Nova exposición de debuxos de David Pérez Rego na Casa do Concello da Guarda

David Pérez Rego

A exposición estará aberta entre os días 3 e 13 de novembro de 2023 no vestíbulo da Casa do Concello, no seu horario habitual de apertura.

Este mes de novembro, o Concello da Guarda acollerá a exposición “Arquitectura, debuxo e tinta”, do debuxante David Pérez Rego “Cato”.

A mostra exhibirá 30 debuxos orixinais do artista porriñés, cunha obra caracterizada por reproducir ao detalle, con estilógrafo, arquitecturas do patrimonio arquitectónico de Galicia, moitas delas da Guarda.

Nos seus debuxos o autor emprega unha técnica de punteado (stippling) e raiado (crosshatching) minuciosos que lle permite obter imaxes de gran realismo cun estilo moi persoal. Para cada imaxe, composta de milleiros de pequenos trazos, David Pérez emprega ducias de horas de observación, análise e traballo preciso.

Comenta o artista que “Fronte á rapidez dunha era vertixinosa, penso que hoxe en día o vangardista reside na lentitude do proceso artístico. Concentrarse nunha execución minuciosa e dilatada no tempo produce tamén outros lazos coa obra, e representa, ademais, unha forma de meditación persoal similar a crear un mandala.”

A exposición estará aberta entre os días 3 e 13 de novembro de 2023 no vestíbulo da Casa do Concello, no seu horario habitual de apertura.