Conmemoración de 1100 anos de historia de Salceda e recoñecemento á Raíña galega Dona Aragonta por este feito histórico

Logotipo BNG

O BNG nesta Corporación Municipal de Salceda de Caselas e na súa representación Salustiano Guerra García, concelleiro, ao abeiro do disposto tanto no Artigo 34, punto 8, do Regulamento Orgánico Municipal (en adiante ROM) como no Artigo 82.3 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (en adiante ROF), no exercicio do seu cargo de Portavoz do BNG,

Propón incluír na Orde do día da sesión o seguinte asunto: “Conmemoración de 1100 anos de historia de Salceda e recoñecemento á Raíña galega Dona Aragonta por este feito histórico.

O BNG nas súa proposta electoral, entre outras, salientaba o feito de promover que a cidadanía se identifique co seu territorio onde reside e sinta orgullo de vivir en Salceda; nunha localidade á vangarda das transformacións sociais; con garantía de benestar, no presente e no futuro.

Así, observar o pasado e ter en conta o Patrimonio histórico propio de Salceda vén a asentar ese obxectivo; especialmente nas últimas décadas nun Municipio con grande crecemento poboacional, froito da incorporación veciñas e veciños procedente doutras localidades.

En correspondencia co exposto e atendendo á información obtida en investigacións sobre a historia de Salceda, facilitada a este Grupo Municipal do BNG polo investigador Xosé Manuel Suárez Estévez; que en síntese sinala:

Neste ano 2023 fanse 1100 anos de historia de Salceda; tal efeméride ten a súa orixe no feito histórico da ruptura matrimonial da Raiña galega Dona Aragonta, producida no ano 923; e, a consecuencia da mesma, o seu retiro no Mosteiro Santa María de Saliceta, fundado pola propia Raíña nas propiedades que posuía neste territorio salcedense.

Casara con Rei galego Don Ordoño II, no ano 922, do que foi a segunda muller, pois quedara viúvo no 921; quen trala ruptura voltou casar con Sancha de Navarra; unión que tampouco durou pois o rei Ordoño falece no seguinte ano 924.

Dona Aragonta González era filla dos Condes do Deza Gonzalo Betote e Tareixa Eiriz, fundadores do mosteiro de Carboeiro; así mesmo, sobriña de Ilduara Eiriz, fundadora do mosteiro de Celanova; e polo tanto prima de San Rosendo de Celanova; e tamén cuñada de Mumadona Díaz, fundadora do mosteiro de Guimaräes, capital histórica de Portugal, quen estaba casada co seu irmán Hermenegildo Gonzalez.

É evidente que Dona Aragonta e a súa familia formaban parte da realeza galega, no mais alto nivel da nobleza da época. Aínda que a súa unión con Rei Ordoño foi curta, a súa vida transitou ao longo do século X, mais de cincuenta anos mantendo o seu título de raíña e como muller empoderada até a súa morte; segundo ás crónicas, próxima no tempo á do seu primo Rosendo de Celanova, quen falece no ano 977.

É de salientar que Dona Aragonta vive nunha época convulsa; no século X; momento no que as confrontacións militares do Reino de Galiza contra a Hispania musulmana son constantes. A este escenario xuntase o perigo procedente do mar, no que os homes do norte, os normandos identificados cos viquingos, ameazan tamén o reino coas súas incursións anuais; nas que a cidade de Tui e a súa comarca foron obxecto de varios ataques, ao remontaren cos seus barcos polo río Miño; concretamente neste século existen as referencias históricas ás dos ano 930 e 970, que obrigaron aos bispos e a poboación a abandonar a cidade.

Nese escenario, as mulleres da nobreza quedan ao fronte da xestión dos bens e facendas; de aí o seu protagonismo como fundadoras de mosteiros e aseguradoras dos bens dos que están fora formando parte dos exércitos. Hai que ter presente que a existencia dun mosteiro e os señoríos asociados aos mesmos daban pé a que a poboación da época, en procura de certa seguridade, se acollera baixo encomendas á protección que lles facilitan os que dispuñan do poder que o Rei lles outorgaba, mediante condados ou outras figuras de xestión do territorio.

Nese contexto histórico a Raíña Aragonta foi artífice de que Salceda entrara, hai xa 1100 anos, na historia; e co paso dos séculos a Terra de Salceda fose, no bispado de Tui, unha entidade con carácter propio e protagonismo de seu.

O BNG considera considera que a Corporación Municipal en representación da veciñanza salcedense ten a obriga de realizar unha mención a esta efeméride.

Polo exposto formula, para a aprobación do Pleno do Concello a seguinte PROPOSICIÓN

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas, a proposta do Grupo Municipal do BNG, Acorda:

Conmemorar os 1100 anos de historia de Salceda e o recoñecemento á Raíña galega Dona Aragonta por este feito histórico, que ten a súa orixe na súa decisión de fundar o Mosteiro de Santa María de Saliceta; e a tal efecto deixar constancia da efeméride na Acta da Sesión.

Salceda de Caselas, 21 de decembro do 2023