Ignacio Sánchez Bussóns, Nacho. Farmacéutico de zamáns

Farmacia Zamáns Concello de Vigo A Nova Peneira
G.Figueiredo

O rural galego padece un enorme problema de despoboamento que ameaza seriamente a súa subsistencia, a carencia de oportunidades para que as mozas e mozos desenvolvan un proxecto vital persoal alí onde naceron, unida á escaseza, cando non inexistencia, de servizos, obriga ás persoas orixinarias de zonas rurais a teren que emigrar para poder vivir. Zamáns é a parroquia máis pequena de Vigo e a que máis se adecúa a este tipo de parámetros. Os veciños e veciñas da parroquia non teñen ao seu dispor ningún tipo de servizo, agás unha farmacia. Non teñen centro médico, nin centro de día para maiores, nin ludoteca para os máis pequechos e o transporte público é peor ca deficiente. A Nova Peneira conversou co seu farmacéutico para que nos axude a coñecer un pouco máis como é traballar no contexto no que el traballa. .

AGORA MESMO TEMOS QUE DEDICAR ENTRE DÚAS E TRES HORAS DE TRABALLO, CADA DÍA, PARA BUSCAR MEDICAMENTOS NECESARIOS PARA ALGÚNS PACIENTES, E MOI DIFÍCILES DE ATOPAR”

Nacho, fálanos un pouco de ti. De onde es, que estudos realizaches?

Eu nacín en Guadalajara, a miña familia é de Madrid e a súa contorna. Cando eu contaba con ano e medio, máis ou menos, destinaron ao meu pai a Ourense. O resto dos meus irmáns xa naceron alí.

Rematei a carreira de Farmacia no ano 84 e fixen tamén, na mesma facultade, Óptica Optométrica que acabei no ano 85.

Cales foron os motivos polos que decidiches abrir unha farmacia no rural?.

Fundamentalmente porque a lexislación non me permitía naqueles intres poder acceder a outra farmacia.

A maneira de acceder a unha farmacia era por artigo de excepción, senón tiñas que pagar uns traspasos moi elevados. Busquei unha zona do rural que tiña que ter dous mil habitantes, como mínimo, para poder servir. Despois de catorce anos é moita loita co colexio farmacéutico conseguín abrir esta farmacia.

Pero a parroquia de Zamáns conta cuns 770 veciños, se para abrir unha farmacia no rural precísanse mínimo 2000 habitantes, como é que puidestes abrir este establecemento aquí?

Houbo que anexionar outras zonas que estiveran relacionadas como Cela, Herville e algún barrio máis.

A administración axúdache? porque non é o mesmo ter unha farmacia nunha zona urbana, ca nunha parroquia como esta con menos de 800 habitantae.

A administración non nos axuda absolutamente nada, é máis, tardaron case tres anos e medio en concederme a Licenza de Actividade pedíndome un suposto informe de utilidade pública que no sabía moi ben ao que se refería

Vaia, en vez de axudar, a administración pon trabas?

Si, totalmente. Asemade esta zona estaba afectada por un plan urbanístico do Concello e poder atopar un local foi unha labor moi difícil.

E o perfil do cliente do rural, é moi diferente ao da cidade?

Si, é diferente. Aquí a xente ven máis buscando o teu consello, fíase máis do que lle poidas indicar. Tamén dicir que aquí, ao principio, custa máis ganarse a súa confianza, cando xa a tes e como se foxes da familia.

Alén de dispensar medicamentos, ofrecedes algún outro servicio na farmacia?

En realidade non se ofrece ningún, pero realízanse.

As veces facemos algunha cura porque a xente non quere desprazarse a urxencias. Ao principio intentábase abrir un pouco máis o abanico de servicios, dar consellos de nutrición que facían axencias externas, audiometrías, algo de optometrías que fixen eu. Logo a lei delimitou máis esas actividades e agora practicamente só damos consello profesional e dispensamos medicamentos.

O rural galego sofre problemas moi serios de falta de servizos e Zamáns non é unha excepción, a existencia da farmacia a medio prazo podería correr perigo?

Eu espero que non, o servicio está aquí bastante establecido, pero podería acontecer claro. Se a zona perdese rendibilidade sería moi complicado poder seguir coa actividade.

Cal é a túa opinión da política de prezos dos medicamentos?,

A política de prezos está prexudicando aos usuarios naqueles medicamentos que non teñen alternativa. Cando os laboratorios perden a patente e os fabrican máis empresas, baixan os prezos. Con isto a Sanidade beneficiase e os usuarios tamén, porque digamos, hai unha distribución de máis cantidade e a un prezo máis baixo. Por outra parte teño que dicir tamén que o sistema o que está favorecendo é que, os medicamentos que teñan aínda patente poidan dar prioridade aos mercados onde máis lle paguen, e alí van a ir claro está.

Os períodos de pago da administración ás farmacias  como son, moi extensos? ou compren con regularidade?

Aquí houbo de todo. Houbo momentos onde cubríase o presuposto inicial do ano e cara finais do mesmo, cando xa non había fondos, había que recorrer a créditos de adianto por parte da banca e, nestes intres, se está facendo os pagos a mes vencido.

Agora fálanos da falta de subministración dalgúns medicamentos. Eu teño aquí unha lista cos da semana pasada, pero tódalas semanas sae unha lista nova. A que se debe esta falta?

Este é un problema grave. Agora mesmo estamos dedicando de dúas a tres horas diarias en busca de faltas, de todos os posibles distribuidores a nivel nacional, non só de Galicia. É atafegante que unha persoa precise unha medicación determinada e non teñas capacidade para poder conseguirlla.

Tamén acontece que os médicos, as veces, son bastante obtusos na prescrición de medicamentos. Pese a saber, nalgúns casos, que ese medicamento non está dispoñible, indican ao paciente que o busquen en distintas farmacias.

E estes medicamentos, teñen algún xenérico que os substitúa para que os pacientes que os precisan non queden sen as súas medicinas?

Non, a falta sempre é nos medicamentos que non teñen xenérico, e isto é un problema.

Aquí para xente doutras provincias, estamos situados nunha carreteira de paso, preguntándome por algún medicamento en concreto.

É máis difícil conseguir sufragar esa falta de medicamentos nesta farmacia do rural, ou pola contra a dificultade é a mesma ca nas demais farmacias da cidade?

Non, a dificultade é a mesma, os provedores son os mesmos para todos.

Algunha vez viviches algún atraco ou situación complicada análoga?

Soamente unha vez, hai uns doce ou catorce anos, pero non puideron entrar e non chegou a pasar nada.

Queres dicir algunha mensaxe para quen poida estar pensando en abrir un establecemento no rural?

Para abrir unha farmacia, agora mesmo é a administración a que se encarga do reparto de zonas e de distribución das propias farmacias segundo a poboación. Xa non hai opcións a ter que buscar ti un lugar, é a Xunta de Galicia a que promociona o mapa farmacéutico e sae a concurso de méritos, pero este non está moi claro. Hai moita xente que non está de acordo con ese baremo de méritos e está recorrido. Eu creo que debería ser un pouco máis aberto do que é.

Aquí rematamos, moitas grazas por atendernos Nacho.

Grazas a ti.