O pleno aborda hoxe a facturación irregular: a revisión impulsada polo goberno municipal detecta graves infraccións

Concello do Porriño
  • A revisión da facturación irregular da conta 413, que ascende a preto de 5 M de euros, detectou graves infraccións que inclúen duplicidades, pagos por traballos que non se poden acreditar e importes engrosados
  • Parte desta facturación pendente de pago está sendo obxecto de investigación penal e comezouse coa revisión do lote restante para que as empresas que si prestaron o traballo ao Concello poidan por fin cobrar

O Porriño, 30 de novembro de 2022.

O goberno municipal do Porriño leva hoxe a pleno a devolución e retirada da contabilidade de facturas irregulares por importe de 1,1 millóns de euros que foron emitidas entre os anos 2017 e 2018.

A facturación irregular e pendente de pago que se inclúe na partida 413 supera os 5 M de euros. O goberno municipal iniciou a revisión e fiscalización de todas elas para determinar a veracidade da prestación dos traballos e si se axustan a prezo de mercado e nese caso proceder ao seu recoñecemento ou se, pola contra, se trata de traballos que non se prestaron ou pretenden cobrar por encima do prezo de mercado.

Ata o de agora levouse a cabo o procedemento de revisión de 3,5 M de euros de facturación irregular que o anterior goberno municipal deixou na conta 413, incluídos os máis de 2 M de euros en facturas pendentes de sentencia ao estar a ser obxecto de investigación penal. Neste momento está a acometerse a revisión da restante facturación retirada da contabilidade municipal para que as pequenas empresas e autónomos que se acredite que prestaron servizo ao Concello do Porriño poidan por fin cobrar.

A revisión de oficio promovida polo executivo detectou graves irregularidades na facturación presentada por 10 empresas que foron contratadas a dedo polo anterior goberno municipal, sen seguir ningún procedemento de contratación na adxudicación do contrato valéndose acordos verbais sen ningún tipo de garantía legal, causando ademais un importante dano ás arcas municipais.

Tal e como se acredita na fiscalización que está a levar a cabo o servizo de intervención do Concello do Porriño, existen facturas que foron pagadas nos anos 2017 e 2018 e, con posterioridade, foron rexistradas de novo para que se volveran a abonar contando coa conformidade dos concelleirosdelegados desas áreas sen que os técnicos municipais puidesen acreditar nin que se realizaran os traballos nin que o importe se axuste aos prezos de mercado.

“A revisión que estamos a efectuar de toda a facturación que se deixou no `caixón´ está a detectar infraccións moi graves e de non tela feito a día de hoxe estaríamos pagando dúas veces por traballos que non sabemos nin si se fixeron, xa que ademais hai conformadas para o seu pago múltiples facturas por traballos que non se acreditan”, apuntou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Hoxe traemos a pleno o desglose de parte desta facturación, informada debidamente polo Secretario Municipal e o Interventor Municipal, para rexeitala definitivamente e que se investigue polo miúdo o que estaba a pasar neste Concello. E por suposto, personarémonos como administración afectada no penal. Falamos de feitos moi graves”.

Neste sentido cabe destacar que os informes de Secretaría e Intervención apuntan a que non se acredita que se respectara o principio de boa fe na contratación e que puideronse engrosar e duplicar facturas, necesariamente co consentimento dos corporativos.