A sociedade galega ante a vacina da Covid-19

Ante a próxima chegada das festas de Nadal, e despois dun mes coa hostalaría pechada nas principais poboacións galegas, con peches perimetrais de boa parte de concellos e áreas sanitarias, con limitacións ou prohibicións de xuntanzas entre persoas non conviventes, o goberno galego iniciou o que Feijoo denominou como a” desescalada” en Galicia, con certa relaxación no que as xuntanzas de non conviventes se refire, cunha apertura a medio gas da hostalaría e co mantemento, incluso nalgún caso o endurecemento , dos peches perimetrais. Ben é certo, que este mes de restricións deu resultado en canto a que todos os números que indican o estado da epidemia son mellores que no mes pasado. O número de contaxios diarios reduciuse, a incidencia acumulada tamén( de feito Galicia deixa de estar e risco extremo ao termos unha incidencia menor a 250 casos por cada 100.000 habitantes) a presión hospitalaria e notablemente inferior, e as taxas de positividade son tamén moito mais baixas que no momento de decretar as restricións de mobilidade. Porén de ningún modo se pode dicir que a situación estea baixo control. A día de redactar este texto , 6 de decembro, o SERGAS notificou 296 persoas diagnosticadas no día anterior. Estamos nun abano de entre 250 e 350 persoas que cada día son detectadas como novas infectadas polo virus que mudou a vida de toda a humanidade. Arredor de 300 contaxios ao día, nun contexto de moi severas limitacións no contacto social, indican con claridade a existencia de transmisión comunitaria. E a inminencia das festas de Nadal, coa conseguinte relaxación das medidas de prevención e o inevitable aumento de xuntanzas familiares fai temer aos epidemiólogos que a partir de xaneiro volvamos sufrir outro repunte de contaxios.

A evolución dos acontementos parece indicar que a estratexia de convivir co virus tratando de minimizar os seus efectos , no mellor dos casos, pode servir para que se produzan curvas de ascensos e descensos en directa relación coas medidas restritivas existentes. É dicir, cando menos elevadas son as limitacións de mobilidade, e polo tanto hai máis contacto social, ascenden os casos. E cando máis elevadas son as restricións, e polo tanto diminúe o contacto social, os casos volven a descender. Por desgraza non parece que o suficiente para poder controlar a pandemia. Se cadra, só un confinamento total prolongado no tempo, ou a aparición dunha vacina efectiva son as ferramentas que permitan acabar por fin con este pesadelo e volvermos á vida que tivemos ata o mes de marzo deste ano.

Nun tempo récord na historian da humanidade, semella que existen xa varias vacinas en disposición de ser administradas de maneira masiva a porcentaxes significativas de poboación a partir de principios do ano próximo. De feito, o presidente Sánchez manifestou recentemente que confiaba en que no mes de maio( supostamente cando remata o estado de alarma) haxa unha importante porcentaxe de poboación do estado, xa vacinada, e esteamos en camiño de acadarmos a inmunidade de grupo( cando o número de persoas inmunizadas é tan grande que fai imposible a expansión do virus).

Nas miñas viaxes polo país galego converso con moitísimas persoas. E neste último ano a charla sobre a situación sanitaria practicamente monopoliza calquera tipo de conversa. Teño que recoñecer que me sorprendeu bastante encontrarme cun número relevante de persoas que me manifestaron a súa total oposición a seren vacinadas, a maior parte por medo ao descoñecido, algunhas por prexuízos cara as campañas de vacinación en xeral, e unha pequena parte alegan estrambóticas teorías sobre intrigas e conspiracións.

Non teño por costume facer enquisas, nin domino as porcentaxes de poboación das que é necesario coñecer a súa opinión para considerar a mostra como representativa da sociedade en xeral, pero son un home moi curioso e pregunteille a 400 persoas a súa opinión ao respecto. O resultado foi o seguinte:

Persoas preguntadas: 400

Homes200
Mulleres200

Pregunta: Cando o proceso de vacinación estea en curso queres ser vacinado voluntariamente? : SI-NON

Área xeográfica: Galicia

Ámbito poboacional: Todos os existentes ( cidades, vilas e aldeas)

Contestaron285( 130 homes e 155 mulleres)71,25 %
Non contestaron11528,75%

Respostas totais

Queren vacinarse20471,57%
Non queren vacinarse6121,40%
Dubidan207,02 %

Vexamos os resultados desagregados por xéneros

Mulleres 155 respostas

Queren vacinarse10366,45%
Non queren vacinarse4327,74%
Dubidan95,80%

Homes 130 respostas

Queren vacinarse10177,69%
Non queren vacinarse1813,85%
Dubidan118,46%

En ningún caso preguntamos os motivos nin dos que queren facelo, nin dos que non queren. Nin sequera consideramos as razóns de quen voluntariamente si as ofreceu. Este é un traballo puramente estatístico que parece indicar que arredor do 70% da poboación galega si estaría disposta a ser vacinada de maneira voluntaria. Veremos cando chegue o momento de contrastalo coa realidade o seu nivel de verosimilitude.