A piques dun novo proceso electoral detémonos hoxe no fermoso concello de Ponte Caldelas, se cadra un dos da nosa área de influencia onde o resultado de maio parece cantado: O actual alcalde, Andres Díaz Sobral, debería manter a súa maioría absoluta sen ningún problema. Como sempre que fomos visitalo atendeunos con moita amabilidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ A candidatura que vou ter a honra de encabezar en maio está formada por persoas emocionalmente implicadas con Ponte Caldelas e cun perfil social moi marcado. Non nos pomos ningún tipo de límite e o noso obxectivo e ampliar a nosa maioría”
O primeiro que me chama a atención, alcalde, é a cantidade inmensa de persoas que veñen ao teu despacho. Isto é así sempre?
Si, todos e cada un dos días.
E como levas o asunto do estrés?
Ben, lévoo ben. Son un home tranquilo que ademais me sinto moi respaldado pola miña familia e o traballo lévoo moi ben. Por outra parte as persoas que están na porta do despacho non o fan por capricho. Son veciñas e veciños que polo xeral veñen comunicar algún tipo de problema, que pode parecer ás veces pequeno pero para quen o padece é moi importante. Para min é unha obriga moral, que vai co cargo, escoitalos, atendelos con respecto e procurar solucionar os seus problemas de maneira dilixente.
O que temos que reforzar no próximo mandato, se a maioría da veciñanza nos volve distinguir coa súa confianza, e a atención persoal para que a xente non teña que esperar moito tempo para ser atendida. A brecha dixital é aínda moi importante e a xente require atención presencial.
A xente maior claro?
Si, pero non só. Agora saíron as axudas para o alugamento e teñen certa complexidade polo que tamén lle temos que prestar axuda a algunhas parellas novas.
E hai xente moza que se quer vir vivir a Ponte Caldelas?
Nas dúas inmobiliarias que hai na nosa localidade teñen lista de espera. O problema é que non temos oferta para atender toda a demanda. Este Concello leva seis anos consecutivos crecendo en poboación e poderiamos crecer máis se tiveramos máis oferta pero eu quedo coa visión positiva: hai moita xente de fóra que ten interese en vir vivir a Ponte Caldelas e para min é un enorme orgullo.
Estamos a piques de rematar o mandato, o teu segundo mandato como alcalde e o primeiro con maioría absoluta: que valoración fas destes 4 anos?
A valoración é positiva. Tivemos acertos e erros desde logo pero creo que se pode dicir que obxectivamente Ponte Caldelas mellorou. Somos un concello con crecemento, temos fibra óptica en todas as aldeas, o único concello de Galicia que pode dicir iso, as comunicacións internas melloraron a atención á veciñanza tamén. Sempre se pode mellorar pero en liñas xerais estou moi satisfeito.
Cales foron as actuacións que neste mandato che produciron máis satisfacción persoal?
Por primeira vez na historia Ponte Caldeas conseguiu fondos europeos que empregamos para mellorar e humanizar distintas rúas do noso concello. Por outra parte tamén fixemos actuacións para mellorar distintas zonas do rural.
Os fondos conseguístelos en concorrencia competitiva?
Si. Houbo que competir con outros países e moitos outros concellos claro, presentar un proxecto atractivo e moi ben elaborado.
Dicía o PP de Ponte Caldelas na súas redes sociais sobre a avaría que provocou un corte de auga o pasado 14 de marzo : “ Segue o caos e a falta de previsión”. O corte de auga foi resultado do “ caos e da falta de previsión”?
Eu comprendo que a oposición ten que buscar a forma de desgastar ao goberno, pero se iso é todo o que teñen , a verdade é para estarmos moi satisfeitos. A avaría do día 14 foi nunha obra da DEPO cando unha escavadora tocou unha tubaxe. Foi reparada en menos dunha hora.
Tamén denunciaba o PP local o suposto risco de contaminación que presentarían as captacións de auga da traída municipal. Que tes que dicir ao respecto?
Nós temos 27 captacións de auga rexistradas a nome do Concello , que xa tiña rexistradas o PP cando gobernaba. Só se utilizan 6, que son as que se utilizaban antes. As outras non se necesitan de momento e non están coidadas. Pero de aí a insinuar que estamos a contaminar á xente en fin….A auga municipal está constantemente revisada e analizada tanto polos técnicos municipais como por augas de Galicia.
O PP tamén considera que as achegas para emerxencia social diminuíron?
Nós cando chegamos ao goberno no último presuposto do PP, ano 2015, había
122.000€ para o SAF, agora hai 330.000€. Para emerxencia social dispuñan 3.000€.
Só 3.000€?
Sí, só esa cantidade. Nós 25.000€ este ano e 35.000€ o anterior que non chegamos a utilizar toda. Que o PP diga que nós reducimos as partidas para atención social é unha falsidade absoluta que se cae polo seu propio peso. En calquera caso dígoche con absoluta firmeza que este goberno e este alcalde somos absolutamente sensibles ás necesidades de quen peor o pase, e nin unha soa, pero nin unha soa necesidade de axuda social, que cumpra cos requisitos legais, de calquera veciño ou veciña de Ponte Caldelas quedou nunca sen atender. E comprométome a que mentres siga tendo a honra de ser alcalde do meu pobo seguirá sendo así.
Cal é a túa posición ao respecto da pretensión de facer un encoro en Forzáns?
É unha barbaridade que non imos permitir. Nós chegariamos a un proceso xudicial se fixera falta, porque ese proxecto é contrario á normativa medio ambiental europea. A min a directora de augas de Galicia e o presidente da confederación hidrográfica do Miño dixéronme que o encoro non se facía de ningún modo.
E parecéronche sinceros?
Ben. Imos estar moi atentos a ver como se desenvolven os acontecementos. A min pareceume fatal ter coñecido un proxecto que afecta a Ponte Caldelas pola prensa e da maneira máis rotunda posible dígoche que este goberno e este alcalde non van permitir nin o encoro nin o transvasamento.
En relación ao proxecto de eólicos de Cotobade que teñen a liña de evacuación por Ponte Caldelas cal é a túa posición?
Nós non estamos en contra das enerxías renovables. Pero tal como están formulados estes proxectos de parques: arrasando o territorio, e sen compensacións suficientes para quen vive onde se queren chantar os muíños dicimos non, rotundamente non.
Tes decidido xa as persoas que che van acompañar na candidatura?
Si. Imos combinar veteranos con algunha cara nova. Os perfiles son moi semellantes: a militancia no PSOE non é un criterio que teñamos en conta, todas as persoas da candidatura son honestas, traballadoras, emocionalmente implicadas con Ponte Caldelas, solventes, rigorosas e cun perfil social moi marcado.
As expectativas realistas coas que se presenta a candidatura que encabezas?
Imos tratar de ampliar a nosa maioría absoluta. É a pulsión que percibimos polas rúas. E desde logo que non nos pomos ningún tipo de límite. Logo a veciñanza decidirá libremente e o que decidan ben decidido estará.
A carreira política de Andrés Díaz remata na alcaldía de Ponte Caldelas ou no futuro verémoste por Santiago ou Madrid?
Remata aquí. Servir ao meu pobo é a miña máxima aspiración política. Son feliz facéndoo e cando a miña vida política acabe volverei ao meu traballo que tamén me encanta.