Covelo C.F.

Covelo é un pobo moi pequeno do interior do país que presenta, como case todo o rural galego, graves problemas de envellecemento e de despoboamento. Cóntanos o presidente do equipo de fútbol, un home de 60 anos, que cando el era novo os alumnos do colexio pasaban de 1.000 e hoxe, medio século despois, apenas superan os 100.Porén, Covelo é tamén un pobo fermoso, dos máis bonitos que coñezo, que ten innumerables atractivos naturais, gastronómicos, e antropolóxicos para facelo un pobo enormemente atractivo para decidirse a vivir alí, e merece que se invistan os recursos necesarios para que poida ter as condicións suficientes, servizos e oportunidades, para que os mozos e mozas que queiran construír o seu proxecto de vida neste paraíso natural, o poidan facer.

O seu equipo de fútbol é un dos nexos que fornece ás veciñanza dun profundo orgullo de identidade e nós quixemos coñecelo polo miúdo. Velaí vai a conversa que tivemos co seu presidente.

Juan Vilasboas Troncoso, presidente.

O noso equipo de fútbol é un dos símbolos que nos identifica como pobo, e que nos fai sentir orgullosos de sermos de Covelo”

Queremos coñecerte un pouco mellor?.

Eu son natural de Paraños aínda que levo xa moitos anos vivindo en Covelo. Traballo como comercial desde hai máis de catro décadas, nunha importante empresa cárnica do noso pobo.

Cando e como comezou a túa relación co equipo de Covelo?

A miña historia é un pouco curiosa. Eu teño dous rapaces que xa pasan dos 30 e cando eran nenos e xogaban ao fútbol o único que facía era levalos a xogar. Logo, durante varios anos o equipo desapareceu e Covelo quedouse sen equipo de fútbol. Ata que arredor de media ducia de persoas nos xuntamos e decidimos crear un equipo no pobo para que os rapaces que tiveran interese puideran xogar en Covelo.

De que ano estamos falando?

Do ano 2012.Empezamos de 0.

Xa entraches como presidente?

Non, entrei como secretario. Como presidente levo dous anos.

Cantas persoas estades agora na directiva?

Oito persoas, dúas mulleres e seis homes.

Onde xogades os vosos partidos?

No campo municipal de Covelo, que agora se chama Amable Ramón Martínez Vidal.

Quen foi Amable?

É o actual vicepresidente. É un home que leva toda a súa vida vinculado ao fútbol en Covelo, xa desde a etapa anterior, facendo un traballo desinteresado e tremendamente xeneroso para que poida haber fútbol no noso pobo. Poñerlle o seu nome ao noso campo é un recoñecemento moi merecido.

Cal é o voso uniforme?

Camiseta verde e pantalón e medias brancas. A segunda equipaxe é de cor azul na camiseta, e negra as medias e o pantalón.

Só tedes equipo sénior, verdade?

Si, temos un equipo sénior que actualmente compite en 3º autonómica. Tamén hai un equipo de veteranos, que son independentes, pero que temos unha moi boa relación, fluída e cordial.

Por que non tendes canteira?

Encantaríame tela, desde logo que si. Pero por desgraza en Covelo non hai rapaces suficientes. A Galicia rural ten un grave problema de despoboamento e o noso pobo non é inmune a esa situación. Fíxate se é un problema grave que eu teño 61 anos e cando ía ao colexio pasabamos dos 1.000 alumnos, hoxe apenas pasan dos 100.

En Covelo non hai máis equipos ?

Non, non hai. Somos nós sós. E mira que en tempos hóuboos: Na Lamosa, en Paraños, en Barcia de Mera, en Maceiras..De feito nós cando comezamos aínda existía o Barcia de Mera.

Cantas fichas temos?

Na actualidade temos 25 fichas.

De onde son os xogadores?

En xeral son da comarca. Temos arredor de 12 que son de Covelo, e o resto son de distintas localidades veciñas.

Estades en 3º autonómica. Que tal ides nesta temporada?

Estabamos bastante ben, chegamos a estar de 5º, pero os últimos resultados non foron bos. Andamos máis ou menos pola metade da táboa.

Pensar en ascender este ano é factible?

Este ano véxoo difícil. A principios de temporada era un obxectivo que entendiamos como posible. Pero visto como vai a cousa, sen renunciar a nada, penso que está complicado.

Como valoras a vinculación que ten o pobo de Covelo co seu equipo de fútbol?

Temos moitos socios e colaboradores aos que lles estou moi agradecido. Sen o seu apoio sería moi complicado poder seguir existindo. O equipo é un símbolo de identidade que nos une como pobo, que nos fai, xunto con moitas outras cousas, estar moi orgullosos de sermos de Covelo.

A sociedade de Covelo responde moi ben co seu equipo de fútbol. Covelo era un sitio historicamente de vir pouca xente ao fútbol, pero cada vez notamos un maior apoio da nosa afección. Tamén é verdade que nós procuramos facer cousas para motivar á xente.

Por exemplo?

Pois temos organizado por exemplo unha chocolatada con rosca que tivo moito éxito.

E cando ides fóra levades público de Covelo?

Cada vez máis. Ás veces hai máis xente de Covelo que afeccionados do equipo local.

Cantos socios tedes?

Arredor de 150.

A cuestión económica como a levades?

Imos tirando como podemos. A verdade é que está todo enormemente caro e resulta bastante difícil. Procuramos facer unha xestión moi responsable dos nosos recursos para que non cheguemos a ter problemas serios. Nós temos unha subvención do Concello pero só cubre o 30% do orzamento. O outro 70% temos que buscalo entre os socios, a publicidade e a cantina. Ás veces hai que facer verdadeiros malabarismos para cadrar os números.

Que tal se porta o alcalde Pablo Castillo co equipo?

Pórtase moi ben. En realidade pórtase de marabilla. Sempre está cando o necesitamos. E, no que está na súa man, resolve calquera incidencia que teñamos de maneira áxil e dilixente. Nótase que o noso alcalde está moi orgulloso do noso pobo. E calquera entidade ,colectivo ou individuo que poña en valor Covelo sempre o vai ter para colaborar man con man.

En función da realidade económica e demográfica de Covelo, ti cal cres que sería a categoría natural na que o equipo se debera de consolidar?

Eu creo que nos deberamos mover entre a segunda e a primeira autonómica. Temos que ir paso a paso e o antes que poidamos subir a 2º e consolidarnos nesa categoría. E unha vez que iso aconteza, habería que formularse metas maiores e pensar na 1º autonómica. Pensar en máis arriba véxoo case imposible.

Ti non es ningún mozo, Juan. Aínda tes o corpo para o esforzo tan grande que esixe dirixir un equipo de fútbol modesto?

A verdade é que isto esixe moito tempo e moito esforzo, si. Gústame moito o que fago, pero no momento no que tanto eu como os meus compañeiros deamos un paso atrás agardo que haxa quen tome o relevo. Non creo que a curto prazo teñamos problema para a continuidade no tempo. Pois na directiva hai dúas mozas moi novas e moi preparadas, que aínda teñen corda para moitas máis batallas.