Fíxase como obxectivo seguir ampliando a súa base social: “Gobernar un concello tamén é construír País”, destaca a portavoz nacional
Pontón advirte da involución democrática dun PP ultra que en Galiza só ofrece deslealdade, crispación e mentiras: “É o bulogoberno do PP”
Santiago de Compostela, 22 novembro 2025.-
O BNG inicia a preparación das eleccións municipais de 2027 coa aprobación no seu Consello Nacional do regulamento para elaborar as candidaturas locais. O calendario de traballo que tamén acordou o máximo órgano de dirección entre asembleas fixa no horizonte do primeiro semestre de 2026, antes do 25 de xullo, a elección das candidatas e candidatos nas sete grandes cidades, nun proceso que, en todo caso, está aberto para o conxunto dos concellos en función do ritmo de cada unha das localidades.
Así o avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a última reunión do ano do Consello Nacional e na que explicou que o Bloque traballa cun obxectivo moi claro, o de “seguir ampliando” a súa base social e electoral “ao longo e ancho do País” como paso previo ao reto de liderar o goberno de Galiza.
Para iso, considerou fundamental traballar coas ideas claras, dirixíndose á sociedade coa man tendida e demostrándolle, día a día, que “hai outra forma de facer política afastada da crispación, do insulto e da lameira que intoxica desde a política estatal”.
“Pídovos que non nos desviemos nin un só milímetro da nosa folla de ruta e que lle sigamos dando esperanza aos galegos e ás galegas en torno ao proxecto que representa o BNG, traballando desde a humildade, desde a honestidade e desde a confianza en Galiza e en cada un dos concellos do noso País”, animou.
Pontón alegou que aumentar a representación nos concellos é un obxectivo clave para fortalecer o nacionalismo e que, ademais, contribuirá a consolidar o proxecto de goberno alternativo que representa o Bloque, sinalando os exemplos de bo goberno das alcaldías BNG “que transforman en positivo e melloran a vida da veciñanza” como “o mellor aval para pedir a confianza dos veciños e das veciñas”.
“Ese modelo municipal de excelencia, que se ve nos nosos gobernos municipais, é o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza e seguir ampliando a base social do BNG para liderar un proxecto de País”, remarcou.
Neste sentido, recordou que os concellos gobernados polo Bloque “prosperan, gañan dinamismo económico e social” e “avanzan en igualdade, en xustiza social, na promoción da lingua e da cultura e na recuperación do espazo público” como un dereito máis que teñen os cidadáns e as cidadás porque son gobernos que “poñen as persoas no centro” e “transforman en positivo”.
Un modelo que confrontou co do PP, que fai xusto o contrario a base de recortes e privatizacións na sanidade, na educación ou no coidado das persoas maiores. “Mentres no BNG defendemos a democracia e a honestidade, o PP fomenta o transfuguismo con mocións de censura espurias, escuras e mesmo con coaccións”, reprobou.
A líder nacionalista exemplificou esta praxe dos populares no caso de Ribeira, onde mostrou o seu convencemento de que ao exrexedor Luís Pérez “fixéronlle unha moción por ser un gran alcalde e facer ben o seu traballo”, se ben tamén se amosou convencida de que cando a cidadanía ribeirá poda falar nas urnas, “recuperará a dignidade e Luís volverá ser alcalde”.
Da mesma maneira, afondou, que tentaron promover, “aínda que neste caso fracasaron”, unha moción en Santiago “porque están dos nervios ante o impulso que lle está dando á cidade” Goretti Sanmartín, da que dixo “colleu o concello nunha situación moi difícil despois de anos de desnorte” e hoxe a capital galega conta cunha alcaldesa “con ideas e proxectos para devolverlle o orgullo de cidade” aos veciños e veciñas e poñer en marcha un novo modelo de desenvolvemento urbano.
Fronte a quen pensa que as municipais son simples antesalas de citas electorais de máis importancia, Pontón remarcou que para o BNG “gobernar un concello tamén é construír País”. O que o a organización nacionalista fai en cada municipio, alegou, é un exemplo do que quere para todo o País, “unha Galiza máis igualitaria, máis moderna, máis respectuosa co territorio, máis innovadora, máis feminista e máis orgullosa de si mesma”, afondou.
