Pontón: “Estou preparada para ser a presidenta do cambio que precisa Galiza”

Ana Pontón BNG

O Consello Nacional proclama á portavoz nacional candidata á Presidencia tras obter o apoio da 99,18% da militancia nas asembleas

“Imos a por todas para abrir un tempo novo desde o orgullo, a esperanza e a confianza para construír unha Galiza en grande”, subliña a candidata

Destaca que o Bloque é a “alternativa real ao PP” para darlle a este País o mellor goberno da súa historia coas mans libres e sen ataduras a Madri

Santiago de Compostela, 25 novembro 2023

O Consello Nacional do BNG, máximo órgano de dirección entre asembleas, proclamou a Ana Pontón candidata á Presidencia da Xunta, nunha votación por unanimidade que ven precedida polo apoio do 99,18% da militancia desde as comarcas, un apoio “desbordante” que agradeceu emocionada, a líder do Bloque.

“Quero dicirvos que teño máis ilusión e que me sinto máis preparada que nunca para afrontar o reto de darlle a este País por primeira vez unha Presidenta coas mans libres, un reto que acepto porque é un traballo en equipo e eu teño a sorte de representar BNG, o mellor equipo, o que ten a Galiza na cabeza e no corazón, que está no seu mellor momento e preparado para darlle un futuro mellor á xente deste País”, proclamou.

A candidata á Presidencia destacou que o BNG vai a por todas, desde a certeza de que a maioría social que quere cambio ten na formación nacionalista o seu referente. “Imos a por todas para abrir un tempo novo desde o orgullo, desde a esperanza e desde a confianza para construír unha Galiza en grande, porque o BNG é o cambio galego para gañar un País mellor”, subliñou, a alternativa de futuro fronte a un PP que vive o seu “epílogo” e que representa o pasado.

“O obxectivo é poñer en marcha o mellor goberno galego de todos os tempos, preparado para liderar o País desde o primeiro minuto, cun proxecto solvente, claro e ao servizo da maioría. Non imos perseguir imposibles, nin prometer o que non poidamos cumprir, pero imos facer todo o que estea na nosa man e máis para construír a mellor Galiza, para transformar este país. O BNG está preparado e eu síntome preparada para ser a Presidenta do cambio que precisa Galiza”, proclamou.

É o momento de dicir “basta” a catorce anos de gobernos do PP “ao servizo” do lobby eléctrico, da banca, das empresas amigas do Partido Popular; a catorce anos dun goberno que pon o lucro privado por riba do interese público, na sanidade, na educación, na atención ás persoas maiores, no territorio, sinalou a candidata.

“Comprométome a ser a presidenta dun goberno que só teña unha prioridade: defender os intereses do País, coidar da xente, coidar do territorio e facer avanzar Galiza”, destacou, en contraposición a un Executivo do PP que leva catorce anos “triturando o presente e o futuro e que deixa unha Galiza máis débil”.