Xabier Pérez Igrexas Concelleiro do BNG en Vigo

Xabier Pérez BNG Vigo A Nova Peneira

Nas eleccións de maio, o BNG recuperou a presenza institucional no concello de Vigo na persoa do activista veciñal Xabier Pérez Igrexas. El é un home novo, penso que aínda non chega aos 35, dunha solvencia extraordinaria, xa temos conversado en numerosas ocasións, e non tería porque facelo pero quero confesar que cada vez que o entrevisto, cando chega o momento de transcribir a gravación ao papel boto chispas, porque Xabi é un home de conversa tan agradable que sempre acabamos téndoas dunha lonxitude extraordinaria, o que logo me obriga a un inxente esforzo de síntese para poder reflectir as súas opinións.

NA NOSA CIDADE, SE NON ES UN COLECTIVO QUE DIGA “SI BWANA” TES PROBLEMAS”

Aínda que levas pouco tempo como concelleiro, quixera que me deras unha valoración destes meses?

Penso que o que se confirmou, polo moito que temos incomodado ao grupo de goberno, foi a necesidade de que o BNG volvera á corporación municipal.

En tan pouco tempo, xa podes dicir que incomodastes ao grupo de goberno?

Amósano as súas decisións, en primeiro lugar impedíndonos ter un grupo propio, e posteriormente tomando a asombrosa decisión, tan apartada do marco legal, de designarme concelleiro non adscrito.

Cal cres que é a motivación desa decisión a todas luces insólita?

Eu creo que o PSOE non asumiu que as e os vigueses apostasen por unha corporación máis plural, con catro voces no canto das tres que había no mandato anterior.

Malia que obviamente es concelleiro do BNG, formalmente es concelleiro non adscrito, que vai facer o Bloque ao respecto?

Presentamos un recurso de reposición pola vía administrativa. A verdade non con monta confianza.

E no caso dunha resposta negativa?

Teremos que esperar e ver en que termos ven recollida, pero desde logo que o BNG non renuncia a ningunha vía para reclamar os dereitos que nos corresponden.

Sendo “ non adscrito” tes medios suficientes para poder exercer a túa función como concelleiro?

Os único medios dos que se me proveeu, por parte do Concello, foron un teléfono móbil e un correo corporativo.

Miña nai, o teléfono supoño que polo menos virá con saldo?

Ha ha ha, Non me detallaron que tarifa ten, pero entendo que terá tarifa plana.

Nin sequera tes un espazo físico para traballar?

Non.

Vaia, entón como fas o teu traballo? Séntaste na porta do concello en modo ocupa?, nun banco da alameda?, na praia de Samil?

Pois neste momento, estou de “ocupa temporal” facendo uso dalgún espazo que quede libre na área de informática. O propio persoal do departamento coméntame que iso non acontecera nunca.

Compartes a valoración de Eva Solla en A Nova Peneira referente a que “ o alcalde de Vigo compórtase como un auténtico sátrapa”?

Home, non sei se como un sátrapa, eu o que creo é que temos un goberno politicamente moi feble, que xestiona pouco e mal.

No primeiro pleno ordinario presentastes unha moción para dotar ao concello dun novo regulamento de participación cidadá, explícanola?

Si, que obtivo o apoio da Marea e do PP, e foi rexeitada polo voto en contra do grupo socialista. Nós entendemos que é necesario que a política municipal se faga coa xente. O goberno municipal non debe gobernar para as 100.000 persoas que o votaron, senón para as case 300.000 que aquí vivimos. O actual regulamento de participación cidadá foi resultado da iniciativa política do BNG, de Lois Pérez Castrillo. E o que non se pode seguir dando é que se es un colectivo que non di “si bwana” tes problemas.

Iso, se é así, é incualificable

Pois é así, temos un goberno obsesionado con laminar aos demais.

Fuches á procesión do Cristo da Vitoria?

Non.

Por que?

Recibín un anacrónico convite, e non fun en primeiro lugar porque eu non son crente, e en segundo lugar porque considero que un representante institucional non debe ir, como tal, a ningún tipo de acto relixioso. Nós como BNG defendemos unha concepción laica do espazo público, por iso imos propor que ningún representante institucional vaia como tal a ningún acto relixioso. Como xa se fixo en outros concellos, como Redondela, curiosamente co apoio do partido socialista.

Ben, eu creo que o de Redondela foi porque era unha condición que lles exixiu AER para facer a Digna Rivas alcaldesa e non lles quedou máis remedio que asumila, non por ningún outro motivo..

Ben, pero está ben que rectifiquen.

Cales son os temas máis significativos para a cidade, ao voso xuízo, que pretende o Bloque trasladar ao concello?

Precisamente os que o goberno se nega a falar: A participación cidadá, o acceso social á vivenda, as políticas activas de emprego nunha cidade con 24.000 persoas desempregadas, rebater o único modelo produtivo do partido socialista que é promover grandes centros comerciais, o nivel de desertización cultural que vivimos, a nula política de promoción deportiva, o abandono dos barrios…

Dime un exemplo dese suposto abandono dos barrios?

O paseo de Bouzas leva máis dun ano pechado sen ningún tipo de actuación por un presunto risco que ninguén foi quen de acreditar.

