Entre os vales verdes e os acentos do atlántico, alá onde o vento peitea o océano e as montañas gardan historias de regreso, latexa un club que encarna o orgullo dunha parroquia, a ilusión dun pobo: o Atlético Huracán de Zamáns. Non é só un equipo de fútbol; é a memoria compartida de xeracións, o eco daqueles que en Zamáns soñaban con domingos de paixón no campo de San Cosme, coa camiseta verde e branca ondeando baixo o sol galego.
Fundado oficialmente en 1967, pero con raíces que afunden os seus dedos na historia dos emigrantes galegos en Arxentina, Huracán foi inspiración, refuxio, fogar e reencontro.
Durante máis de dúas décadas, a súa presenza nos campos próximos converteu os partidos en rituais veciñais: a pelota rodando, os veciños charlando en cada banda, a emoción colectiva de seguir un balón.
Tras un longo silencio de case 36 anos, Huracán de Zamáns volveu vestirse de verde e branco no 2024. Foi un retorno construído desde o corazón, con xente do pobo, ex xogadores, amigos, amigas, veciños e veciñas decididos a revivir aquela chama social e deportiva.
Este renacer non é só na forma dun club, senón na unión dunha comunidade que soña, traballa, emociónase e resiste. Porque máis aló de vitorias e trofeos, o Huracán representa o que Zamáns ten de mellor: as súas xentes, a súa historia e a súa comunidade e a súa esperanza.
Héctor Prado Prado, copresidente e xogador do Club Atlético Huracán de Zamáns.
“O apoio que recibimos de veciños e veciñas da parroquia, foi o mellor que conseguimos con este proxecto deportivo”
Héctor, como se inicio o xerme de volver a montar un equipo de fútbol en Zamáns?
A idea inicial de retomar o equipo foi miña e do meu pai, os demais sumáronse ao momento de propoñerlles a idea e, menos mal que somo moitos e podemos repartirnos as tarefas porque compaxinar traballo, vida persoal e levar as rendas dun equipo faise complicado porque ten unha labor tremenda de burocracia e traballo diario.
Custou moito poder facelo?
A verdade é que non sabía que fundar e poder manter un equipo ía lavar tanto traballo e esforzo. O equipo comezou na última categoría de xogo e aínda así é moi complicado. A sorte é que conseguimos unha directiva moi ampla, con vinte persoas apoiando para poder repartirnos as tarefas e todos co seu gran de area aportamos o que sabemos para que este proxecto se consolide e poida seguir adiante.
Comezastes á competición deportiva a pasada temporada 24/25. En que categoría compite o Sénior do Huracán?
Na Terceira Futgal de Vigo.
Con cantas categorías conta actualmente?
Co equipo Sénior, o recentemente chegado, e o Club de Veteranos. Este xa existía no pobo e desde o ano pasado pasou a formar parte do Club Atlético Huracán de Zamáns. Parte da directiva e de xogadores que estaba no Club de Veteranos uníronse a este novo proxecto do Huracán.
Tedes previsto montar categorías inferiores?
Nacemos nun inicio pensado no equipo sénior porque é onde mirabamos máis viable o proxecto. Este é un proxecto para a parroquia, con recurso limitados e moito esforzo e traballo. O campo é de terra e fai complicado que xente que non sexa do pobo ou non sinta este equipo vaia elixir outras opcións onde o campo sexa de herba. Xa había veteranos e decidimos montar de momento sénior, que é onde tiñamos xogadores para formar de novo o equipo. Queremos consolidarnos nesta categoría para seguir avanzando e esperamos poder, a partir dos próximos anos, ser capaces de montar algunha categoría inferior para que rapaces e rapazas do pobo poidan unirse ao Huracán e veñan a desfrutar con nós.
Agora que me falas das rapazas, tedes previsto montar tamén equipo feminino?
Faríanos especial ilusión poder darlle ademais a oportunidade ao fútbol feminino e que poidan xogar e desfrutar en San Cosme as nenas, rapazas ou señoras da parroquia.
E para cando o Huracán de Zamáns poderá xogar en campo de herba en San Cosme?
Para que este equipo poida chegar ás axudas da Deputación e do Concello ten que contar con máis categorías federadas. Dentro duns anos esperamos poder chegar a cumprir os requisitos necesarios para optar a contar cun campo de herba nun futuro próximo.
Como se portan as institucións? O Concello, a Deputación e a Xunta de Galicia?
O Concello si que nos apoia institucionalmente falando, mesmo acudiron á presentación do equipo o ano pasado. Das achegas económicas que nos fan son as que lles dan a todos os clubs deportivos atendendo as súas características, cando máis grande sexa o club e segundo a categoría na que compitan, máis achegas lles corresponde. Solicitamos as que publican e, tanto o Concello, a Deputación e a Xunta aportaron as achegas económicas as que obtemos como equipo. Estas achegas son unha axuda pero ningún equipo pode pensar que xa con elas pode sobrevivir toda a temporada.
