A alcaldesa Digna Rivas, concelleiros e familiares das vítimas participaron no acto, ao que asistiu tamén o Subdelegado do Goberno Abel Losada. O Concello instalou un panel cunha ilustración de Castelao na memoria dos fusilados polo franquismo en Soutoxuste en outubro de 1936.
– Rivas fixo un chamamento a toda a cidadanía para manter viva a memoria democrática, porque “se esquecemos o horror que foron a Guerra Civil e o franquismo corremos o risco de que se repitan”.
Redondela, 20 de maio de 2025. O 12 de outubro de 1936, en Soutoxuste, na estrada que une Redondela con Pontevedra, foron fusilados polo franquismo sete homes: José Bermejo, José Bouzón, Estanislao Fernández, Germán Parga, José Rodríguez, Ricardo Rosales e Pedro Villoldo. O Concello rendeu esta tarde unha homenaxe a estas vítimas, e fíxoo na memoria de todas as persoas represaliadas polo fascismo. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, explicou que estes fusilados en Soutoxuste foran trasladados desde o cárcere de Vigo e asasinados na beiravía da estrada. Un deles, José Bouzón Sobral, de 26 anos, era veciño de Redondela. O seu fillo, Basilio Bouzón, que tiña tan só 8 meses cando seu pai foi fusilado, foi o encargado de tomar a palabra en nome das familias das vítimas. Fíxoo ante un panel instalado polo Concello co debuxo de Castelao “O paraíso feixista”, co que o insigne galeguista denunciou os crimes do fascismo. Bouzón agradeceu este recoñecemento en nome das familias de todas as vítimas.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que esta homenaxe é un acto “de xustiza” e que hoxe máis ca nunca “é imprescindible ter memoria”. A rexedora advertiu que ante a desinformación e “cando dirixentes públicos negan ou cuestionan os asasinatos da ditadura, temos que levantar a voz e lembrar o que pasou para impedir que se branqueen o golpe de Estado e a ditadura franquista”. Rivas insistiu unha vez máis na necesidade de que a Xunta de Galicia recupere a Fundación Illa de San Simón, “onde tivo o franquismo un dos cárceres máis cruentos do réxime”. A alcaldesa aplaudiu a decisión do Goberno de España de declarar a illa de San Simón como Lugar da Memoria Democrática e agradeceu o traballo da Iniciativa Galega pola Memoria para impulsar este recoñecemento.
A rexedora lembrou “o firme compromiso do Concello de Redondela coa memoria democrática” e o traballo realizado nos últimos anos para que esa historia se coñeza, “sobre todo entre os máis novos”. A homenaxe ás “Madriñas de San Simón” ou o monumento aos represaliados no Alto da Concheira son mostra deste compromiso. Tamén se colabora desde o Concello coas asociacións da memoria, na publicación de libros, cos centros de ensino e co conferencias. En colaboración cos institutos organizáronse charlas a cargo de Montse Fajardo, escritora especialista na memoria, para trasladarlles aos mozos e mozas esta parte da historia.
Digna Rivas pediu a colaboración de toda a cidadanía para “manter esta memoria” porque “se esquecemos o horror que foron a Guerra Civil e o Franquismo corremos o risco de que se repita”. Advertiu que desde o defenderán sempre “a liberdade, a igualdade e todos os valores que representa a democracia” xa que non hai que dalos por seguros e é necesario protexelos “cada día”.