As axudas sociais tramítanse coa dilixencia debida, para as persoas que peor o pasan?

Nós entendemos que non.

En Vigo seguen a producirse desafiuzamentos?

Si, sen alternativa habitacional, todas as semanas. Fíxate recentemente produciuse un na rúa Santa Marta, e quen executa o propio desafiuzamento é o propio concello. No segundo aviso danlle un prazo de 8 horas para abandonar a vivenda e ofrécenlle unha alternativa de aloxamento de 5 días..O concello de Vigo ten máis de 200 millóns de € de orzamento e nos últimos 12 anos non creou unha soa vivenda municipal social. En Vigo hai persoas que dormen na rúa e non teñen alternativa, e o goberno cando nega que esa situación exista raia na esquizofrenia. E en Vigo hai máis de 18.000 vivendas valeiras, na súa maioría en mans do capital.

A vosa posición en relación co PXOM?

Temos que aprender da nosa historia, o que tombou o plan foi a falta de consenso que quedou ilustrada en que recibira máis de 60.000 alegacións. Se queremos que de verdade Vigo teña un plan xeral que dea certeza urbanística e seguridade xurídica o indispensable é o consenso, e para iso deberiamos a estar facendo unha elaboración, que non se está facendo coa máxima participación e coa máxima transparencia.

E de Vulcano que nos dis?

Vulcano é a demostración empírica da falta de política industrial en Galiza, de ata que punto este decenio do PP na Xunta ten sido letal para o País en termos económicos e produtivos. Falamos dun estaleiro que cumpre un século, e levamos alertando da súa situación límite máis de 10 anos. O problema no era que se entregase o último barco, o problema estaba en despois desa entrega, que?. Debería terse reactivado a mesa de contratación do sector naval, o capital privado xa amosou a súa incapacidade de xestionar Vulcano, por que non pode ser un estaleiro público ou semi público?, por que non pode albergar o centro de reparacións do sector naval, tantos anos demandado?. En realidade o PP hai moitos anos que deu por amortizado o sector naval, para eles a nosa industria ten que ser o xacobeo.

Converter a Galicia nun país de servizos?, ti cres que iso é unha decisión política?

Desde logo que polo contumaces que son si, si o penso. O problema é que non hai xacobeo para todas.

O problema dos bombeiros de Vigo paréceme moi grave?

E que é moi grave. Comprométese tanto a seguridade da cidade como a dos propios bombeiros.

Cales son as causas da situación?

Unha moi neglixente xestión por parte do Concello. Hoxe Vigo ten arredor de 50 bombeiros menos dos que necesita. Ten arredor de 100, máis ou menos un 30% de baixa por situacións de esgotamento, e precisa mínimo 150.A situación provoca que haxa moitos días nos que o concello non é capaz de garantir o mínimo de 20 efectivos operativos, un mínimo que establece o propio concello de Vigo, e case nunca poden desenvolver ningún tipo de trabajo preventivo.

Que opinas do peche da escola de Zamáns?

Responde a un deseño político, que aposta pola privada e a concertada. En Vigo os problemas téñenos os centros públicos pero non os concertados.

E ti, estando como único representante do BNG na corporación viguesa, como o levas?, que tal estás de ánimos e ilusión?

Teño unha ilusión enorme e estou moi animado. Vigo é moito máis que Abel Caballero, moito máis ca dinosetos e luces de nadal, e hai un espazo importantísimo de milleiros de vigueses e viguesas que se senten orfos dunha alternativa que estea ao servizo das persoas e o propósito do BNG e ser a sea voz.

Si, pero despois de estardes 4 anos fóra da corporación, agora es ti a cara visible do BNG de Vigo, supoño que será unha grande responsabilidade?

Eu sempre acreditei en que as tarefas han de ser colectivas, malia que eu poña a cara e a voz todo o traballo do BNG é resultado do esforzo conxunto dos seus homes e mulleres. O que si sinto, é a responsabilidade de non defraudar non só ás máis de 8.000 persoas que nos votaron, senón a outras moitas que viron como algo positivo que o Bloque volvese á corporación.

1 Comentario

  1. Saúdamos ao único concelleiro que sí ten a súa conta de twitter aberta a recibir Mensaxe Directas (MD) de calquera que desexe falar con el.

    Esta actitude lle honra e ogallá outros seguiran o seu exemplo REPUBLICANO!

    No que atinxe aos desafiuzamentos forzosos habería que lembrarlle á Marea de Vigo o seu SILENCIO CÓMPLICE cando a subasta pública dos 40 pisos municipais!
    É imperdonable que durante os catro anos anteriores non se fixera nada por paralizar esta malversación do Patrimonio Común !!!
    https://flic.kr/p/usvFpZ

    E que tampouco ninguén abrira a boca co REGALO do Hotel Samil paréceme INSULTANTE para os que se chaman a sí mesmos EsquerdaUnida (?)
    https://flic.kr/p/DyVmwU

    Abel é un Caudillo pero á súa sombra medran outros que deberan dar explicacións e calan e otorgan sen que niguén os interpele!

    Xabier, boa sorte o camiño non será fácil, pero hai saída deste túnel !!!

Comments are closed.