E que orzamento necesitades para poder afrontala?
Temos uns 20.000€ de gastos por temporada para equipaxes de xogo e adestramento, fichas de xogadores, seguros, gastos do campo, arbitraxes ou gastos de adestradores e xogadores.
Como vos financiades para conseguir estes 20.000€?
Coas achegas das institución que falabamos antes, coa cantina, venda de camisetas e bufandas, sorteos que facemos nos descansos dos partidos, campaña de socio e con patrocinadores tanto de campo como os das camisetas.
Logo está a Comunidade de Montes de Zamáns que é a que nos fai a chega económica máis importante cada temporada e que lle estamos enormemente agradecidos. Xa cando lle presentamos o proxecto levárono a asemblea e sufragaron os gastos do campo para arranxalo e preparalo para poder xogar, a Asociación de Veciños tamén nos fai a súa aportación económica.
Como funciona a cantina?
A verdade e que moi ben, tanto a cantina como a venda de camisetas que conseguimos os domingos é unha pasada. Temos un total apoio da xente do pobo e sempre colaboran co equipo en calquera cousa que faga falta, tanto en botar unha man para facer calquera cousa no campo, como á hora de apoiar economicamente gastando na cantina ou en equipaxes.
Como valoras o vínculo da parroquia co equipo?
O apoio que recibimos de veciños e veciñas da parroquia, foi o mellor que conseguimos con este proxecto, a característica máis positiva desde que se iniciou a idea foi o apoio da nosa xente, tanto de Zamáns como de fora, que xa temos moitos adeptos de fora tamén e os queremos como o resto de socios e socias.
Cantos anos levaba fora de competición o Huracán?
O equipo Sénior desfíxose no ano 1989 pero, ata o ano 1999 xogou algunha categoría inferior. Desde o 1999 ata o ano pasado, o 2025. Non volveu a xogar o equipo Sénior do Huracán de Zamáns en San Cosme ata 26 anos despois.
Disme que comezastes na categoría máis baixa, segundo a realidade económica e social de Zamáns, esta é categoría na que se debería asentarse o Huracán?
Zamáns é unha parroquia pequena dentro do Concello de Vigo, a nivel deportivo o que che marca á categoría é o rendemento deportivo, temos que empezar por abaixo para poder ascender. O ano pasado, na segunda volta tivemos uns resultados tremendos e acabamos a competición como sextos nunha liga que ascendes os dous primeiros, e o terceiro e cuarto promocionan. Quedamos ás portas de poder promocionar e para ser o primeiro ano competindo isto foi un logro tremendo.
Existe o risco de desaparecer outra vez?
Cando iniciamos esta andaina queríamos facer un proxecto deportivo sólido, que fora identificativo con xente da casa e que faga que os afeccionados e afeccionadas que nos seguen estean orgullosos de nós, lles guste o que ven no campo e que todo siga así de ben para seguir contando cos apoios necesarios e non volver desaparecer como o equipo que identifica e representa a esta parroquia. Se nalgún momento hai posibilidade de ascender e darlle esa satisfacción á parroquia benvida sexa, pero o obxectivo é a consolidación como equipo.
Todos os xogadores son de Zamáns?
Non, hai xogadores de Zamáns, pero tamén das parroquias veciñas que nos apoian e comparten o noso proxecto e o viven como seu, a iso me refiro cando digo que son da casa. Temos xogadores tamén de Cela, Herbille, Vincios, Beade, Gondomar, Vilaza, Valadares, A Fraga…Xente que sen ser de Zamáns axudan e senten este proxecto como seu polo que son benvidos e lles damos todo o noso agarimo.
Que expectativas tedes para esta temporada 25/26. Dicíasme que a temporada pasada rematastes mellor do pensado inicialmente. Ves posibilidades de que esta ano o Huracán de Zamáns poida promocionar un ascenso?
A intención é continuar e consolidar, que as boas sensación sigan crecendo. Queremos esta temporada intentar facer base para o ano que ven poder comezar a montar algunha categoría inferior ou categoría feminina. Se nalgún momento chega esa promoción ou ascenso será unha festa e un orgullo para o equipo e para o pobo.
Queres dicir algo máis para as persoas que vos seguen e apoian?
O importante e o que nos da o agarimo da xente é que o facemos de corazón e de forma altruísta para o pobo e a xente que nos quere, nos anima e nos apoia. En todo momento todas estas persoas se involucraron con nós, esta é a clave de que o equipo estea onde está, o cariño e mutuo e recíproco. So teño palabras de agradecemento para todos os veciños, veciñas, socios, socias e ás institucións do pobo por apoiarnos, querernos e contar co seu agarimo e folgos os domingos pola tarde en San Cosme.