Por iso, apelou a seguir sumando nos municipios facendo chegar o proxecto do Bloque a máis sensibilidades e a máis sectores sociais, dado que as eleccións locais son “unha nova oportunidade para seguir consolidando o avance do BNG”.
Rueda, empeñado en importar a lameira política de Madrid
A portavoz nacional tamén se referiu ao complexo momento político, no que “a crispación, o insulto e mesmo a destrución persoal do adversario” é parte esencial da política que chega desde Madrid. “Unha auténtica lameira que o Partido Popular de Rueda quere importar a Galiza”, criticou.
Nesta liña, advertiu que o contexto actual non é froito da casualidade, senón unha “estratexia deliberada dos mesmos de sempre, dos que, ademais, deslexitiman a democracia cando non gobernan”, polo que cualificou de “obsceno” ver aos herdeiros políticos do franquismo falar de ditadura e cuestionar o resultado das urnas “porque ese resultado democrático pechou o paso da dereita de ganchete coa extrema dereita”.
“Vemos ao PP máis ultra da historia empeñado en deslexitimar a democracia por terra, mar e aire botando man de todos os resortes que ten no ámbito económico, no mediático e tamén no xurídico”, sintetizou, aludindo á sentenza que condenou ao fiscal xeral do Estado.
“Acabamos de ver a sentenza contra o fiscal xeral do Estado, que non é o primeiro caso de lawfare no Estado español porque hai que lembrar que antes foron a por nacionalistas, a por movementos sociais, a por medios de comunicación”, enumerou, para indicar a continuación que “lamentablemente nese momento o PSOE miraba para outro lado porque non lle afectaba directamente”.
A portavoz do BNG advertiu que, de non facer nada, este non será o último caso de utilización da xustiza con fins partidistas por parte da dereita. “Porque se lle fan isto a un fiscal xeral do Estado, que non lle farán a calquera persoa do común?”, cuestionou.
“Cúmprense 50 anos da morte do ditador, pero non podemos dar por morto o franquismo, ao contrario, vemos con moita preocupación como rebrota un discurso involucionista”, reflexionou.
O Goberno do PP, unha fábrica de bulos
Unha involución que, reprochou, o PP traslada tamén a Galiza, cun goberno de Rueda “instalado no insulto e na mentira, empeñado en importar a lameira política de Madrid” e que, en lugar de aportar solucións, busca a quen botar a culpa, “convertido nunha fábrica de bulos até extremos de caricatura”.
“Inventaron unha nova forma de gobernar, é o bulogoberno de Rueda, desleal co País, submiso ao centralismo e tan irrelevante que non conta nin ante o Estado nin ante o seu partido: Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde”, resumiu.
Pontón exemplificou a actitude desleal do titular da Xunta na súa negativa á quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública lograda polo BNG no acordo de investidura; no seu xeito de traballar en favor dos poderosos -como o lobby eléctrico ou Altri- e das empresas amigas do PP, ou nos recortes no público para beneficiar o negocio privado, tamén na sanidade.
Ámbito este último no que quixo trasladar todo o apoio do Bloque á folga e ás mobilizacións convocadas polo persoal de primaria, do que recalcou, “fai un traballo extraordinario, pese á precariedade e ao maltrato do Partido Popular”. “E teñen todo o noso apoio porque estamos falando do máis importante, da saúde dos galegos e das galegas, e con iso, non se xoga”, subliñou.
Neste contexto, destacou a importancia de que o BNG actúe, máis que nunca, como goberno alternativo fronte a un Executivo de Rueda que “só ofrece deslealdade, crispación e bulos”. “Temos que facelo por responsabilidade co País, actuando como goberno alternativo na defensa de Galiza, plantando cara a un PP que pon os intereses do partido e das empresas amigas por diante dos galegos e das galegas”, remarcou, para concluír a continuación que o Bloque seguirá traballando “para darlle a este País o futuro que merece”.
