Anxo Baz (BNG): “ Roberto Carrero con esta decisión amosa unha vez máis a súa incompetencia e falta de interese por un dos maiores referentes patrimoniais da Guarda e do país ”
Do millón de euros concedidos para o Plan de Sostibilidade Turístico da Guarda no anterior mandato, o alcalde Roberto Carrero, acaba de renunciar a única partida que contemplaba para o Monte Tegra (a principio do mandato xa renunciara a outra) para implantar un sistema de xestión online das reservas e entradas dos recursos turísticos no monte.
O portavoz do BNG, Anxo Baz manifestou “en vez de aproveitar este plan para dinamizar e poñer en valor o monte, incrementando as partidas para o Tegra, o alcalde fai todo o contrario tomando a decisión de non inverter nin un céntimo nel, desentendéndose deste xeito do maior recurso patrimonial que posúe A Guarda”.
Para o nacionalista “o rexedor municipal, amosa ás claras a súa incompetencia e falta absoluta de criterio para levar adiante medidas que contribúan a dinamizar un recurso patrimonial que se encontra entre os máis importantes do país. Unha vez máis demostra a súa ignorancia e falta de respecto polo patrimonio como xa fixera fai poucos meses transformando o Centro de Interpretación da Fortaleza de Santa Cruz, un BIC ( Ben de interese cultural), nunha sala de billar.”
“Con esta maneira de actuar, Roberto Carrero, despreza as recomendacións recollidas no Plan Director do Monte Tegra, redactado e aprobado fai máis dunha década, que marca a folla de ruta das actuacións que se deben levar adiante para a posta en valor e protección do grandioso ben patrimonial do que dispón A Guarda. Hoxe fica claro que a corrección dos problemas que temos pendentes de solucionar no monte, non son exclusivamente de carácter económico, senón máis ben dunha falta absoluta de criterio e sensibilidade dun alcalde que o único que pretende é desentenderse do Monte Tegra”.
O portavoz nacionalista concluíu decindo“ fai tempo que sabemos que estamos diante dun alcalde e dun goberno municipal que non teñen ningún proxecto para A Guarda. En realidade, estamos diante dun goberno que non é capaz nin de identificar as grandes potencialidades das que dispomos. Esta decisión acaba de confirmalo”.
