A veciñanza comuneira non defraudou e unha vez máis embargoume un forte sentimento de comunidade ao ver despregados, a esquerda e dereita, a centos de camisetas verdes perfilando a estrada de acceso para agasallar cun sonoro recibimento aos concorrentes ao aquelarre urbanístico oficiado por Arévalo e Mouriño. A masiva presenza da veciñanza podería parecer razón de peso para que a xente de ben se abstivera e recuara, pero a cobiza non ten domicilio fixo e maioría foi entrando sen reparo a ser cómprices do despropósito medioambiental que alí se estaba xestando. Algúns estiraban o pescozo aparentando ser importantes pero o seu sorriso nervioso delatábaos. Outros apuraban o paso coa mirada esquiva. Só as de corazón de brea pasaron altivas e indiferentes ao clamor da veciñanza.
“NIDIA, MOURIÑO, O MONTE É DOS VECIÑOS” centos de gorras unísonas foron ninguneadas. O tintíneo das moedas nos seus petos é o único que escoitan os perpetradores desta desfeita ecolóxica.
As artificiosas luces da posta en escena da colocación da primeira pedra non disiparon as sombras da sospeita, máis ben as alongaron ata o tétrico. A cópula entre a ambición e a cobiza só podería ter por enxendro esta abominación. Algún destello no dispositivo policial despregado para intimidarnos e irían a tomarlle medida das monecas a Nidia e Mouriño adiantado así o traballo por se cando a Xustiza ditamine resulte que estiveron deixando o mal ás súas costas?
Como mellorarían as cousas se a nosa pequena francotiradora social deixara de usar os dedos para sinalar como delincuentes aos veciños e veciñas que loitan polo ben común e os empregara para contar os votos das pasadas eleccións municipais agora que insiste en presentalas como un plebiscito sobre o futuro do monte. Porque a pesar de todas as súas mentiras de pret a-porter, as defensoras dun Mos verde sumaron e suman máis apoios que ela. Daquelas súas rotundas afirmacións electorais: “nunca expropiarei” e “endexamais se levará a cabo sen o consenso de Tameiga ” só queda a rotundidade, a mesma, pero que agora devora comuneiros con fame atrasada.
A súa parella de baile, o indiano, retornou coa intención de facer unhas segundas américas despregando as súas avezados dotes en misturar o público co privado. Arribou pisando forte, presumindo de primoxénito do abolengo espoliador e de bruces atopouse portando o sambenito de advenedizo entre a alcurnia autóctona. A Madre Patria é coto de caza exclusivo e non hai busssines sen peaxe.
Non son capaz de imaxinar aquel momento no que se atoparon por primeira vez Arévalo e Mouriño sen que o ceo sobre as súas cabezas non fora esgarrado por un terrorífico arco voltaico. A natureza tivo que alertar do funesto encontro. A realidade é máis imperceptible, pero estou segura que alomenos houbo un alarido premonitorio na metade desa noite. Quizás non foi máis que un de tantos. Quizás a Natureza quedouse afónica e languidece inerme ante tanta tropelía.
A natureza vai ter que aprender a confiar de novo na humanidade, alomenos nunha boa parte dela. As comuneiras de Tameiga imos darlle unha proba de vida. Os alicerces entre a veciñanza comuneira son tan fortes que cando cruzamos a mirada brila un Non Pasarán! A nosa alianza coa terra está selada.