Javier Bas ex alcalde de Redondela

Javier Bas Alcalde Redondela
Marcos Santos e Tino Lago.

Repasamos xunto ao ex alcalde de Redondela , actual xefe da oposición do concello e asesor da DEPO, Javier Bas a actualidade política do concello e todo o que atinxe ás súas novas responsabilidades na deputación de Pontevedra. Javier é un tipo que defende as súas conviccións con vehemencia , ideas moi lonxe das miñas, pero deféndeas de maneira respectuosa e cordial e de novo foi un pracer conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Nos primeiros 100 días o goberno dedicouse só a fixar os seus soldos, e deixou de lado os problemas de Redondela”

Ex alcalde de Redondela ex deputado nas cortes do estado, xefe da oposición de Redondela, asesor do presidente da DEPO. Non sei se te sentirás un pouco como o “ floreiro chinés” que dicía Felipe González?

Non é necesario entrar no terreo dos sentimentos, abonda cunha valoración obxectiva da realidade para constatar que a miña actividade política en todos os eidos é moi intensa. Polo tanto o de floreiro chinés de momento nada, pero nada de nada. Todo o contrario, son un orgulloso servidor público que traballa con intensidade e que procura , con acertos e erros, contribuír ao ben común.

Concreta un pouco ese traballo intenso que dis realizar no eido de xefe da oposición do concello de Redondela?

Somos un equipo de 10 persoas, que teño a honra de dirixir, e que estamos traballando arreo visitando as distintas parroquias de Redondela, atendendo aos veciños, tratando de identificar os seus problemas e necesidades. E levar todo iso a pleno para por suposto tratar de ser eficaces e contribuír a solucionalas. O PP de Redondela fai un intenso traballo a pé de rúa, estamos a carón da xente e procuramos facer efectiva a función real da política: contribuír a mellorar a vida dos demais.

Por que non repetiches nas listas como candidato a deputado nas eleccións estatais?

Ben eu , tal como me comprometera, tiña decidido quedarme en Redondela, xa fora como alcalde xa fora como xefe da oposición. E, como ves, cumprín o meu compromiso. Podelo cumprir de maneira efectiva e útil estando en Madrid sería moi difícil. Aproveito a pregunta para destacar que a experiencia de deputado nacional foi magnífica. Foi unha honra poder ter servido aos meus veciños desde o Congreso de España.

O teu posto na deputación déroncho por non terche metido nas listas ao congreso?

Non, para nada. Rotundamente non. O da DEPO xurdiu máis adiante.

Ti , igual ca min, non es un rapaz pero aínda non toca a xubilación e precisas un traballo para poder vivir. No momento que constatas que non vas ser alcalde supoño que terías un plan para poder seguir gañando a vida?

Si, eu ía volver ao banco. Esa era a miña intención inicial. Eu xa tiña a posibilidade de compatibilizar o meu posto de xefe da oposición co meu traballo no banco.

Hai catro anos non tiñas esa opción?

Non, hai catro anos non.

E que cambiou, por que hai catro anos non e agora si?

Son cuestións persoais.

Na anterior Peneira o responsable do BNG de Redondela dicía que ti volviches de Madrid convertido nun “hooligan”.Que tes que dicir ao respecto?

Esa é unha apreciación do señor González que en absoluto responde á realidade. Simplemente non é verdade. O líder do BNG é o único responsable que está no pleno que non ten experiencia de goberno. E aínda por riba permítese impartir maxisterio do que hai que facer. Pois que o faga¡¡¡ Que se meta no goberno , como lle convidan, e que goberne. Pero non o fai, e por que non o fai?, porque non é capaz, e non é capaz porque ten medo a gobernar co que se converte nunha forza irrelevante na política municipal.

No que respecta ás retribucións económicas do goberno votastes en contra. Por que?

Fundamentalmente pola perda da calidade democrática que sofre o concello de Redondela. Nun tema como ese é necesario escoitar a opinión de todos os grupos .Nós pedimos reunirnos coa alcaldesa para trasladar a nosa visión sobre este tema e a alcaldesa pechounos a porta.

A alcaldía non aceptou reunirse co grupo do PP?

Iso é literalmente así. A perda de calidade democrática obríganos a votar en contra, pero non só iso. O concelleiro de AER, o señor Villar, di que o que acordaran co BNG era un acordo inmoral. E como imos a votar a favor de algo que eles mesmos describen como inmoral¡¡

Esa suposta inmoralidade a que se refire en concreto?

Ao liberado que pediu o BNG. Quixera dicir ao respecto disto que o señor Villar, xunto con varios membros de AER, dixera meses antes no voso medio de comunicación que non ían apoiar nin a Digna Rivas nin a Javier Bas. E obviamente o que fixeron non se correspondeu co que dixeron. Non cumprir a palabra dada si que é unha inmoralidade. E ben, apoiar co teu voto o que ti mesmo consideras unha inmoralidade pois só ten un nome que o describa: Inmoralidade.

En que situación está o asunto do liberado do BNG?

Nós interpuxemos un recurso administrativo que nos desestimaron e estamos a valorar se utilizar a vía xudicial ou non.

E cal é o problema en que o BNG teña un liberado?

