Tomiño FC Feminino

Tomiño Femenino

A situación do fútbol feminino na nosa área de influencia non deixa de ser un reflexo do lonxe que estamos de acadar a plena igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade, e do necesario que é o feminismo.

Nos 34 concellos nos que se distribúe ANP hai centos de equipos de fútbol masculino, literalmente centos, algúns teñen algún equipo feminino, outros nin iso. E que nós puideramos constatar só existen 5 equipos integramente femininos:A Guardesa, o Mos, o Lóstrego de Gondomar , o Sárdoma de Vigo e o Tomiño( desculpas se se nos escapou algún). Nós falamos co presidente do Tomiño, un rapaz moi agradable que hai unha ducia de anos comezou botando unha man e así como non quere a cousa xa leva máis dun terzo da súa vida na presidencia do equipo.

Agustín González Rodríguez,presidente.

Estou moi orgulloso de que arredor de 70 mozas poidan practicar fútbol con nós”

De onde es ti natural?

Son natural da parroquia de Forcadela, do Concello de Tomiño.

Cantos anos tes e a que te dedicas?

Teño 31 anos, traballaba de soldador, pero por un problema de saúde, que me impide desenvolver o meu traballo, estou nunha situación de pre xubilación.

Cando e como comezou a túa relación co mundo do fútbol?

Case cando nacín, polo menos eu lémbrome de estar conectado con este deporte desde que era un neno moi pequeno. Se cadra influíu que o meu pai fose un coñecido futbolista da comarca que xogou en distintos equipos do Baixo Miño.

En que posto xogabas ti?

De porteiro.

En que equipos xogaches?

No Tomiño e no Tebra

Que tal porteiro eras?

Ha ha ha ha, sempre resulta complicado valorarse a un mesmo, digamos que era un porteiro normal.

Se tiveras que destacar a un porteiro ídolo da túa infancia?

Iker Casillas.

Non serás do Madrid?

Non, son do Celta.

Quen foi o mellor porteiro que pasou polo Celta, ao teu xuízo?

A min, de todos os que coñecín, o que máis me gustou foi Pinto.

Cando te retiraches?

Aos 23 anos.

Moi pronto, por que?

Pois, porque xa comezou a miña relación co Tomiño feminino.

Con 23 anos comezaches no Tomiño feminino?

En realidade foi antes. Tería 19 anos, creo, nunha conversa casual souben que precisaban un adestrador de porteiras e ofrecinme para botar unha man.

E nese momento xa existía o equipo feminino?

Si, pero non levaría moito tempo, un ou dous anos de vida como moito, creo eu.

O Tomiño feminino chegou a ter algún tipo de relación co masculino?

Nos seus inicios, si.

E logo por que se separaron?

Porque a directiva decidiu traballar de forma independente e autónoma e preferiron camiñar pola súa conta facendo un club distinto con NIF propio

A situación do fútbol en Tomiño é un tanto xeroglífica porque alén do Tomiño feminino e o masculino hai un terceiro equipo, verdade?

Si, o AD. En Tomiño hai 3 clubs independentes con 3 directivas distintas, é verdade, si.

Ben, ti entras con 19 anos como adestrador de porteiras e como evolucionan as cousas para que chegues a ser presidente do equipo?

Foi moi rápido, máis ou menos no meu segundo ano. A persoa que presidía o equipo naquel momento tiña algúns problemas e manifestou a súa vontade de tomarse un respiro. Eu ofrecinme a collelo un par de anos mentres se recuperaba, e así como sen querer xa levo arredor dunha ducia de anos.

Cando se asume a presidencia dun equipo sendo tan novo é motivado pola valentía ou pola inconsciencia?

Ha, ha, ha, ha…. Eu creo que polas dúas razóns.

Cal é a túa valoración destes anos na presidencia?

Valóroos de maneira moi positiva. Cando comezamos era todo moi difícil, custaba moito chegar a xuntar 15 nenas. E tivemos que facer un intenso labor de captación polos colexios e incluso polas casas. Hoxe temos catro equipo e 70 nenas que practican o fútbol con nós.

Cal é o voso uniforme?

Ou vermello enteiro, ou pantalón negro e camiseta vermella.

Dicíasme que tendes catro equipos, de que categorías son?

Infantil, cadete, este de fútbol 7,o sénior B, formado exclusivamente por xuvenís e logo o sénior A.

O sénior A en que categoría compite?

En primeira galega.

Que tal van as cousas?

O ano pasado estivemos a piques de ascendermos, de feito disputamos a fase de ascenso e perdemos ao final en Bergantiños na prorroga.

Vaia, debeu de ser unha decepción terrible?

Non, en realidade foi un premio. O ascenso non era o noso obxectivo deportivo e termos chegado ata o final foi unha inmensa satisfacción.

Este ano que tal ides?

A día de hoxe estamos no sexto posto. Estamos na pomada para pelexar por disputar de novo a fase de ascenso.

Onde disputades os vosos partidos?

No campo do Alivio.

Que tal están as instalacións?

Están moi ben.

E non hai problemas cos outros equipos de Tomiño para compatibilizar as instalacións?

Non, hai outro campo, o da Carballa e, está todo ben organizado.

Que tal son as relacións cos outros dous equipos de Tomiño?

Cordiais.

As 70 mozas que xogan ao fútbol con vós de onde son?

A base son todas de Tomiño. No sénior temos rapazas de moitos sitios. Por desgraza equipos femininos sénior hai moi poucos.

Que tal se porta o Concello con vós?

Pórtanse ben, sempre se aspira a máis, desde logo, pero se comparo o que nos dan a nós, co que nos din outros que lles dan a eles, creo que obxectivamente se pode dicir que se portan ben.

Outro equipo de Tomiño manifestoume certo malestar porque só se apoiasen ata os 18 anos?

Iso é así, si, pero o goberno municipal nas bases das subvencións considera máis adecuado primar a formación e apostar por ela.

Creo que ata hai pouco tivestes nas vosas ringleiras unha xogadora ilustre?

Marga, si.

Non teño o gusto de coñecer a Marga, eu referíame a unha que agora seica é alcaldesa

Ha, ha, ha, ha…..si Ánxela xogou aquí. Tivo que deixalo por varias escordaduras nun ombro.

Que tal xogadora era Ánxela?

Moi boa, tiña unha enorme calidade.

Non o digas porque agora sexa alcaldesa. Honestamente Agus, Ánxela era boa xogadora?

Ha, ha, ha, ha …En serio , non o digo por iso. Ánxela era unha xogadora de moita calidade técnica e moi intelixente á hora de buscar solucións coa pelota.

En que posto xogaba?

No medio campo. Era unha magnífica media.

Tes previsto seguir moito tempo de presidente?

Non, un ano ou dous máximo. Xa levo moitos anos e é preciso un relevo.

Que tal é a afección do equipo?

Moi boa: fiel, intensa, educada, respectuosa e cordial.

Como vos financiades?

Coas cotas que pagan os pais e as nais, coa venda de almanaques e rifas, e coa subvención.