Ven do número anterior…
Non faltou quen se alegrara da morte de Bernardo, exemplo de tal infamia ficou escrita para a posteridade na carta do 3 de agosto/36, dirixida a un fascista vigués polo que fora Xuíz Municipal de Salvaterra, Alfonso González Troncoso do lugar do Lodeiro, “…En esta xa fusilaron a un, o concelleiro comunista por Alxén…” (Xentileza de Fco. Candeira Mosquera).
Importa saber o contexto no que se xogaba a vida aquela xente, por iso transcribo un resumo de sucesos neses días, publicados polo xornal “El Pueblo Gallego” o 01 de Xullo do 1936, (que xa caera nas mans dos golpistas, levantados en armas contra a legalidade democrática), di así:
“Pola Prensa do día 19 último sóubose do estado de España, apoderouse de tódolos pacíficos cidadáns desta localidade unha gran desasosego. Dende as primeiras horas da noite de dito día, numerosos grupos de homes dirixíanse a Casa do Pobo, (hoxe Casa da Música), existente nesta vila. O seguinte día, 20, os grupos eran cada vez máis numerosos e dirixíanse o Concello a recibir ordes do Alcalde; pouco despois do medio día declarouse a folga xeral, obrigando o peche de comercios, tendas, talleres, etc.
Dende o día 21 percorren as parroquias do municipio e diferentes lugares desta vila grupos de paisanos armados con toda clase de armas de fogo, e obrigan os tranquilos e honrados veciños, tanto de día como a altas horas da noite, a que lles fagan entrega das armas que posuían conseguindo incautarse de todas. Cando con tal obxecto, chamaron a altas horas da noite as portas da casa do cura de Taboexa, sen saber de onde, soou un disparo e un dos do grupo armado apareceu ferido de perdigonada nunha nádega. Foxen todos e traen o ferido a esta vila. O día seguinte máis de 30 paisanos armados, capitaneados polos significados comunistas, van a procura do citado párroco, quen de atopalo, mal o pasaría. Pouco despois presentouse dito señor ó Alcalde, ficando detido nunha das dependencias da Casa Consistorial.
A situación facíase máis angustiosa para os pacíficos cidadáns, por practicarse detencións arbitrarias e temerse acapáranse os víveres e existencias de pan, toda vez que eran moitos os homes aquí concentrados, circulando pronto o rumor de que as forzas marxistas percorrían as casas dos propietarios buscando alimentos.
Por outra banda, a falta de luz, de comunicación telegráfica e telefónica, sen trens nin carros, nin sequera un aparello de radio que escoitar, sumía a todos nunha espantosa zozobra. E para colmar a situación, o teléfono que solo comunicaba con Tui, transmitía ordes dos marxistas daquel pobo a cada cal máis inquietantes.
Unha tarde chegou de Tui unha camioneta con paisanos armados, infundindo pánico e ondeando voar as pontes e obstruír estradas, a fin de impedir a entrada das forzas armadas. O seguinte día tamén de tarde, corre o rumor de que viñan forzas inimigas pola estrada de Ponteareas. Tódolos espingardeiros van apresa e pensan en preparar unha emboscada. Varios ven un carro con Garda Civil, están en dúbidas se serán amigos ou inimigos; escóndense e escoitase un disparo. Os ánimos tranquilízanse algo o saberse que non houbo vítimas e que era a Garda Civil de Ponteareas que viña reparando o tendido telefónico e que disparara sen ánimo de causar desgrazas.
O día 26, o pitar dunha máquina de tren, que viña de Vigo, sorprendeu a todos. Outra vez o medo e o pánico apodérase dos espingardeiros. ¿Quen vai contra o inimigo? Algo tranquilízalles o estar a vía erguida na ponte da Fillaboa. O pouco tempo chegan uns carabineiros con unha orde para as autoridades desta localidade e para que se entrevisten coas forzas armadas o servizo de España. O Alcalde, por fin, acede os reiterados consellos do tenente de Carabineiros desta praza, trata de resignar o mando e ordena as milicias de paisanos que deixen as armas, o que pouco a pouco foi realizándose.
Xusto é consignar aquí, que o moi digno tenente de Carabineiros D. Francisco Villarrubia, permanecendo acuartelado coas escasas forzas as súas ordes de Carabineiros e Garda Civil, con serenidade e sensatez, velou polo mantemento da orde, evitando nesta localidade días de amargura e loito. O día 28, xa ningún paisano circulaba con armas, podendo un piquete de Carabineiros ás dez da mañá publicar o Bando de Guerra, con gran contento da veciñanza que se vía libre e tranquila.
Foron tan rápidas e eficaces as ordes dadas polo comandante militar Sr. Villarrubia que, en poucas horas, fíxose cargo do Concello, estaban expeditas as estradas, funcionaba a luz, andaban carros, abríanse comercios e todo o mundo se poñía fronte do seus traballos e as comunicacións reparábanse con prontitude.
O día 29 chegaron trens de Ourense e Vigo, despois de reparadas as avarías causadas nas pontes e vías polos marxistas, con viaxeiros e tropas armadas dos distintos institutos, que saudaban co berro ¡Viva España! Que era contestado por todos con grande entusiasmo. Varios camións con forzas chegaron até o cuartel da Garda Civil saudando de igual maneira. Estamos, pois, desfrutando actualmente nesta vila dunha paz e tranquilidade absoluta, grazas o trunfo das armas o servizo de España.”
O día 29 pasearon a Bernardo, “perigoso” home progresista, Concelleiro nas filas do P.S.O.E. labrador e panadeiro. No Rexistro Civil de Salvaterra de Miño, folio 137, apuntamento 90, pode lerse: “…procédese a inscribir a defunción de D. Bernardo Bernárdez Martínez, de vinte catro anos de idade, natural de Nogheira, Ponteareas, fillo de Xoán e de Isabel, con enderezo na parroquia de Alxén, lugar do Coto D`Ouro….casado con Carme Trigo Bernárdez de cuxo matrimonio deixa dous fillos chamados Bernardo e Xosefa, (lembrar que outro viña de camiño). Morreu no lugar da Picada desta vila, (antigo matadoiro), …a consecuencia de hemorraxia interna…”
Continuará…
Antón Lourenzo, “Xaque”.
Salvaterra de Miño a 16 de Febreiro do 2025