Pois que un grupo de oposición, con 3 actas, teña un liberado, e outro con 10 non, é unha flagrante inxustiza. Por outra parte segundo teño entendido vanlle dar un espazo físico no concello, algo do que o noso grupo carece. E nós temos que ter un sitio onde realizar o noso traballo político.

Pero por que non tedes ese sitio, será porque o concello carece de espazo suficiente?

Agora, neste momento, polas obras podo recoñecer que é así. Pero os catro anos pasados non. Nós cando gobernamos habilitamos un espazo para que cada grupo político puidera reunirse e traballar.

Faime unha valoración global dos primeiros 100 días do goberno?

Dedicáronse unicamente a aprobar os seus salarios e os temas importantes de Redondela pasaron a un segundo plano. A valoración é moi mala. É que xa non o PP , senón calquera observador obxectivo e imparcial como pode valorar que se perda unha subvención para o pavillón e outra subvención para a praza de abastos??.Subvencións que concellos de todo tipo de cores acadan e este non simplemente por falta de planificación e proxecto para Redondela.

Como pode valorar un observador obxectivo e imparcial que o señor Villar, concelleiro de AER, no queira dar o seu número de teléfono porque lle causa estrés?

Se iso é así, será o seu número de teléfono particular supoño

Non non. El cobra do concello e ten un teléfono asignado do concello e non o quere facer público

A situación do SAF como está?

Neste tema , como en outros, Digna Rivas engana a toda a veciñanza. Ela dixera que a actual empresa concesionaria en setembro estaría fóra. Estamos na metade de outubro e non só non están fóra senón que teñen prorrogado o contrato porque non foron capaces de sacar o prego novo. Nós puxemos encima da mesa unha solución

Dicía o responsable do BNG, na anterior Peneira, que “esa proposta era irregular e así volo fixeron saber os servizos xurídicos do Concello”

Iso non é verdade. O que se nos contestou era sobre un informe anterior que falaba sobre a subrogación dos empregados non da solución que propuxemos. A responsabilidade de que este asunto non estea amañado é de Digna Rivas coa colaboración de AER e do BNG.

Nas redes sociais vosas laiádevos de maneira recorrente da suposta falta

de limpeza de Redondela. Está sucia Redondela?

É evidente que si. Redondela está moi sucia. As parroquias están abandonadas e moitas zonas sen rozar. Redondela está sucia e abandonada e isto non xorde por casualidade. Nace da falta de planificación deste goberno, que traballa a salto de mata.

En relación a un problema importante de Redondela, o transporte escolar, cal é a posición do PP?

Eu estiven na concentración. Eu entendo a formulación das ANPAS. Pero considero que o que nós formulamos solucionaría un problema que é recorrente en Redondela. Nós consideramos un modelo semellante ao que se dá en Pontevedra e en Nigrán: Un transporte propio, municipal, inter parroquial conveniado coa Xunta de Galicia.

Sobre o contrato de Seragua?

Está vencido. E é un exemplo máis que notorio de como se xestiona este concello. Nós fixemos unha pregunta nun pleno sobre cales eran os contratos de servizos do Concello que estaban vencidos e os que ían vencer neste ano. A resposta de Digna Rivas foi a seguinte, e permíteme por favor que cha ensine –efectivamente ensínama:” Neste momento non dispoñemos dunha relación completa que recolla os datos solicitados”.Este é o nivel que temos na alcaldía de Redondela¡¡¡¡

Antes de rematar quero preguntarche sobre a deputación. En concreto en que consiste o teu traballo?.

Atender aos alcaldes e alcaldesas que teñan algún problema ou incidencia con algún proxecto e darlle un enfoque interno para poder solucionalo. A partir das conversas e da información que me transmiten os alcaldes eu traslado ao presidente modelos que se poden mellorar no futuro.

Atendes por igual ao alcalde ou alcaldesa sexa do partido que sexa?

Radicalmente si. De feito dígoche que algún e algunha que non son do PP en tan pouco tempo xa valoraron positivamente o meu traballo.

Estás fisicamente en Pontevedra?

Si,teño un despacho no edificio da Deputación.

Falaches xa cos alcaldes de Vigo e de Pontevedra?

Non, eses dous pola dimensión tan importante que teñen son competencia directa do presidente.

Recentemente o alcalde de Pontevedra criticaba con dureza a Rafa Domínguez no diario de Pontevedra, o vicepresidente 2º da DEPO e líder do PP local, por paralizar o proxecto da anterior DEPO para rehabilitar o convento de Santa Clara. Por que se anula este proxecto?

Descoñézoo.

Coa alcaldesa de Redondela tes tratado para algún tema que atinxa ao teu traballo na DEPO?

Non, pero por suposto estou ao seu dispor.

Sobre a distribución de fondos aos distintos concellos a anterior deputación tiña un sistema baseado en tres criterios obxectivos: poboación , extensión e dispersión. Vós ides mantelos ou ides recuperar o “ sistema Louzán”?

Nas miñas competencias non está a distribución de fondos. En calquera caso en breve o presidente da DEPO informará sobre ese tema que preguntas.

Rematamos Javier. Queres seguir aspirando á alcaldía de Redondela?

Por descontado que si. Quero volver a ser alcalde de Redondela e vou pelexar este mandato con todas as miñas forzas para facelo realidade.