas con Cuchi Carreira

Heroína tivo algo que ver na túa participación en Serramoura?

Si. Creo que a directora de casting era a mesma. Precisaban un perfil que lles encaixara nun personaxe que tivera problemas de adicción ás drogas e lembráronse de min. Nun principio era un personaxe episódico pero seica tivo unha gran aceptación nos espectadores e finalmente quedou de personaxe fixo na serie.De feito tivo tanto éxito a serie, que, cando rematou, decidiron facer unha serie derivada, na que tamén entraba o personaxe de “Peixe” que é o meu e que se está retransmitindo agora.

Creo que ambas produccións teñen un enorme éxito, incluso internacional?

Pois si, seica é especialmente significativo en Arxentina

Non che importa que che cualifiquen no papel de drogadicto?

Non, no me importa o máis mínimo. Este personaxe en concreto ten un punto, tanto canalla como algareiro, que é moi agradable, e engancha ao espectador.

O personaxe de Peixe ten unha póla de inocencia que pode chegar a ser ata entrañable. Éo ou faillo?

Como di el: ”Eu son tonto pero non son imbécil”

Ti es unha persoa cualificada para opinar da situación da TVG, que nos dis?

Pois que eu sempre estarei en contra da explotación e a prol dos explotados, e desde logo que estou contra calquera tipo de veto por cuestións ideolóxicas

Por que se deixaron de retransmitir os premios María Casares ou Mestre Mateo?

Eu confío en que o antes posible todos os que teñan ou vaian ter responsabilidades na TVG se decaten de que a televisión pública é un servizo público que ten que reflectir de maneira fidedigna a pluralidade que existe na sociedade.E máis no que se refire á cultura que ten moitísimo que dicir e non pode ser ocultada.

Eu creo que os actores e actrices de Galicia están nun momento óptimo en canto a súa valoración , ti que pensas?

Eu considero que ven desde “Fariña”, alí comezouse a ollar para o inmenso potencial de talento que hai nos actores e actrices de Galicia.De feito na escola de arte dramático de Vigo están a saír profesionais de moi alto nivel.

Ben, e agora quixera entrar na túa parte un pouco máis intíma. Que importancia ten a contorna da carambola na túa vida?

Enorme, de alí son e alí quixera rematar os meus días?

Ti tamén es unha persoa moi sensible co coidado da natureza?

Si, a verdade é que si. Xa desde moi novo teño vículación con grupos ecoloxistas. Agora xa non estou tan activo como cando era máis novo, pero boto unha man sempre que poido.De feito quixera dicir que me fixen vegano, que entendo que é unha opción moi relevante, se a adoptara moita xente, para contribuir á conservación do planeta.

O ecoloxismo é un sinal de identidade do teu eu íntimo, pero eu creo que o activismo en xeral, tamén, verdade?

Ben , eu colaboro con distintos colectivos si. A organización da sociedade civil é a mellor forma, entendo eu, de acadar melloras sociais e de contribuirmos á construción de realidades máis xustas.

Unha curiosidade, Quen che meteu en “Sinha Paca”?, seguro que foi Fon?

Ha ha ha ha.Non te equivocas, foi Fon, si. A verdade é que ese colectivo foi moi importante na nosa vila, e insírese na importantísima tradición cultural de Redondela de termos un tecido asociativo enormemente robusto.

Tes algún proxecto futuro que nos poidas adiantar?

Eu son monicrequeiro. Eu estou en Tanxarina e logo o que veña pois benvido será. Porén si que quixera salientar que estivemos grabando un pequeño documental sobre a memoria histórica, no que colabora a DEP, e enténdoo como unha aposta moi interesante. Grabamos na Illa de San Simón e foi unha experiencia extraordinaria. E en Tanxarina estamos a preparar un espectáculo novo que agardo podermos estrear en maio.