Exposición do artista Moises Iglesias Santos en Afundación

Moises Iglesias Santos escultor A Nova Peneira

O artista do Morrazo e veciño de Redondela Moisés Iglesias, desenvolve a súa segunda exposición na sede de Afundación, na rúa Velázquez Moreno 18 de Vigo, entre o 7 de novembro e o 8 de decembro. A nova Peneira conversou con el, e a verdade foi un pracer charlar, do seu traballo en particular e da natureza da arte en xeral, cun home amable culto e sensible como el. Animo a todas as lectoras e lectores que posúan sensibilidade artística a que se acheguen pola fundación a gozar coa súa obra, vailles sorprender en positivo pola súa gran calidade estética

Comecemos polo principio Moisés, de onde es ti?, a que te dedicas profesionalmente e como se iniciou a túa actividade artística?

Eu nacín en Cangas, paso por moi pouco dos 50,e vivo en Redondela desde hai 15 anos. Estudiei decoración en Santiago

Caramba que bonito, e por que decoración?

Por nada especial, supoño que sempre tiven vocación pola estética. Traballei en empresas familiares, a miña familia tivo ximnasios no Morrazo. E tamén tiven moita vinculación con distintos traballos manuais ata chegar á actualidade que traballo en Lourizán na antiga escola de capataces

E a actividade artística, cando comezou?

En Xullo do 2.017 comecei a facer a primeira obra de carácter abstracto, antes facía talla en madeira e algún tipo de traballo relacionado co bonsai. Aos 16 meses da primeira obra decidín expoñer.

Que tipo de obras fas?

Sobre todo relevos en madeira con predominio de madeiras nobres recuperadas

Cando foi a túa primeira exposición?

En novembro do 2018

Cantas obras compuñan a exposición?

5 esculturas e 19 relevos

Pero a ti que non che coñecía ninguén no mundo da arte, como fixeches para poderes expor?

Fixen un dosier, con fotos das miñas obras e unha pequena explicación das mesmas e mandeino por correo postal á fundación, e o mesmo día que o recibiron xa se puxeron en contacto comigo para darme unha data

Canto tempo durou a exposición?

14 días

E como valoras o seu resultado?

Valóroo como excelente, non podo dicir outra cousa

A túa intención era só darche a coñecer ou tamén vender as obras?

As dúas á vez, e vendín 5, 3 esculturas e 2 relevos

Caramba, para ser a primeira vez que expuñas o resultado foi impresionante

A verdade é que si, foi moi satisfactorio

Que prezo teñen as obras?

Naquela exposición a máis barata sobre 240€ e a máis cara sobre as 4.000€

Cales son os criterios que utilizas para pórlle os prezos?

Non os puxen eu, derivou dun consenso entre varios artistas, sempre tomando como medida os prezos medios, nin moi por riba nin moi por baixo, nos que se move o mercado

A creación artística debe responder unicamente a criterios estéticos ou tamén a criterios éticos?

Para min a ambos parámetros. A arte debe aspirar a perdurar no tempo e debe transmitir unha mensaxe subxectiva. Ao meu xuízo a súa interpretación debe quedar a criterio da imaxinación do suxeito perceptor

Estou de acordo co da perdurabilidade, pero teño unha visión diferente en canto ao outro aspecto que formulas, supoño que o artista creará en función dunha idea previa, e o adecuado será unha interpretación o máis aproximada posible a esa idea, non?

Non, para min non. Eu teño unha idea que me inspira a crear ,pero non é nada definido nin pechado, vouna modificando a medida que avanza o proceso creativo e para min é moi importante a subxectividade interpretativa de cada observador

Se ti creas unha obra e é percibida por 10 persoas distintas ás que lle transmite 10 interpretacións diferentes, non supón un fracaso?

Non, todo o contrario, para min é un éxito rotundo, porque da subxectividade dunha idea inicial naceron 10 interpretacións diferentes e esa situación, para min, é un éxito do proceso creativo. De feito eu nin sequera lle poño título ás miñas obras, cada observador ten que formar o seu propio criterio e todos son perfectamente válidos

A crítica ou a denuncia social están presentes no teu proceso creativo?

Non, creo que ese parámetro é puramente obxectivo e de forma abstracta non se podería expresar.

Ben, como foi a segunda exposición?

Xa o día que rematou a primeira comecei a crear a segunda, que é a que estamos facendo hoxe. Leva o mesmo tipo de obras con materiais algo máis refinados e precisos

Cantas pezas expós?

Nesta 14 relevos e 3 esculturas

De que data a que data é a exposición?

Do 7 de novembro ao 8 de decembro, malia que cando realizamos esta entrevista acabamos de iniciala, podo dicir que o primeiro día foi un éxito rotundo.

Pódese vivir da arte?

É moi difícil, hai xente que si o ten conseguido, pero é dificilísimo

Ti aspiras a chegar a esa situación?

Si, claro que si, é un sono que teño, sempre é bonito ter metas elevadas, non é nada fácil pero eu vou pelexar por elo

Á hora determinar a calidade ou falta dela dunha obra artística, hai razóns obxectivas que o poidan marcar con claridade, ou iso depende da percepción subxectiva do observador?

Non, non as hai, todo depende do criterio subxectivo do perceptor

Temos visións diferentes Moisés, eu creo que si as hai

En moitas ocasións iso decídeo o mercado

Son cousas diferentes, creo eu, non falo de criterios económicos que por desgraza si os determina o mercado, falo desde unha perspectiva técnica da calidade artística

Si, vale, para iso están os críticos de arte. E en moitas ocasións a subxectividade do crítico, asegúroche que desprovista de calquera criterio técnico é a que move mercado. A arte neste momento está un pouco prostituído, non hai criterios claros que marquen a diferencia entre o éxito e o fracaso.