Luces de bohemia: a farsa constitucional

Manuel Ruiz
Manuel Ruiz Robles

O vindeiro martes 31 de outubro representarase nas Cortes unha nova escena de Luces de bohemia: o xuramento solemne da cadete Borbón ante os representantes do pobo español. O seu xura civil simboliza -uns días despois do seu xura militar- o carácter militarista e reaccionario do sistema político emanado da ditadura, pois non houbo ao seu termo un auténtico proceso constituínte en liberdade. De chegar a reinar, será xefe do Estado español como consecuencia das leis de sucesión decretadas polo ditador xenocida Franco, aínda vixentes.

Trátase dunha brincadeira superflua, pois sería inviolábel segundo o art. 56.3 da constitución, por tanto impune aínda que delinca, xa que non lle sería recoñecida responsabilidade algunha por actos contrarios ás leis, e non podería ser detida ou xulgada. Por tanto, en caso de pexurio non podería ser investigada, procesada e menos aínda condenada; por exemplo, se chegase a emular ao seu tataravó Alfonso XIII. E, por se non bastase, tería ademais o mando supremo das forzas armadas. Mando supremo que o seu pai Felipe VI exerceu de forma ameazante co seu abominable discurso do 3 outubro de 2017, emitido en directo ante todo o país polos medios de comunicación, tras a brutal malleira ao pacífico pobo catalán polas “forzas da orde”. O anterior, proba que a función efectiva do rei -contrariamente ao que opinan algúns xuristas militares, quizá inxenuamente- non é en absoluto simbólica, senón último elo da cadea de mando militar e, por tanto, garante do ordenamento constitucional segundo o art. 8 da constitución. Algo totalmente insólito nos países da nosa contorna. A monarquía é un grave obstáculo para a saída pacífica dos conflitos derivados do carácter plurinacional do Estado, pois esa é a súa verdadeira función constitucional.

Farsa constitucional que o vindeiro martes 31 de outubro escenificará a cadete Borbón como protagonista estelar, encarnando a continuidade dun réxime monárquico-parlamentario herdeiro de Franco. Será, unha vez máis, a esperpéntica confirmación do carácter militarista do réxime, onde o rei representa a última ratio da oligarquía financeira fronte a un posible cambio na correlación de forzas sociais. Unha maior unidade e empuxe na acción dos movementos sociais, favorables á autodeterminación dos pobos do Estado, limitará a hexemonía da oligarquía española, abríndose paso a República dunha vez por todas. Pois, como expresei en máis dunha ocasión, teño a convicción de que só é posible democratizar o Estado aceptando o seu carácter plurinacional e o dereito de autodeterminación. Mentres tanto, continúa o xenocidio do pobo palestino a mans do Estado de Israel sen que o seu pai, o rei Felipe VI, condene os evidentes crimes de lesa humanidade do goberno israelí. Pola contra, deuse présa en condenar de maneira hipócrita o dereito do pobo palestino á resistencia contra o ocupante, cualificándoo de terrorismo.

Manuel Ruiz Robles, antigo militante da UMD, portavoz da iniciativa “militares españois pola paz”.