
Na praza principal de Fornelos de Montes encontramos un emotivo monumento construído para homenaxear a memoria de de Julio Fernández e Rodrigo Amo. Ambos eran dous mozos de arredor de 30 anos que traballaban como bombeiros forestais e morreron mentres , xunto cos seus compañeiros e compañeiras, trataban de apagar un lume nos montes deste concello no ano 2010. Homenaxear a quen perdeu a vida tratando de axudar aos demais, iso é só iso é o que fan os bombeiros e bombeiras forestais, é un acto de humanidade que cómpre valorar en positivo, abofé que é así. Pero se cadra sería moito máis adecuado que a administración autonómica puxese todos os medios para que quen ten un traballo esencial para a conservación dos nosos montes e das vidas e propiedades da veciñanza do rural, non se teña que xogar o físico pelexando contra lumes monstruosos, que non se terían que producir se houbese unha adecuada política de prevención.
E o que sen dúbida sería adecuado en grado superlativo é que quen ten esta profesión de risco puidese vivir do seu traballo con dignidade os 365 días do ano, pois o contrario ten un nome moi claro que quero significar sen ningún tipo de matiz: Maltrato.
Si, maltrato é que case 1.000 bombeiros e bombeiras forestais da Xunta sexan fixos discontinuos traballando seis meses si e seis meses non. Todas as persoas que aparecen nesta imaxe, e teñen a súa base en Goian, viven disto. Algunha ten fillos e fillas ao seu cargo. Pero a súa situación e tan kafkiana que de cada 24 meses da súa vida cobran 16 e 8 non. Así pois poñamos por caso o seguinte exemplo:
Un bombeiro traballa 6 meses do ano 2022 e cobra o seu correspondente salario. Non traballa o seguinte semestre e non cobra nada neses meses. No ano 23 volve traballar 6 meses, co que ao ter 12 meses de traballo xa xera 4 de desemprego, polo tanto no ano 23 cobra 10 meses ( 6 de soldo e 4 de paro ) e non percibe nada dous meses dese ano. En definitiva o bombeiro en cuestión no ano 22 e no ano 23 cobrou 16 meses e 8 cobrou 0€. Como paga as súas facturas eses 8 meses? Como sufraga os gastos dos seus fillos e fillas( quen os teña) eses 8 meses?…
A insensibilidade da administración autonómica para este corpo de profesionais é tan atroz que só se pode cualificar dunha maneira que, de novo, quero significar sen ningún tipo de matiz: Maltrato.
Nós estivemos na base de Goian e conversamos con membros do retén: Xan Lois de Nigrán, Abel de Gondomar, este rapaz está aínda máis precarizado pois só traballa tres meses ao ano, Sergio de Oia, Carlos de Gondomar , Santi de Tomiño, Leticia de A Guarda, Ricardo de Ponteareas, Amparo, vixilante de casetas de Redondela e Lupe de Tomiño que exerce funcións de coordinación. Eles pertencen ao distrito forestal 18 que abrangue as comarcas do Val Miñor , do Baixo Miño e as localidades de Fornelos de Montes e Vigo.
Bombeir@s forestais
“ Estabilizar o noso traballo en 6 meses ao ano supón condenar a un colectivo de persoas a vivir en precario”
Desde cando ata cando traballades?
Desde que nos chaman ata completar os 6 meses.
Pero supoño que os chamarán nunha data concreta no caso contrario non vexo posible que poidades organizar as vosas vidas de maneira racional?
Adoita ser en maio pero non, non temos data fixa para comezar a traballar. De feito poderían dividirnos os 6 meses, por exemplo nos 4 meses de verán, de alto risco e os outros dous en calquera outro período do ano en que a climatoloxía , polo que fose, supuxese un risco elevado de incendio.
O voso traballo en que consiste?
En prevención e en extinción. A prevención sería na época de baixo risco
Xa, pero se vós traballades máis ou menos de maio a novembro a época de baixo risco é moi pouca, case toda é alto risco?
Efectivamente. Por outra banda nós case estamos na obriga de collermos as nosas vacacións na época de baixo risco co que nese tempo a plantilla está peor que baixo mínimos.
O persoal é escaso, e os medios materiais?
Medios temos.
Este verán que remata foi bo no que aos lumes se refire. Por que?
Unicamente pola climatoloxía. Fixo un inverno chuvioso e ao longo dos meses de verán tamén choveu varios días, o que axuda a que non ha xa lumes. Pero foi só por iso,non por outro motivo. A dependencia dun factor exóxeno como o clima é tan importante que fíxate ben o que che dicimos : é moi probable que algún ano de seca se poida volver a repetir a terrible vaga do 2017
Así de rotundo o dicides?
Si, porque é así.
Algunha vez no desenvolvemento do voso traballo experimentastes a sensación de perigo físico persoal?
Si, todos e todas os que estamos aquí si.
Cando comezades a traballar aquí , sen experiencia algunha no oficio, recibides algunha formación?.
Si, recibimos cursos de formación que imparte a Xunta, pero son insuficientes. O que che vai dando a pericia é a propia experiencia que vas adquirindo lume tras lume.
Cales son as vosas demandas?
Queremos traballar todo o ano, como calquera persoa normal, porque nós vivimos todo o ano, como calquera persoa normal, e non podemos vivir do aire a metade do ano, como calquera persoa normal. Resulta tristísimo que teñamos que estar reivindicando algo tan básico,e absolutamente terrible que non se nos faga o máis mínimo caso.
E hai carga de traballo para todo o ano?
Claro que a hai. Se todo ano se desenvolven as políticas de prevención adecuadas sería moitísmo máis difícil que houbese lumes. A maior prevención menos extinción, iso é unha verdade matemática. Por outra parte, aínda que houbese períodos de chuvias constantes que fixesen prever un ano sen ou con moi poucos lumes, nós podemos desenvolver outra clase de tarefas relacionadas con todo tipo de emerxencia pois temos capacidade, ferramenta e loxística para facelo .Podemos colaborar na busca de persoas desaparecidas, na limpeza de estradas no auxilio a accidentados, na loita contra as inundacións….. Traballo para todo o ano hai, e traballar todo o ano é un dereito humano básico e así o reivindicamos.
Que é necesario para que haxa unha adecuada prevención?
Un plan estratéxico serio de prevención ao longo de todo o ano.
Vedes posible unha decisión política a curto prazo para que se poida regularizar a vosa situación?
Hai negativa tallante da Xunta.
Como o sabedes?
En reunións con organizacións profesionais díxolle de maneira categórica que non.
Quen dixo categoricamente que non?
O director xeral..Estabilizar o noso traballo en seis meses é condenar a un colectivo de persoas a vivir en precario.