Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño

Begoña Caamaño: a escritora que reescribiu os mitos para darlle voz ás mulleres.

Como cada ano desde hai 63 anos, o vindeiro 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas para recoñecer e homenaxear a unha figura destacada da literatura galega, así tamén como para reivindicar e promover o uso e a importancia do galego na cultura e na sociedade, a súa difusión e axudar a que novas xeracións coñezan a literatura do noso país.

A data escollida, o 17 de maio, conmemora a publicación en 1863 de Cantares Gallegos da grande Rosalía de Castro, unha obra que marcou o inicio do Rexurdimento, é dicir, a recuperación da lingua galega como lingua literaria.

O Día das Letras Galegas foi creado en 1963 pola Real Academia Galega, coincidindo co centenario desta publicación. A persoa homenaxeada debe escribir en galego e levar polo menos 10 anos falecida.

Este día é festivo oficial en Galicia. Mobiliza escolas, medios e institucións e sempre fan algún traballo ou exposición para dar voz ás persoas homenaxeada para que, tanto elas, comas as súas obra sexan recoñecidas e non esquecidas.

Nos últimos anos estáselle dando o recoñecemento que se merecen as autoras , igual que darlle voz non só aos autores clásicos, e tamén a xornalistas, editores e editoras, artistas ou activistas culturais.

A presenza de mulleres foi sempre baixa, pero está a medrar nestes últimos tempos e desde o 2021 déuselle voz a autoras como Sela Arias, Luisa Villalta e, este ano, a Begoña Caamaño que se converte na sétima muller en obter este recoñecemento. Todas elas tiveron unhas liñas neste xornal para así darlle visibilización feminina a cultura galega.

A autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2026, Begoña Caamaño, nace como unha das figuras máis especiais do xornalismo e da literatura galega contemporánea, e deixa un legado comprometido como novelista, feminista, xornalista e defensora dos dereitos das e dos traballadores deste país.

Begoña naceu en Vigo, no barrio do Calvario, en 1964 e faleceu moi noviña en Santiago de Compostela en 2014, con tan só cinco décadas vividas.

Caamaño desenvolveu a maior parte da súa carreira como xornalista en medios radiofónicos. Comezou en Radio Noroeste e Radio Popular e a finais dos anos oitenta entrou na Radio Galega. Desde alí construíu un estilo propio, destacando polo seu rigor, compromiso ético e defensa firme da lingua galega. Non se limitou a contar a realidade: interpretouna, cuestionouna e puxo o foco nas marxes. Na Radio Galega, ideou e dirixiu os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite, ademais de ser parte do equipo do Diario Cultural.

O seu traballo estivo tamén atravesado polo compromiso laboral e o activismo social. Xa desde a súa vida de estudante comezou coas protestas estudantís que reclamaban descontos no transporte público cando cursaba 3º de BUP. Logo de adulta, participou activamente na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores dos medios públicos, convencida de que o xornalismo debía estar ao servizo da cidadanía. No ámbito sindical, chegou a ocupar o cargo de presidenta do Comité Interempresas da CRTVG.

O feminismo non foi para Caamaño un tema, senón unha forma de estar no mundo. Participou en espazos como Mulheres Nacionalistas Galegas e a Marcha Mundial das Mulleres.

A súa entrada na literatura produciuse relativamente tarde, na que só formou parte durante cinco os últimos cinco anos da súa vida, pero deixounos un enorme impacto e dúas grandes obras:

Circe ou o pracer do azul (2009), Begoña reinterpreta as figuras de Circe e Penélope, a amante e a esposa de Ulises da na Odisea para explorar o desexo, a liberdade e a identidade feminina. A obra supuxo unha revelación dentro da literatura galega.

Tres anos despois publicou Morgana en Esmelle (2012), onde retoma o ciclo artúrico para construír un universo narrativo no que as mulleres deixan de ser secundarias e pasan a ocupar o centro do relato. A novela foi amplamente recoñecida pola crítica e consolidou a súa voz como unha das máis orixinais da narrativa contemporánea. Obra pola que recibiu o Premio da Crítica Española.

En ambas obras expón a necesidade de revisar os relatos herdados para cuestionar as estruturas de poder patriarcal que os sosteñen.

En 2017, a Deputación de A Coruña crea o premio Begoña Caamaño, que distingue a unha persoa, entidade, colectivo ou proposta artística comprometida coa igualdade de xénero desde o ámbito da cultura.

En 2019 o concello de Santiago de Compostela, nomeouna filla adoptiva da cidade e púxolle o seu nome ao parque situado detrás dos xulgados do barrio de Fontiñas.

A elección de Begoña Caamaño como figura central do Día das Letras Galegas 2026 supón non só un recoñecemento institucional, senón tamén unha oportunidade para redescubrir unha obra que segue plenamente vixente nun contexto no que o debate sobre igualdade, memoria e identidade continúa aberto e ultimamente está a ser cuestionado e vilipendiado, a súa voz resulta especialmente necesaria.

Máis dunha década despois do seu falecemento, Begoña Caamaño continúa interpelando lectoras e lectores. A súa obra, breve pero intensa, é un convite a mirar o mundo con ollos críticos pois Begoña foi unha das voces máis singulares da cultura galega contemporánea, cunha traxectoria que combina xornalismo crítico, literatura e compromiso social. Porque, como ela mesma demostrou, contar historias tamén é unha forma de cambiar a realidade. A súa traxectoria, breve pero intensa, deixou unha pegada profunda tanto nos medios de comunicación como na narrativa galega do século XXI.

Primer comentario

Deixa a túa opinión